Calpurnia Tate e “A orixe das especies”

 

A evolución de Calpurnia Tate

Jacqueline Kelly

Tradución de Carlos Acevedo

Faktoría K de libros (Editorial Kalandraka), Pontevedra, 2013, 300 páxinas.

 

   The Evolution of Calpurnia Tate foi a primeira novela de Jacqueline Kelly (Nova Celanda,1964). Doutora e avogada, profesións que exerceu antes de dedicarse á literatura, logo de se trasladar a vivir a Texas. A novela acadou de seguida o aplauso do público e da crítica e foi traducida a diversos idiomas. Arestora, en tradución de Carlos Acevedo, podémola gorentar na lingua de noso, grazas a Faktoría K de libros.

   Jacqueline Kelly achéganos unha fermosa historia ganduxada coas fías do frescor e un ficticio e premeditado candor. Unha historia que avanza pola canle de continuas descubertas. Descubrimentos e aventuras non só dunha familia ou mesmo dunha aldea, senón de todo aquilo que cada día emerxe do cotián ata converterse para Calpurnia, a nena de case doce anos, nun territorio máxico: a chegada do teléfono á vila, os amores dos seus irmáns, o saibo da coca-cola, o achado de novas especies… mergullada na paisaxe, no clima, na flora e na fauna de Texas. E dun xeito especial, lendo os libros da biblioteca e realizando sinxelos experimentos nun laboratorio, labores ambas as dúas que lle permiten achegarse á figura e á obra de Charles Darwin, achegamento que a autora reflicte con oportuna habelencia nas citas tiradas de A orixe das especies, que rotulan cada capítulo.

   A historia transcorre pola altura de 1899 data na que “xa sabiamos dominar a escuridade pero non a calor de Texas”. Calpurnia Virginia Tate ou Callie Vee como  a chamaban familiarmente, cóntanos as súas historias, as súas andanzas, rodeada de seis irmáns, como  a única representante feminina do clan dos Tate, facéndolle fronte aos tópicos e rutinas educativas que a  súa nai pretende ensinarlle como propias dunha moza do seu tempo: coser, cociñar e tocar o piano.

   Con aparente ou real inxenuidade, a cativa pon en dúbida a orde establecida: Calpurnia pretende ser unha científica nun momento no que ás mulleres lles estaba socialmente prohibido estas aspiracións. Mais coa axuda do seu avó, Callie Vee irá desvendando os secretos do mundo natural, tanto no eido da fauna como no da flora, baixo o pulo da obra de Darwin.

   A novela quere ser non só un relato da evolución da protagonista, senón tamén, e sobre todo, da evolución dos tempos nas portas dun novo século, evolución na que a protagonista pon todas as súas esperanzas. O punto forte da novela é, sen dúbida, a figura da protagonista. A

Jacqueline Kelly

súa intelixencia, perspicacia, o seu inconformismo, o seu afán observador o seu devezo por coñecer… Cando todo isto forma parte da personalidade dunha adolescente de finais do século XIX, converten a protagonista narradora nun dos máis firmes porlóns no que gravita toda a novela. Asemade a introdución de Darwin como personaxe presente en cada un dos capítulos é outro indiscutible acerto da narradora.

   Sen ser seguramente unha obra mestra da literatura universal, A evolución de Calpunia Tate, escrita con estilo sinxelo e claro e cun fondo  crítico e divertido, é unha peza literaria, unha novela xuvenil  que ben pode ser considerada unha fictional-crossover, unha peza literaria do interese dos lectores adultos que gorentarán, sen dúbida, do verdadeiro sámago desta peza literaria. Imposible resistir a feiticeira amavía dunha cativa de once anos que devece por ler A orixe das especies.

 


Novela de iniciación e camiño

 

Tantos cabaliños lindos

Cormac McCarthy

Tradución de Eva Almazán

Faktoría K de Libros (Kalandraka Editora), Pontevedra, 2013, 301 páxinas

 

 

   Gregario solitario e estudoso dos sistemas complexos, Cormac McCarthy está considerado, porén, como un dos grandes escritores vivos da narrativa norteamericana. Kalandraka Editora ofrécenos agora a posibilidade de ler na lingua de noso o primeiro dos volumes que compoñen a Triloxía da Fronteira, en acertada tradución de Eva Almazán.

   A novela de McCarthy narra en efecto unha historia de fronteira. Ambientada no ano 1949 nas terras estremeiras entre Texas e México, o autor centra a súa trama no personaxe de John Grady, un mozo de dezaseis anos, fillo de pais separados que, tras a morte do seu avó, acorda fuxir a cabalo cara México, acompañado polo seu mellor amigo, Rowlins, para atoparen todo un mundo marcado pola dureza e a violencia: paisaxes áridas, penedosas, tan inclementes como o desarraigamento do que son acaída metáfora.

    

Cormac McCarthy

Unha novela de aprendizaxe con resonancias épicas, de camiño interior e xeográfico que nos achega personaxes solitarios, de poucas palabras, na procura de si mesmos, mergullados na ferocidade dunha terra de fronteira. Ateigada de escenas dignas das mellores películas do oeste e escrita co estilo e a feitura propia da narrativa de McCarthy: unha acción que transcorre con lentitude, con diálogos parcos, mais moi potentes como se reflectisen a sequidade do ambiente. Maxistral construción dunha trama onde, a diferenza da desolación faulkeriana, ten cabida unha certa esperanza in extremis.

 

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 20 de xullo de 2013)

Unha dicotomía na historia alternativa de Mark Twain

 

Un ianqui na corte do Rei Artur

Mark Twain

Tradución de Carlos Acevedo

Faktoría K de Libros (Kalandraka Editora), Pontevedra, 2013, 433 páxinas.

 

   Samuel Langhorne Clemens (1835-1910), máis coñecido polo pseudónimo Mark Twain, adoptado en lembranza dos seus anos de piloto fluvial (“marca dous” ao botar a sonda), non pretendeu ser máis ca un escritor modesto, sen aspiracións de alta cultura. Porén, hoxe en día está considerado como un dos grandes clásicos universais que nos ofrece a literatura norteamericana. Dunha das súas obras, Huckleberry Finn recoñece o mesmo Hemingway,  que xurde toda a literatura moderna norteamericana. Escritor de xinea progresista, na súa obra que el nunca pensou que puidese ser propiamente literatura, déixase sentir un talante popular, humorista, por veces corrosivo  aínda que as críticas máis acedas e duras foron arrancadas dos seus manuscritos pola súa muller. Como pano de fondo da súa obra, cómpre ter en conta a grande expansión e popularidade da narrativa norteamericana que no século XIX acadou a súa idade de ouro. Literatura en xeral puritana, que ten en Mark Twain un perfecto contrapunto, xa que se converteu nun crítico radical da maneira de vivir norteamericana e, sobre todo, da ideoloxía que a alimentaba. As súas obras máis coñecidas son As aventuras de Tom Sawyer (1876)  e Huckleberry Finn (1884). Non obstante, escribiu outros libros que acadaron a fama. Un deles é A Connecticut yankee in King Arthur’s court ( 1889) e que arestora nos ofrece Kalandraka Editora en tradución de Carlos Acevedo.

   Nesta obra, así como en Personal recollections of Joan of Arc (1896), Mark Twain emprega o recurso do desprazamento temporal cara ao pasado da historia para conseguir un resultado humorístico. Un ianqui na corte do Rei Artur  está escrita coa intención de inserir as ideas relixiosas e políticas, así como os coñecementos tecnolóxicos do século XIX nunha ficción  satírica de cabaleiros  que se desenvolve no reino de Camelot.

   A novela preséntanos o diario ficticio dun mozo norteamericano, Hank Morgan, especialista metalúrxico, que tras recibir un golpe na cabeza, esperta transportado cara atrás no tempo, no ano 528, nos gloriosos anos do Rei Arturo. Capturado e levado ao castelo real, é condenado a morrer na fogueira. Mais o americano bota man dos seus coñecementos para predicir un eclipse solar e líbrase así da execución. Pensando que  posúe poderes máxicos, o Rei Arturo noméao ministro a perpetuidade. Coa axuda de Clarence moderniza o reino, cos ollos postos non no altruísmo, senón no negocio, como el mesmo

Mark Twain

confesa. Un labor que non lle resultará doado pola aciaga influencia  das institucións: a igrexa e a monarquía nomeadamente, inimigas do progreso tecnolóxico e de todo aquilo que soe a modernidade.

   Unha novela concibida orixinariamente como unha sátira, aínda que os seus dardos cambian de destino ao longo da obra: comeza satirizando os tópicos románticos e os males da Idade Media (superstición, tiranía, escurantismo, o poder da nobreza e da Igrexa Católica, a monarquía absolutista) contrastándoos cos valores do progreso, da democracia e da tecnoloxía, pero nunha sorte de xiro apocalíptico, Mark Twian, na segunda parte da novela, termina pondo en cuestión a superioridade do progreso moderno e a industrialización que cavan  o seu propio sartego porque ninguén é capaz de controlar as súas bases. Endalí, que ao final Merlín acabe con Hank Morgan. O mito da superstición e a ignorancia fanse co triunfo e sobrepóñense ao espírito científico.

   Así pois, unha viaxe no tempo cara ao pasado cunha clara lección: a tecnoloxía é capaz de acadar conquistas sorprendentes en moitos campos, pero, ao final, non é quen de transformar a mentalidade da xente para que se afasten da superstición e as persoas pensen por si mesmas.

 

A creba do soño americano

 

 

Pastoral americana

Philip Roth

Tradución de Fernando Moreiras

Faktorís K de libros ( Kalandraka Editora), Pontevedra, 2013, 469 páxinas.

 
 

   É un verdadeiro agasallo para unha lingua e os seus falantes a tradución e edición na mesma dunha peza literaria como Pastoral americana de Philip Roth, un dos grandes escritores norteamericano vivos. Ata hai unhas semanas toda a obra do escritor nado en Newark estaba vertida ao castelán. Ningunha á lingua de noso. Secasí, arestora xa podemos gorentar en galego da primeira novela da “Triloxía americana” de Roth, Pastoral americana.

   Philip Roth ergue a súa novela arredor do soño americano e o seu doloroso esnaquizamento a finais dos anos sesenta.A novela, en efecto, pode ser lida como a gran saga verbo da construción dese soño e a súa tráxica fenda no seo dunha familia xudía americana, que Roth nos achega  a través da historia de Seymour Levov, un mozo xudeu, modelo paradigmático dese home nacido para ser un heroe, con todas as garantías para triunfar na vida.                                   

Philip Roth

  

A encarnación, pois logo, do soño americano. Mais no decurso da novela, co pano de fondo da guerra de Vietnam e as protestas de moitos mozos e mozas, entre eles a filla de Levov, sobrevén a traxedia e o esborrallamento  da vida e da familia do protagonista. Roth ilustra de xeito maxistral a creba desa maneira de ver o mundo: a idea de que Estados Unidos é o pais  dos triunfadores. Ese soño encova unha besta de mil caras que o autor reflicte con gran acuidade. Excelente e crúa metáfora pois do esfarelamento dun soño.

 (Texto publicado o día 6 de xuño de 2013, no suplemento Faro da Cultura, páxina VII, do xornal Faro de Vigo)

O tráxico espertar do soño americano

 

Pastoral americana

Philip Roth

Tradución de Fernando Moreiras

Faktoría K de Libros (Kalandra Editora), Pontevedra, 2013, 469 páxinas.

 

   En xuño do pasado ano, laiábase quen isto asina de que ningunha das novelas de Philip Roth estivesen vertidas á lingua de noso. O narrador americano acababa de ser elixido Premio Príncipe de Asturias  2012 das Letras. Pero, sobre todo era e segue a ser un dos grandes narradores norteamericanos vivos, xunto quizais, como quere Harold Bloom, con Thomas Pynchon, Don DeLillo e Cormac Mc Carthy. Unha nómina á que eu engadiría o nome de E. L. Doctorow. Nunha enquisa realizada en 2006 por The New York Times Book Review, un cento de críticos, editores e entendidos na literatura escolleron os mellores vinte e dous libros. Entre eles, seis novelas de Roth. No ensaio que acompañaba a enquisa, o crítico A. S. Scott afirmaba: “Se tivésemos buscado o mellor escritor dos últimos vinte e cinco anos, el (Roth) sería o ganador. Ten, xa que logo o escritor nado en Newark todas as consagracións paraliterarias ás que pode aspirar un autor: o recoñecemento da crítica, os grandes premios nacionais e internacionais. Mais a verdadeira beizón é a sacralización da que son merecentes as súas obras, traducidas case que todas ao español, ningunha ata hai unhas semanas ao galego. Entre as máis emblemáticas e coñecidas en España, Portnoy Complaint (1969), traducida cun título discutible, El mal de Portnoy, e sobre todo, a “Triloxía americana” da que forman parte, American Pastoral (1979), I Married a communist (1998) e The Human Stain (2000).

   Mais hai unhas semanas e da man da tradución de Fernando Moreiras, en edición de Faktoria K (Kalandraka Editora), xa podemos gorentar na nosa lingua unha das grandes novelas dese autor que soubo reflectir como ninguén os problemas da asimilación e da identidade dos xudeus nos Estados Unidos e esculcar asemade a natureza das pulsións sexuais, da autocomprensión, así como a xénese psicolóxica e o derrubamento do soño americano. Ese derrubamento dun soño e o esnaquizamento dos valores, idealizados ata o paroxismo, a finais dos anos sesenta, constitúen  o pano de fondo sobre o que Philip Roth ergue a historia de Pastoral americana.

   A novela, en efecto, pode ser lida case que como unha saga verbo do declinio e fenda dunha familia xudía americana a finais dos sesenta.  Está narrada por Nathan Zuckerman, escritor e alter ego de Roth, que aparece moi frecuentemente noutras das súas novelas. E comeza co encontro entre o narrador e Seymour Levov, o Sueco, encontro no que se fala das excepcionais calidades dos membros da familia de Lovov. Logo doutra reunión cun seu irmán, ten lugar a primeira analepse: un salto cara ao pasado que nos permite ollar a infancia do narrado e a de Seymour  Levov, a súa xuventude na que se converte en ídolo dos seus compañeiros: bo fillo, aplicado estudante, deportista…, un modelo paradigmático da american way of life coa que se fantasiaba nos anos corenta. Herda do seu pai a fábrica de luvas, erguida tres xeracións atrás, casa cunha ex-miss Nova Jersey, muda de fogar á casa dos seus soños, teñen unha filla… Todo semella indicar que a familia Levov está mergullada nunha verdadeira sinfonía pastoral, a feliz pastoral americana. Mais todo iso empeza a fenderse cando a filla Merry leva os seus ideais políticos de rexeitamento da guerra de Vietnam ata o extremo de se facer membro dunha seita e converterse en terrorista. E Seymour Levov ten que transitar desde esa idílica pastoral ata a ruína e o drama que pechan o relato.

Philip Roth

   É importante para a nosa lingua ver traducido todo un clásico da literatura anglosaxona. As versións das obras clásicas a outros idiomas, nomeadamente aos minoritarios, son como os mananciais de reserva, a riqueza cultural que fai que una lingua acade a idade adulta. Coido que ningunha cultura nacional está completa mentres non teña vertidas a súa lingua as grandes obras da escrita universal. Un impagable meiró, xa que logo, esta edición de Pastoral americana en galego.  Parabéns, pois logo, a Faktoria K de Libros pola iniciativa e o pausado pero constante pulo tradutor das grandes obras da literatura E moito mellor se nas vindeiras versións evitan os erros lingüísticos que unha voz crítica máis autorizada que quen isto escribe, puxo de manifesto nesta tradución e edición.

O testamento antirrelixioso de Mark Twain

Cartas desde a Terra

Mark Twain

Tradución de Carlos Acevedo

Faktoria K (Kalandraka Editora), 2011, 77 páxinas.

 

 

Sammuel Langhorne Clemens (1835-1910), máis coñecido polo heterónimo Mark Twain, foi un escritor de xinea progresista. Escritor  popular, orador e humorista que acadou grande éxito. Autor de obras tan coñecidas como As aventuras de Tom Sawyer e sobre todo As aventuras de Huckleberry Finn, considerada como a “gran novela norteamericana”. As súas ideas de corte progresista fixéronse máis radicais co paso dos anos e aparecen reflectidas en Cartas desde a Terra, cuxa primeira edición non foi autorizada ata 1962, cincuenta anos despois do seu pasamento, debido á oposición da súa filla Clara Clemens que as consideraba demasiado críticas coas crenzas cristiás.

Mark Twain considérase a si mesmo un escritor modesto, sen pretensións de alta cultura. Porén, co paso dos anos, resultou ser un dos grandes clásicos da literatura norteamericana.

Cartas desde a Terra é unha mestura de ensaio, ficción e anotacións. Un dos máximos expoñentes da literatura satírica. Ateigada de humor negro, corrosivo, trátase dun libro sobre Deus, a Biblia, a natureza humana e os paradoxos e contradicións das crenzas relixiosas  dos seres humanos. Consideracións sobre a evolución da terra e da humanidade, transmitidas ao lector por medio dun personaxe moi especial, o Arcanxo Satán, alter ego de Mark Twain.

Mark Twain

O enxeño de Mark Twain reproduce unha situación tráxico-cómica que ten lugar nas xeografías celestes: o arcanxo Satán comenta con moita retranca e sarcasmo algúns dos traballos do creador. Os destinatarios das súas confidencias son os arcanxos Miguel e Gabriel. Mais outros anxos inferiores  tamén escoitan as conversas e das mesmas deron parte ao creador. A condena foi inmediata: un día celestial de desterro no espazo. Busca a Terra e olla como se desenvolve o experimento da raza humana. E aos se decatar do que aquí acontece, decontado empeza a escribirlles cartas a  Gabriel e Miguel, os seus amigos, nas que lles comenta as desfeitas e as incongruencias da creación

Xorde nomeadamente o problema que máis tarde atordaría a varios escritores existencialistas: o problema do mal. Nun ton irónico presenta a cuestión central: cómo é posible crer nun Deus infinitamente bondadoso, en cuxa imaxe fomos troquelados, mentres que na Terra  a obra más nobre de Deus, mata os seus semellantes e xamais aprende dos seus erros? Mark Twain non nega directamente  a existencia de Deus , pero atribúelle trazos tan diferentes dos que predican as relixións, que resulta case que imposible chegar a pensalo ou imaxinalo.

O estilo de Mark Twain, ameno, directo e irónico e a súa estrutura epistolar converte a lectura deste libro-opúsculo nun  feito gorentoso a asemade iluminador verbo das contradicións das crenzas relixiosas, de todas as crenzas relixiosas, non só das do cristianismo.

George Orwell, “1984”, a vixencia actual do control social

1984

George Orwell

Tradución de Fernando Moreiras

Faktoria K de libros (Editorial Kalandraka), Pontevedra 318 páxinas.

 

O selo Faktoria K achéganos en tradución ao galego unha das obras máis coñecidas e paradigmáticas nese intento de inventar o porvir, a cidade imaxinaria do futuro que traduza as esperanzas ou os medos dos seres humanos que viven nun presente preñado de eivas e imperfeccións. “O delirio dos indixentes -escribía Cioran, crítico cáustico  da civilización occidental- é un xerador de acontecementos…unha multitude de seres febrís que queren outro mundo aquí embaixo e no intre”.

Os deseños utópicos, nas dúas variantes fundamentais (utopías positivas / utopías negativas ou distopías) acostuman estarse soamente na razón humana, con exclusión dos datos provenientes da historia, da economía ou da política. Non é ese o caso de novela 1984 de George Orwell. A odisea de Winston Smith, nun Londres dominado polo Gran Irmán e o partido único, debe interpretarse como unha crítica de todas as ditaduras, se ben as analoxías co comunismo stalinista  resultan obvias, tendo en conta a traxectoria vital e política do autor cando en 1948 escribiu esta novela.

Mais 1984 non só é a máis famosa das distopías ou antiutopías, senón tamén a máis depurada e clarificadora: describe con grande acuidade unha sociedade opresiva e pechada sobre si mesma, baixo o control dun goberno totalitario, pero presentándoa aos cidadáns como un ideal desexable e mesmo necesario. Porén o que Orwell deliña non son relación verdadeiramente humanas, senón o monstro totalitario nunha imaxe arrepiante e ata caricaturesca. Os mesmos nomes dos organismos e institucións dese réxime totalitario do Gran Irmán dan fe do arreguizo caricaturesco que provocan no lector dos nosos días. Ministerio da verdade, Ministerio da paz (xestiona os asuntos da guerra), Policía do pensamento, Ministerio do amor (organismo encargado de torturar a aqueles que como Winston Smith non aceptan que o enunciado 2+2 = 5 é verdadeiro).

Orwell relata o control total do individuo e a historia tráxica e aparentemente emancipadora de Winston Smith e Julia a través dun relato de lavado de cerebros, educación totalitaria da xuventude, emprego da psicoloxía e da linguaxe, substitución do amor entre as parellas polo amor cara o Gran Irmán, único sentimento afectivo tolerado polo réxime.

George Orwell

1984 continúa unha tradición narrativa cuxos antecedentes máis claros son as novelas Nós de Yevgueni Zamiatin, Un mundo feliz de Aldous Husley e Darkness at noon de Arthur Koestler. Asemade, 1984 exerceu fortes influencias literarias e cinematográficas no mundo da cultura posterior. Pero o máis preocupante é que 1984 transcendeu o ámbito puramente literario e podemos atopar pegadas da novela na vida cotiá. A conclusión más estendida no ano 1984 é que Orwell fracasara como profeta: o Gran Irmán non gobernaba no planeta. Pero Orwell nunca foi un profeta senón un escritor que pretendía concienciar. E o que semella evidente é que as actitudes descritas por Orwell non se esvaeceron. Non é necesario apelar á represión para manter a cohesión social. Unha ditadura como a que Orwell describe, non é viable nas sociedades capitalistas liberais. Pero hay mecanismos moito máis sutís e perigosos para tiranizar a cidadanía como son o control dos dereitos civís. Existen mecanismos formalmente democráticos e constitucionais mediante os que os cidadáns cedemos parte da nosa soberanía ao estado para protexer, como tal, a nosa seguridade. Modelos de sometemento semellantes aos descritos en 1984, pero revestidos de aparencias moito máis humanas e mesmo “desexables”. Velaquí pois a vixencia de Orwell e a oportunidade da tradución de 1984 ao galego.

Pensamento dos indignados na “idade das tebras”

Revolta dos indignados. Movemento 15-M: Democracia Real Xa!

Varios autores

Tradución de Ramón Nicolás

Faktoria K de Libros (Kalandraka Editora), Pontevedra, 2011,78 páxinas.

 

Este pequeno volume é a tradución galega dos textos orixinais de La rebelión de los indigndos que Fakyoría K de Libros publica co subtítulo, Movemento 15-M: Democracia Real Xa!. Responsabilizouse da tradución Ramón Nicolás. O volume recompila cinco reflexións que, en forma de palabra, foron pronunciadas en manifestacións do 15-M, ou artigos de análise que dan idea dabondo dos ideais e ideoloxía do Movemento 15-M. O volume segue o ronsel de Stéphane Hessel. Neste pequeno volume, como no de Hessel, reivindícase unha sociedade mellor, alicerzada en esteos xustos, que nada teñen que ver, xa que logo, coas bases ideolóxicas e as praxes das sociedades neoliberais do mundo globalizado.

As palabras de Carlos Taibo, un dos oradores tras a manifestación do 15 de Maio na Puerta del Sol, encetan o libro e dan testemuño da indignación das persoas normais e correntes de todas as ideoloxías e opcións políticas fronte ao panorama social, político e económico que nos rodea. Indignados pola corrupción  de certos políticos, empresarios e banqueiros e pola indefinicións dos cidadáns de a pé. Indignados, así mesmo, polo gasto militar que responde aos obxectivos de manter a España no núcleo de países poderosos, é dicir, que apoian as guerras de rapina global que lideran os EE. UU.

Josep María Atentas, profesor de socioloxía na Universidade Autónoma de Barcelona e a activista Esther Vivas, pertencente  ao Centre d’Estudis sobre Moviments Socials da Universidade Pompeu Fabra, achégannos as súas “Notas desde a Praza Tahrir” de Barcelona, nas que consideran que a indignación, tal como a transmitiu o panfleto de Hessel, é unha das ideas-forza que define as protestas do 15-M contra a “nova orde mundial” proclamada polo Presidente George Bush pai, logo da primeira Guerra do Golfo, a desintegracións de URSS e a caída do muro de Berlín.

O filósofo Antoni Domenech reivindica a vocación política e democrática do Movemento 15-M e a dignidade humana. “Non somos mercadoría nas mans de políticos e banqueiros”. Aposta así mesmo Antoni Domenech  por manter un movemento que responda ás necesidades da actual sociedade, que formula nun programa contrafático de dez puntos.

O xornalista Iván Giménez Chueca lembra a xestión en Internet do movemento  “Democracia Real Xa” e analiza a forma e a medida en que conceptos como ciberactivismo, Open Government ou Democracia 2.0 poden catalogarse como formas de incentivación da cidadanía na xestión da política.

Finalmente, o profesor da Universida Complutense Juan Carlos Monedero, nun artigo cun rótulo tan significativo como “A Marsellesa na Puerta del Sol” evoca a Comuna de París de 1871 e os seus paralelismos co Movemento 15-M:  a súa capacidade de autoorganización e os berros de igualdade e participación.

O volume complétase con varios Anexos: o Manifesto e as propostas do 15-M, un comunicado de apoio das comunidades cristiás populares do Estado español e o Manifesto feminista de Sol.

Son millentas as razóns que neste pequeno volume se nos achegan para indignarnos. Millentas as formas de sometemento, as formas de abdicación e as formas de violencia (“Violencia é cobrar seiscentos euros”, dicía un lema dos indignados). Teño, porén, para min, que a máis noxenta é caer en mans de megaempresarios ventaxistas -algúns deles ata se consideran fillos nostálxicos e proteicos do Maio do 68!- que sosteñen sen pudor que non se poden soster os “luxos” do Estado de Benestar e lle negan á xente o dereito ao traballo, á seguridade no emprego, a unha vida digna e ata a mesma existencia, porque despiden de forma compulsiva, asumindo cun sorriso sardónico ou con fría indiferencia a improcedencia dos despedimentos.  Amparados na corrupción política co emprego, na claudicación  que supuxo o Estatuto dos Traballadores, en formas subliminais de violencia laboral e no medo das clases obreiras, xa que a súa cabeza pende dun fío e  poden ir á rúa en calquera momento, arestora son eles os negreiros da época da globalización. Fan medrar o seu ego narcisista exhibindo obscenas ostentacións do seu poder sobre os mais débiles, facéndolles entender aos seus empregados: eu son máis poderoso ca ti e bótote a rúa cando me pete. Oxalá fora unha fabulación o que estou afirmando: esta clase de empregadores que despiden compulsivamente!. Infelizmente existen -tamén empresarios honrados que se ven na obriga de despedir pola voracidade do capital-  e o seu número seguirá aumentando a medida que recúen os dereitos sociais e aumenten as vítimas da miseria. Non se decatan de que atacan directamente o corazón de calquera economía: o seu capital humano.

Neste libro tamén se nos abren os ollos sobre estas formas tan actuais de sometemento. A loita contra estas miserias da actual “idade das tebras”, tamén forma parte da revolta  dos indignados.

Xa que logo, un pequeno volume ateigado desa reflexiva sabedoría revoltosa que loita  por unha sociedade na que o centro sexan as persoas e non os mercados, como se reivindica no último documento amentado. De necesaria lectura e reflexión, pois, por parte daquelas persoas que se consideran cidadáns e non súbditos.

Todo de madeira, con formón e garlopa

 

Noah Barleywater escapa da casa

John Boyne

Tradución de Carlos Acevedo

Faktoria K de Libros (Kalandraka Editora), Pontevedra, 2011, 222 páxinas.

 

John Boyne (Dublín, 1971), autor dalgúns dos éxitos editoriais dos últimos anos, como O neno do pixama  a raias e Motin na Bounty, agasállanos arestora, grazas á tradución ao galego de Faktoria K de Libros, con outro, Noah Barleywater escapa  da casa, que semella así mesmo que chegará a ser un libro multitudinario, tanto entre o público xuvenil como entre os adultos. A excelente e gorentosa  tradución a nosa lingua de Carlos Acevedo, que sabe a galego xenuíno (cómo prestan eses abondosos infinitivos conxugados!), é un plus engadido para encetar e ler dunha sentada os vinte e seis capítulos deste conto, que aínda que semella de fadas, cómpre dicir que é sobre todo unha lección de vida.

Noah Barleywater ten oito anos e marcha de casa ben cedo pola mañá, antes de o sol saír, antes de os cans acordaren. Vaise da casa porque xa ten oito anos e, ata o momento, coida que non fixera nada na vida. Os seus logros redúcense á lectura de catorce libros, ganar unha medalla de bronce nunha carreira, saber  que Lisboa é a capital de Portugal, ser o sétimo máis listo da clase e un fenómeno en ortografía. Nada comparable coa fazaña de Charlie Charlton, ao que escolleran para lle entregar un ramo de flores á raíña. Mais el está convencido de que con oito anos está preparado para vivir unha aventura inesquecible e pensa que escapar resulta moito máis sinxelo que vivir.

Ao saír da súa vila, de repente o mundo convértese en algo moi singular: todo cobra vida e non é o que parece. Árbores que semellan moverse, mazás que tremen de medo nas gallas, cortizas que falan, cans salchicha parlantes, burros esfameados que devecen polos doces. Ata que entra nunha tenda de xoguetes, distinta de todas as que leva coñecido na vida: non hai nada de plástico, todos o xoguetes son de madeira e hai moitos monicreques. O dono da tenda é un estraño vello e con el intercambia longos parrafeos e experiencias vitais. Na relación de Noah con este vello entrañable, que reborda de saberes do mundo, reside a esencia e o eixo da historia. Dez anos despois, Noah que aceptara os consellos do vello de volver xunto a súa nai, recibe como herdanza do mesmo  a tenda de xoguetes, coa condición de reabrila e continuar a vender só xoguetes e monicreques feitos de madeira. Todo de madeira, feito con formón  e garlopa. Será neste desenlace onde coñeceremos  as verdadeiras razóns que empurraron a Noah a irse da casa e o lector poderá descubrir algunha outra sorpresa.

John Boyne

Un libro no que convive intensidade, axilidade e lixeireza. Ancorado entre a dozura e a tristeza da historia de Noah e o mundo máxico das fadas, ensínanos a desbotar o medo de certas palabras, que hai unha manchea de cousas que nos poden semellar non interesantes, mais soamente porque non as miramos e percibimos como se deberían ollar. E que, cando entramos na vida de alguén, debemos facelo coa máxima atención e responsabilidade. Tamén nos fala este libro, a cativos e a  adultos, da morte, do loito, da enfermidade e de como enfrontar a perda dos seres queridos. Da señerdade e da coraxe de vivir, da inutilidade da fuxida das responsabilidades da vida, porque, se é dura e difícil, é mellor pasala cabo das persoas que amamos. Mensaxes que abrollan das experiencias vitais de Noah, o rapaz que será feliz pasando o resto da súa vida traballando a madeira con formón e garlopa.

 

 

 

Indignádevos, rebelémonos!

Indignádevos!

Stéphane Hessel

Faktoría K de libros ( Editorial Kalandraka ), Pontevedra 2011, 47 páxinas.

    Estamos a vivir no mellor dos mundos historicamente coñecidos, como teimaba convencernos nos seus derradeiros anos Karl Popper? É algo que, se  pensa un pouco, non deixa de ser unha pura verdade, respondía o autor do obituario que a Popper lle dedicou  unha revista galega de pensamento. Si, What a wonderful world !  A canción de Louis Amstrong  resumía atinadamente,  hai xa máis de catro décadas, o perfil e máis o diagnóstico  que adoito temos, ou tiñamos, da era histórica que nos tocou vivir. Desde que a finais do século XVIII empezaron a se asentar as ideas de Hume e Smith, piares fundamentais da sociedade da liberdade natural e da absoluta seguranza no mercado, temos camiñado inexorablemente e ás alancadas cara aos lindeiros dese mundo dourado, triunfante e triunfalista no que os absolutamente pobres, os que dispoñen de menos dun dólar por día, son máis de mil millóns de persoas e o seu número medra cada día; a África subsahariana, con máis de quiñentos millóns de habitantes, produce tanto como Bélxica con dez millóns. E todo o que produce xa está comprometido. Todo, froito do primado da economía, da súa expansión permanente, da súa racionalidade.

Mais como todo isto acontece no Sur, nese afastado horizonte perdido, no Norte seguiamos mergullados no soño dese mundo tan feliz. Ata que a xostregada plúmbica da crise comezou a azoutarnos como xamais antes o fixera. Pero aínda así seguimos inmersos  nos nosos soños, na nosa indiferenza, inmobilizados se cadra ante a magnitude do desastre. E tivo que ser un home de 93 anos, veterano  supervivente da barbarie nazi, fillo da Resistencia francesa e redactor da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, Stéphanne Hessel, quen intente espertarnos do marasmo fatalista e da confianza. Nun “opúsculo – alegación” que está a revolucionar o panorama literario e intelectual en Francia, convócanos a todos, e sobre todo á xuventude, para que cambiemos a indiferenza pola indignación e  pola insurrección.

Nestas datas Faktoria K de Libros agasállanos coa tradución ao galego deste libriño. Son apenas corenta páxinas, prologadas por Manuel Rivas, que deberían actuar de fermento para provocar en todos nós esa indignación, que o mesmo autor identifica coa “revolta” que propugnaba Sartre.Unha indignación radical e unha insurrección pacífica para conseguir unha sociedade xusta. Stéphanne Hessel, descolocando a sociólogos e  a políticos, dálle forma escrita ao actual alporizamento xeral que flota nos ambientes do Primeiro Mundo. Despois de invocar os principios da Resistencia ( Seguridade Social para todos, unha auténtica democracia económica e social, primado do interese xeral sobre o particular, repartición xusta das riquezas, prensa independente, educación segundo os ideais da escola republicana, xubilación digna para os vellos traballadores ) a voz de Hessel dinos:

Stéphanne Hessel

   “Teñen o valor de dicirnos que o Estado xa non pode seguir cubrindo os custos destas medidas cidadás. Pero como pode ser que hoxe en día non haxa cartos para manter e prolongar estas conquistas, tendo en conta que a produción de riqueza aumentou de forma considerábel despois da Liberación, un período en que Europa estaba arruinada? Pode ser porque o poder do diñeiro, ao cal combatía a Resistencia, nunca antes foi tan grande, insolente e egoísta, cos seus propios servidores situados nas máis altas esferas do Estado. Os bancos, que agora están privatizados, preocúpanse sobre todo polos seus dividendos e polos elevadísimos salarios dos seus directivos, e non polo interese xeral. A brecha entre os máis pobres e os máis ricos nunca foi tan grande; e a carreira polos cartos, a competición, nunca se fomentou tanto” ( páxina 21 )

Héssel en nome dos valores da Resistencia fai un chamamento ás novas xeracións para revitalizar a transmitir os ideais da resistencia. Non debemos rendernos nin deixarnos amedrentar “pola actual ditadura internacional dos mercados financeiros que ameaza a paz e a democracia”. Unha chamada, xa que logo, a rebelarnos. A insurrección pacífica segundo as mensaxes de Mandela ou Martin Luther King.

A segunda metade do século XX contemplou avances importantes en todas as ordes, ata o punto de que en 1989 o pensador que amentei ao comezo, Karl Popper, podía escribir sen remorsos nin reprobacións xeneralizadas este panexírico do liberalismo: “…hai persoas na nosa sociedade demasiado ricas. Mais por que nos ten que importar; se hai recursos de abondo – e boa vontade – para loitar contra a pobreza e outros sufrimentos evitables?”. Os dez primeiros anos do século XXI están a supoñer un período de retroceso e de crise radical. Por iso a cólera contra a inxustiza debe de permanecer intacta. Debemos saír da crise xeneralizada que nos azouta, cunha ruptura radical do actual modelo, rachando  cunha orde económica que non é orde senón desorde porque permite, por exemplo, que nun pais como España haxa cerca de cinco millóns de parados. Unha ruptura con esa sociedade dos sen papeis, das expulsións e sospeitas respecto aos inmigrantes, na que se pon en cuestión a xubilación e os logros da Seguridade Social e os medios de comunicación están nas mans dos poderosos.

E se somos capaces de dixerir o pensamento coherente e asemade revoltoso de Stéphanne Hessel e queremos afondar nas súas propostas, velaquí outra lectura imprescindible. Un libro editado  recentemente en España, fillo da fibra libertaria do seu autor, Michel Onfray, Política del rebelde. Tratado de resistencia e insumisión. Un texto ancorado no nietzscheanismo de esquerda (Foucoult, Deleuze, Bourdieu) e en cuxas propostas podemos atopar as armas acaídas para derrubar a orde – desorde establecida: instaurar a política como centro da vida social, desterrando o monoteísmo do económico para que o goberno da polis deixe de estar ao seu servizo. Enteira coincidencia pois  co chamamento deste antigo membro da Resistencia, con esas palabras vindicativas, “enfornadas con anovada liberdade” como escribe no prólogo Manuel Rivas.