George Orwell, “1984”, a vixencia actual do control social

1984

George Orwell

Tradución de Fernando Moreiras

Faktoria K de libros (Editorial Kalandraka), Pontevedra 318 páxinas.

 

O selo Faktoria K achéganos en tradución ao galego unha das obras máis coñecidas e paradigmáticas nese intento de inventar o porvir, a cidade imaxinaria do futuro que traduza as esperanzas ou os medos dos seres humanos que viven nun presente preñado de eivas e imperfeccións. “O delirio dos indixentes -escribía Cioran, crítico cáustico  da civilización occidental- é un xerador de acontecementos…unha multitude de seres febrís que queren outro mundo aquí embaixo e no intre”.

Os deseños utópicos, nas dúas variantes fundamentais (utopías positivas / utopías negativas ou distopías) acostuman estarse soamente na razón humana, con exclusión dos datos provenientes da historia, da economía ou da política. Non é ese o caso de novela 1984 de George Orwell. A odisea de Winston Smith, nun Londres dominado polo Gran Irmán e o partido único, debe interpretarse como unha crítica de todas as ditaduras, se ben as analoxías co comunismo stalinista  resultan obvias, tendo en conta a traxectoria vital e política do autor cando en 1948 escribiu esta novela.

Mais 1984 non só é a máis famosa das distopías ou antiutopías, senón tamén a máis depurada e clarificadora: describe con grande acuidade unha sociedade opresiva e pechada sobre si mesma, baixo o control dun goberno totalitario, pero presentándoa aos cidadáns como un ideal desexable e mesmo necesario. Porén o que Orwell deliña non son relación verdadeiramente humanas, senón o monstro totalitario nunha imaxe arrepiante e ata caricaturesca. Os mesmos nomes dos organismos e institucións dese réxime totalitario do Gran Irmán dan fe do arreguizo caricaturesco que provocan no lector dos nosos días. Ministerio da verdade, Ministerio da paz (xestiona os asuntos da guerra), Policía do pensamento, Ministerio do amor (organismo encargado de torturar a aqueles que como Winston Smith non aceptan que o enunciado 2+2 = 5 é verdadeiro).

Orwell relata o control total do individuo e a historia tráxica e aparentemente emancipadora de Winston Smith e Julia a través dun relato de lavado de cerebros, educación totalitaria da xuventude, emprego da psicoloxía e da linguaxe, substitución do amor entre as parellas polo amor cara o Gran Irmán, único sentimento afectivo tolerado polo réxime.

George Orwell

1984 continúa unha tradición narrativa cuxos antecedentes máis claros son as novelas Nós de Yevgueni Zamiatin, Un mundo feliz de Aldous Husley e Darkness at noon de Arthur Koestler. Asemade, 1984 exerceu fortes influencias literarias e cinematográficas no mundo da cultura posterior. Pero o máis preocupante é que 1984 transcendeu o ámbito puramente literario e podemos atopar pegadas da novela na vida cotiá. A conclusión más estendida no ano 1984 é que Orwell fracasara como profeta: o Gran Irmán non gobernaba no planeta. Pero Orwell nunca foi un profeta senón un escritor que pretendía concienciar. E o que semella evidente é que as actitudes descritas por Orwell non se esvaeceron. Non é necesario apelar á represión para manter a cohesión social. Unha ditadura como a que Orwell describe, non é viable nas sociedades capitalistas liberais. Pero hay mecanismos moito máis sutís e perigosos para tiranizar a cidadanía como son o control dos dereitos civís. Existen mecanismos formalmente democráticos e constitucionais mediante os que os cidadáns cedemos parte da nosa soberanía ao estado para protexer, como tal, a nosa seguridade. Modelos de sometemento semellantes aos descritos en 1984, pero revestidos de aparencias moito máis humanas e mesmo “desexables”. Velaquí pois a vixencia de Orwell e a oportunidade da tradución de 1984 ao galego.

A granxa dos animais, unha aposta polo seguro

A granxa dos animais

George Orwell

Faktoria K  (  Kalandraka Editora ), Pontevedra 2010, 110 páxinas.

En tempos de crise soe ser una boa receita apostar polo seguro. E o seguro, no eido da literatura, acostuma estar nos clásicos. Nos clásicos do noso tempo; eses que viviron intensamente, e moitas veces na propia carne, os grandes problemas humanos, que existen dende sempre, porque dende que o mundo é mundo humano hai dominantes e dominados. Xente que comanda dun modo absoluto e xente sometida, asoballada polas armas do poder. Un dos narradores do noso tempo, aínda que escribise no século pasado, que mellor soubo conectar coa sensibilidade actual verbo dos problemas do poder, da orixe das xefaturas e do seu exercicio despótico, foi Eric Blair ( 1903 – 1950 ), que escribiu baixo o heterónimo de George Orwell pezas tan memorables como Homage to Catalonia; 1984; e Animal farm. Esta última traducida a case que todas as linguas e que agora Faktoria K non ofrece en galego, con tradución de Fernando Moreiras. Unha tradución que sabe a galego e iso xa é moito dicir. O deseño editorial, marca de Faktoria K: moi actual e ateigado de frescor.

George Orwell

Achégome unha vez máis á lectura de A granxa dos animais sen poder esquecer aquel inquérito de Etiénne de la Boétie: como pode ocorrer que tantos homes, tantas aldeas, tantas cidades, tantas nacións sufran de cando en cando un tirano só, que non ten outro poder do que el mesmo se dá. Neste libro achamos unha resposta á vez lucida e realista. Tamén paradigmática porque a resonancia política das súas obras fixo de Orwell unha referencia proverbial. O adxectivo orwelliano emprégase hoxe case que tanto como kafkiano. Orwell, marxista, pacifista e antisoviético, perfecto coñecedor do que acontecía na URSS, escribe esta peza claramente distópica , politicamente incorrecta, porque descortiza a cerna do que ninguén recoñece, as maldades da sociedade. E faino botando man dun artificio moi pedagóxico: a fábula alegórica coa que plasma o seu radical rexeitamento e condena das sociedades totalitarias, baseándose na traizón de Stalin á Revolución rusa.

No grupo de animais da granxa que se rebelan, expulsan aos humanos e crean un sistema de goberno propio que acaba converténdose nunha feroz tiranía, están retratados, é verdade, os axentes e colectivos da Revolución Bolchevique de 1917 e a súa evolución cara a unha ditadura tiránica  e corrupta baixo as poutas de Satlin. Mais o seu significado transcende o caso particular soviético. Orwell, cunha linguaxe moi sinxela, realiza unha análise profunda da corrupción que xera  o poder, unha diáfana diatriba  contra todos os totalitarismos, tan vellos como a nosa civilización, ser seren exclusivos, malia o que Popper afirmou, das sociedades pechadas. Nese longo territorio espacial que vai dende as sociedades tribais ata as sociedades abertas, agroman sempre personaxes e colectividades como as que Orwell alegorizou  en  A granxa dos animais. Endalí pois que remate con outro interrogante, esta vez tralo ronsel de Foucault: non será que o poder ten como función esencial, non só prohibir e castigar, senón vencellar nunha espiral indefinida a represión, o pracer e a verdade?