Vidal Bolaño, Obras completas, volume III

 

Obras completas, volume III

Roberto Vidal Bolaño

Edición de Francisco Macías e X. M. Fernández Castro

Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2013, 273 páxinas.

    No pasado ano alguén chegou a afirmar que Roberto Vidal Bolaño era un medicamento contra a realidade. Remataron as celebracións do Día das Letras Galegas 2013 que lle dedicou  a Real Academia Galega ao autor quizais máis decisivo na historia do teatro galego de todos os tempos e Vidal Bolaño seguirá sendo ese tratamento radical contra a mesta e vulgar realidade de arestora e do futuro grazas aos seus escritos, as súas Obras completas que, consonte con proxecto orixinal, van saído con regularidade dos prelos de Edicións Positivas.

   Como nos dous volumes xa publicados, a edicións das pezas dramáticas deste terceiro afástase dos criterios cronolóxicos. Son nomeadamente criterios temáticos os que presiden a publicación dos seis volumes programados. En efecto, das seis obras editadas neste volume, as tres primeiras (Sen ir máis lonxe, Caprice de Dieux e Cochos) teñen en común o feito de que nas mesmas predominan os soliloquios e agochan trazos autobiográficos do autor. As outras tres (Bailadela da morte ditosa, Memoria de mortos e ausentes e Laudamuco, señor de ningures) comparten o elo do tempo inconcreto. Son atemporais, de sempre.

   A edición destes seis textos dramáticos é responsabilidade de Francisco Macías (as tres primeiras) e as outras tres, de X. M. Fernández Castro, autor do libro referencial, A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño (2011).

   Sen ir máis lonxe, a peza que enceta o volume, foi estreada polo Teatro de Aquí o 12 de abril de 1999, actuando Vidal Bolaño como director e actor principal. É unha peza na que abrolla sen eufemismos unha forte crítica social que nos chega  a través dunha falsa charla entre un bufón e o Apóstolo Santiago. Os trazos autobiográficos están encarnados na figura do bufón e na peza final están presentes así mesmo moitos elementos da “cultura da impostura” (Montse Pena Presas) e do exercicio da política do momento no que vive o personaxe que dialoga co Apóstolo. Caprice de Dieux, estreada polo Teatro Antroido en 1995 no Liceo de Noia, actuando tamén Vidal Bolaño como principal actor e director, é un axuste de contas cos poderes políticos galegos que o censuraran  despois da representación de Agasallo de sombras. Abonda con ollar o subtítulo (Discurso cívico para actor e bonecos ou fíxoa boa, señor Conselleiro) e o elenco de persoiros da política daquel momento aos que Teatro Antroido “ten o gusto de lle adicar este discurso cívico” para decatármonos da intensidade da carga crítica deste “antollos de desuses”.  Cochos, estreada por Uvegá Teatro en novembro de 1987, amosa as relacións e peripecias dun campesiño  metido a albanel, emigrante en Alemaña, co espazo hostil, “no celme mesmo da negriza” no que está mergullado. Imposibilidade de integrase nunha sociedade que o emprega temporalmente, obrigándoo a regresar a súa aldea natal ata o seguinte verán e negándolle a posibilidade de retornar levando algo de seu: un porquiño de cría. Bailadela da morte ditosa foi representada polo Teatro do Estaribel en 1980 no auditorio de San Domingos. É unha das pezas de Vidal Bolaño na que a morte deixa sentir a súa presenza en formas diversas nos sete cadros da peza que nos achegan sete maneiras de resignarse con ese derradeiro transo, desde a resignación ata o descaro. Memoria de mortos e de ausentes foi estreada en marzo de 1978 en Santiago polo Obradoiro de aprendizaxe teatral Antroido, baixo a dirección do propio dramaturgo. Escrita na súa primeira versión ao ano seguinte do despedimento de Vidal Bolaño da entidade bancaria na que traballaba. Na segunda e definitiva versión inclúe modificacións do espazo escénico. Vidal Bolaño baséase en tradicións populares, contos e poemas de distintos autores galegos e o resultado é unha proposta dramática que presenta unha sorte de “romaxe de ánimas” con presenza da Estadea e da Santa Compaña que teñen un papel central nesta peza.

Roberto Vidal Bolaño

  Finalmente Laudamuco, señor de ningures, peza estreada en maio de 1970 no Colexio La Salle de Santiago. O subtítulo da obra “Pandingada traxicómica do servo e do señor” fala as claras, aínda que de xeito alegórico, da súa intencionalidade de análise das estruturas de poder e dos seus resortes, ollados desde quen os detectan e tamén de quen os sosteñen, ata desaugar nunha visión farsesca, próxima  ao esperpento. O texto de Laudamuco, segundo recente confirmación de Roi Vidal Ponte, fillo do autor, está baseado nalgunhas ideas previas que se lle ocorreron ao dramaturgo mentres facía o servizo militar en Ceuta.

   Outras seis pezas dramáticas a disposición dos lectores galegos, concibidas e paridas polo honesto bufón compostelán. Moi apropiadas para espertar e axitar conciencias neste tempo de impasible conformismo.

   X ateño manifestado que esta non é unha edición crítica das obras de Vidal Bolaño. Os editores manteñen neste terceiro volume os mesmos criterios lingüísticos que xa empregaron nos volumes anteriores: adaptación dos textos á normativa actual, mais con dispares criterios de intervención no campo lexical, respectando sempre as intencións do autor, como tal na escolla á mantenta de castelanismos na procura de verosimilitude.

Vidal Bolaño, Obras completas, volume II

 

Obras completas, volume II

Roberto Vidal Bolaño

Edición de Francisco Macías e X. M. Fernández Castro

Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2013, 395 páxinas.

 

   Prosegue, ao ritmo pertinente para esta modalidade de traballos editoriais, a publicación das Obras completas de Roberto Vidal Bolaño, edición que leva a cabo Edicións Positivas. Os seis volumes nos que o selo editorial compostelán  xuntará toda a produción literaria de Vidal Bolaño, incluídos os textos non dramáticos, é obvio, e ata necesario, que non estarán rematados para a data do Día das Letras deste ano. Mais esta delonga acredita o bo facer dos editores, Francisco Macías e X. M. Fernández Castro, sobre todo se temos en conta que aínda hoxe seguen inéditas algunhas das obras de Vidal Bolaño. Como xa sinalei no comentario publicado verbo do primeiro volume, con anterioridade á elección pola Real Academia Galega da candidatura do gran referente do teatro galego, oe editores estaban traballado nunha ambiciosa “Biblioteca Vidal Bolaño”, unha edición crítica do corpus literario do dramaturgo galego. Foron sorprendidos pola decisión da RAG e, xa que logo, víronse na “obriga”  de nos achegar unha edición divulgativa do inxente material teatral e dos textos non dramáticos de Vidal Bolaño.

   Quizais algún día poidamos gorentar esa edición crítica das Obras completas do dramaturgo galego. Polo de agora, nestes meses previos ao Día das Letras, viron luz un bo presado de estudos e monografías sobre a figura do dramaturgo e a súa obra. Porén, se algo perdurará e quedará para sempre é a recompilación das  súas Obras completas, malia que estean descargadas de aparato crítico.

   Este segundo volume no que os  editores recollen seis textos dramáticos, comparten en efecto un “outrora”, un tempo anterior aos días que estamos a vivir e que tanto non feren e apesaran. Pero, por iso mesmo, os personaxes e mundos recollidos nestas páxinas seguen a ser moi actuais, seguen falando e testemuñando profundamente para o noso tempo.

   Son estes: Mar revolto (edición de Francisco Macías), estreada no ano 2001. Unha peza que recrea o acontecemento real do secuestro do barco Santa María, co que se pretendía derrubar as ditaduras de Franco e Salazar. O barco, na peza de Vidal Bolaño, convértese nunha verdadeira metáfora do mundo, como apunta Montse Pena Presas. A burla do galo (edición de X. M. Fernández Castro). Publicada e representada  no ano 2000. É unha peza que leva por primeira vez ao teatro galego o mito do donxoanismo. Doentes (edición de Francisco Macías). Estreada no ano 1998 e publicada no mesmo ano, Premio Rafael Dieste de 1997. Unha das obras máis ricaces e complexas da produción do dramaturgo: máis de corenta personaxes distintos; homenaxe á sátira e tumultuosidade  de Luces de Bohemia. Vidal Bolaño sitúa a acción en Compostela, nunha data na que o ditador se hospeda no Hospital Real e por ese motivo os enfermos son postos na rúa. As actas escuras (edición de X. M. Fernández Castro). Publicada en 1997 e estreada en xaneiro de 2010. Como en Doentes, a acción volve situarse e Compostela a finais do século XIX. Unha sorte de peza policial, unha trama de intriga e misterio novelescos, arredor do sepulcro do apóstolo que dará lugar a unha loita entre a razón e as inxenuas crenzas. Días sen gloria (edición de Francisco Macías). Publicada en 1992 e estreada ao ano seguinte, Premio Rafael Dieste e Premio Compostela. Regreso a unha sorte de teatro histórico, á materia xacobea, pero con xentes que están á marxe da historia, vítimas de todas as inclemencias. Pon cabo ao volume Agasallo de sombras (edición de X. M. Fernández Castro). Estreada en 1984 e publicada en 1992. Foi considerada a gran superprodución do teatro galego. É esa “Celebración libre e moi respectuosa, arredor do tempo, a vida e a obra da egrexia poetisa galega dona María Rosalía Rita Castro de Murguía”, que escribe o dramaturgo. Desmitificación e ao mesmo tempo afondamento na figura humana de Rosalía, muller, nai, actriz, á marxe  dos discursos oficiais e canónicos sobre a poeta galega, á que o dramaturgo presenta pouco despois de morrer, nese labirinto ateigado de sombras e espectros que influíron sobre a súa vida.

Roberto Vidal Bolaño

   Velaquí, pois logo, á disposición do lectorado galego seis pezas dramáticas moi apropiadas para espertar a conciencia crítica, agochada case que sempre nos grandes discursos oficiais. Vidal Bolaño deulle forma dramática a moitos asuntos orixinais, fondamente galegos e tamén universais. As pezas recollidas neste segundo volume das súas Obras completas son unha mostra manifesta. Se cadra na súa lectura atope o lector o pulo para, parafraseando a Darío Fo, vencer  a crise a través da arte do teatro, cunha nova diáspora de comediantes que molesten e ridiculicen mentes puritanas e, sobre todo, os poderosos deste mundo e as súas felonías. Todo iso poderémolo aprender de Vidal Bolaño, o honesto bufón compostelán.