A música das esferas”, un ensaio xenuino

 

A música das esferas

Xenealoxía da orde do mundo

Carlos Lema

Euseino? Editores, Vigo, 2013, 276 páxinas.

 

   Nas miñas mans, un libro de ensaio, unha publicación xenuína do xénero ensaístico do que tan deficitaria é a cultura galega. Segue a ser verdade o que Ramiro Fonte escribía en xaneiro do ano 1994: “No contexto da literatura galega…os momentos de maior esplendor literario acostuman coincidir con aqueles nos que os escritores souberon desdobrarse en pensadores.” E de pensadores é do que é deficitaria a ensaística galega. Una salientable excepción é este libro de Carlos Lema: un libro de investigación, froito do afervoamento indagador do escritor e editor, pero que non se contenta con iso, con rebaixar, estruturar ou clarificar o que outros dixeron, senón que se arrisca con verdadeira esencia do ensaio: pensar, propoñer enunciados singulares e clarificadores, alicerzados na ilustración crítica. Por iso mesmo, esta monografía non é, abofé, ningunha lambetada. Ten máis de croio duro, como nestas datas lembraba Armando Requeixo, en cita oportuna de Xosé María Díaz Castro, que de peperetada ensaística.

   Carlos Lema, que nos últimos tempos esta a ser un dos poucos ensaístas galegos que se arrisca de veras coa tarefa de pensar, deita arestora o seu pulo investigador verbo dun tema que desde sempre preocupou ao “homo sapiens sapiens”: a xenealoxía da orde no mundo, subtítulo de A música das esferas, rótulo que fai indubidable referencia á teoría pitagórica da harmonía das esferas, baseada na crenza pitagórica de que o universo está gobernado segundo proporcións numéricas harmoniosas, e que o movemento dos corpos celestes rexese  por proporcións musicais. E digo crenza porque a astronomía pitagórica era moito máis especulativa que esteada en razón científicas.

   Son asemade de tipo especulativo as primeiras ideas, constructos ou conxecturas dos primixenios  modelos cosmogónicos, xurdidos nas primeiras civilizacións logo dun proceso de adaptación ao réxime sedentario (India, Mesopotamia, Exipto, Pobos nórdicos…), mais como acertadamente escribe Carlos Lema antes de Homero “poida que soamente se compuxesen  teogonías”. Foi en Tracia onde, a partir da idea de xenealoxía aplicada ao mito, se establece no mundo unha primeira idea de orde.

   Expresar por medio da  xenealoxía dese Todo ordenado, desde a antigüidade grega ata a modernidade, é o propósito desde libro. Xa que logo, unha mirada atrás que se detén en primeiro lugar no pensamento grego que engade algo novo á concepción da orde no mundo: é unha orde que non depende do azar, nin dos astros, nin da vontade dos deuses, senón que dimana do cumprimento dun λόγος, unha razón ou lei natural cuxo orixe é froito dunha νοϋς. En dentro do pensamento grego, en primeiro lugar, no pitagorismo, en Platón (un mundo concibido como cosmos cun τέλος), na redefinición neoplatónica asimilada polo cristianismo, da man sobre todo de Agostiño de Hipona, que cristianiza o platonismo pondo o inteligible do lado de Deus e deixando “o inconsistente sensible e mundano afastado desa consistencia” (páxina 138).Así pois, a orde do mundo é unha perfección froito da subordinación do creado ao Creador.

  Sen se  deter en Tomás de Aquino para quen a orde do mundo é unha “via” para a demostracións da existencia de Deus, o ensaio achéganos ao pensamento cartesiano e

Carlos Lema

á Filosofía da Idade Moderna, cunha clara secularización da orde (“o demiurgo acaba por ser o propio home, ou mellor, o ego da reflexión”, páxina 177). Unha inversión de crenzas na que o alén transcendente será substituído por un aquén inmanente, continuará na Revolución Francesa e a orde do mundo prosegue a ser establecida mediante leis universais e determinísticas.

   Un estimulante e profundo percorrido, exposto mediante una análise rigorosa, sobre un tema, a orde aplicada ao mundo, que  a racionalidade científica moderna traduce en leis. Con todo, e o que segue podería ser entendido como unha incitación para o ensaísta, cómpre non esquecer as reformulacións do pensamento complexo que postula, fronte ao paradigma da simplificación da ciencia clásica, o paradigma da complexidade, un de cuxos principios é o do papel imprescindible da desorganización. Como escribiu no seu día Heinz von Foerster, parodiando a coñecida frase de Schrödinger, o mundo, e sobre todo os sistemas autoorganizados non soamente se nutren de orde. No seu menú tamén se atopa o ruído  (“order from noise”). Se a “order from order” equivale á mecanicidade, “order from noise” é  a gran novidade da capacidade creativa, a auto-organización. Hoxe sabemos, fronte ao determinismo co que  a ciencia clásica definiu o mundo  que o “alea” está presente tanto a nivel macrofísico como microfísico.

   Este superficial apuntamento / insinuación non empece a investigación impecable de Carlos Lema que engade esta monografía ás poucas achegas serias e penetrantes que no sistema literario galego profundan na verdade novidosa do pensar.

 


  

Para facer pensar

 

 A revolución non vai ser televisada

Devir imperceptible seguindo a Gilles Deleuze

Rebeca Baceiredo

Euseino? Editores, colección Casabranca, Vigo, 2013, 166 páxinas


   Rebeca Baceiredo, achéganos con este ensaio, unha nova mostra dun discurso orixinal e apropiado para facerlle fronte ao desenvolvemento maquínico  e técnico da actual sociedade capitalista. Na primeira parte da monografía analiza a autora o fundamento axiomático da oligarquía dominante que, como no Antigo Réxime, non nos quere cidadáns senón súbditos da megamáquina  de produción, gobernando ao seu antollo a nosa condición ontolóxica. Desenvolve na segunda unha liña ontolóxica que posibilita desfacer o suxeito para construír outro tipo de subxectividade: novas maneiras de existir no mundo que impliquen a disolución dos suxeitos como criaturas construídas para a (re)produción social e económica. Unha nova forma de subxectividade: un ser en constante devir, capaz, xa que logo, de escapar ás poutas do poder.

  

Rebeca Baceiredo

Unha fórmula que pode parecer demasiado teórica e afastada da historia como proceso práxico dialéctico. Secasí, a autora non exclúe a loita social para enfrontarnos á máquina do poder. Porén a súa resposta xira no espazo do dereito e é aquí onde encaixan as súas ideas verbo dun novo paradigma da subxectividade.

   Un ensaio para facer pensar que penetra no eido filosófico. Con todo, a agudeza expositiva da autora e unha escrita que exclúe á mantenta a linguaxe especializada da filosofía, permite que o discurso de Rebeca Baceiredo poida ser lido non só por profesionais da filosofía.

                            

 (Texto publicado o día 12 de setembro de 2013 no Suplemento Faro da Cultura, páxina VII, do xornal Faro de Vigo)

           

           

Novas formas de existir no mundo

 

A revolución non vai ser televisada

Rebeca Baceiredo

Euseino? Editores, Vigo, 2013, 162 páxinas.

 

   Esta publicación de Rebeca Baceiredo é posiblemente a excepción que confirma a regra desa mirrada presenza do verdadeiro libro de ensaio no sistema literario galego. Con efecto, ao longo dos anos as nosas casas editoras levan ofrecéndonos unha verdadeira eclosión de estudos e investigacións que xeneralizan o coñecemento, baixan os saberes ou recompilan erudición. Mais son contados os auténticos libros de ensaio onde os autores e autoras se arriscan  co pensamento e propoñen enunciados e respostas singulares para o noso tempo, alicerzados na ilustración crítica e na revolta intelectual, capaces de chimpar o dado como enunciara Mallarmé.

   Rebeca Baceiredo (Orense, 1979), doutora en Filosofía e licenciada en Ciencias da Comunicación e especialista en Gilles Deleuze, xa no primeiro libro da súa autoría, O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo, profundaba coa súa análise e diagnose  das peculiaridades posmodernas, na verdade novidosa do pensar. Co seu regreso, A revolución non vai ser televisada, que inaugura a colección “Casabranca” que Euseino? Editores lle dedica á filosofía, achéganos unha nova mostra dun dicurso novidoso e apropiado, ao menos no plano teórico, para facerlle fronte ao desenvolvemento maquínico e técnico da actual sociedade capitalista.

   Na primeira parte da monografía, Rebeca Baceiredo analiza o fundamento axiomático do capital, da oligarquía dominante, que está decidida a recobrar certos aspectos do antigo modelo do poder, aquel Antigo Réxime no que, no canto de seren cidadáns, os homes e mulleres eran súbditos da megamáquina de produción que gobernaba ao seu antollo e en función dos seus intereses, a nosa condición ontolóxica. Ata o de agora, unha senda de dubidosa eficacia, pensa a ensaísta, alicérzanos na produción da subxectividade. Somos suxeitos efectivamente, mais iso equivale  a estar suxeitos polo poder.

   Na segunda parte analiza a autora a posibilidade de desenvolver unha liña ontolóxica que posibilite desfacer o suxeito para construír outro tipo de subxectividade. Un discurso que a pensadora constrúe alicerzándose nas ideas de Gilles Deleuze, no marco teórico que ofrece o pensador francés para entender algúns aspectos da megamáquina do poder e visibilizar novas posibles formas gnoseolóxicas e ontolóxicas de subxectivación: novas maneiras de existir no mundo que impliquen a disolución do suxeito como “coágulos de poder” ou criaturas construídas para a (re)produción social e económica. Baseándose en Nietzsche e Spinoza, a ensaísta pensa que pode erguerse unha nova forma de subxectividade: un ser en constante devir, capaz, xa que logo, de escapar ás poutas do poder.

   Seguramente esta receita do desenvolvemento ontolóxico e ético do individuo cara a converterse nun ser social novo e non estable pode parecer demasiado teórica, afastada da historia como proceso práxico dialéctico, cuxo motor é  a loita de clases. Secasí, a autora, aínda que non os tematiza, non exclue ningún fermento, non exclúe a loita social para enfrontarnos á máquina do poder e tampouco esquece o “dictum” de Foucault: “a cada recuncho de poder, correspóndelle un recuncho de resistencia”. Porén, a súa proposta xira na órbita do espazo de dereito e é aquí onde encaixan as súas ideas verbo dun novo paradigma da subxectividade.

Rebeca Baceiredo

   Un ensaio para facer pensar, que penetra no eido filosófico. Con todo, a agudeza expositiva da autora e unha escrita que elude á mantenta e sempre que lle resulta posible, a linguaxe especializada da filosofía, permite que o discurso novidoso de Rebeca Baceiredo poida ser lido non só por profesionais da filosofía. Abonda con lectores dispostos a reflexionar sobre a posibilidade de novas formas de ser suxeitos ou de existir no mundo.

O poder das historias de sempre

O Rei Portador e outras historias

Beatriz Fraga

Euseino? Editores, Vigo, 2012, 68 páxinas.

 

   Decátome con moito contento de que, malia a crise xeral e que se está  a asañar dun xeito desapiadado co sector editorial, están xurdindo pequenos selos editoriais que con grande afouteza inician unha peregrinación que oxalá sexa venturosa. Beizóns, xa que logo, para Euseino? Editores, este novo selo que debuta cun pequeno pero fermoso libro de Beatriz Fraga, mestra de Educación Infantil e non allea ao mundo da edición, quer como tradutora, quer coa publicacións de actividades didácticas.

   Agasállanos hoxe con este pequeno galano ao que a autora lle pon a escritura e as ilustracións e no que, baixo o rótulo de O Rei Portador e outras historias, reúne  cinco relatos de mediana extensión. Un epígrafe cun texto do Timeo de Platón sitúanos nas pegadas da verdadeira substancia destes textos de Beatriz Fraga: “o que aconteceu nos tempos antigos” debe formar parte do presente. Endalí que a autora volva contarnos historias do pasado, con novas palabras, con renovada sensibilidade.

   Un alude de lembranzas abrolla nos ollos lectores cando un se achega a estas historias, algunhas contadas por primeira vez hai miles de anos. A do rei mauritano, traizoado polos exipcios e vencido polos gregos que impoñen a relixión oficial da Hélade, relegando á Gran Deusa Nai, representada pola media lúa a obediente esposa de Zeus. O rei derrotado, posuidor, porén, da maciñeira produtora das mazás douradas da inmortalidade, condición que nunca perdeu ese monarca destronado, porque permanece na memoria da xente atesourando sabedoría e navegando quizais polo océano para que a Atlántida tamén forme parte da súa historia.

Beatriz Fraga

Beatriz Fraga

   No terceiro relato, “A egua preñada” ganduxa o autor de forma moi orixinal as fías da historia do Cabalo de Troia, a enganosa ofrenda a Atenea, moito mellor arma que calquera torre de asalto. Con algo semellante agasállanos a autora no relato “O xigante”, tirado da tradición das lendas gregas, o Coloso de Rodas ergueito coma un deus con bronce da guerra e purificado polo lume. Finalmente a historia de Berenice,  a soberana libia, a da fermosa melena dourada, elevada á bóveda celeste dándolle nome ás estrelas.

   A autora reescribe estas lendas perdidas nas lañas do tempo e faino para o imaxinario literario de hoxe cunha escritura renovada, a súa maneira, empregando una prosa de gran calidade e perseveranza, que zumega lirismo e unha orixinal imaxinación. Beizóns pois renovadas para a autora e o selo editorial que bota a andar con este pequena pero deleitosa publicación.