Catro textos clásicos de Irmás Cartoné

A actualización de hoxe será unicamente un comentario informativo. Para dar noticia de letras e libros de recente aparición. Non é o que máis gorenta ao comentarista, xa que da mesma estará ausente aquilo que é precisamente a esencia da crítica literaria: a valoración persoal, o xuízo de haberes e deberes dun determinado produto literario. Será noutro momento, logo da lectura repousada destes catro textos clásicos publicados nos últimos meses por Irmás Cartoné, un pequeno selo editor, radicado en Santiago de Compostela. Unha editora independente creada por Carlos Valdés e Celia Recarey, os dous con abondos anos “de experiencia mercenaria” no sector editorial, e dedicada á tradución á lingua de noso de textos clásicos da literatura universal. As súas publicacións comercialízanse baixo unha licenza Creative Commons. Os editores están intentando levar a bo porto a súa empresa mediante a modalidade a modalidade de subscrición, da que ofrecen tres tipos: seis libros ao ano en papel máis dixital, soamente en papel ou só en dixital.
As novidades que ofrecen para o ano no que andamos, son: Ethan Frome de Edith Wharton, Silas Marner de George Eliot, O día da lagosta de Nathanael West, O demo no corpo de Raymond Radiguet, Persuasión de Jane Austen e Kipps de H. G. Wells.
En xeral, as edicións de Irmás Cartoné amosan unha agradable aparencia, aínda que sería de desexar que o corpo dos carácteres tipográficos fose máis grande para que a presbicia non sucumba arroiada pola economía na impresión, como se soe dicir. Un maior formato dos mesmos favorecería a lexibilidade, se ben a luminosidade do branco do papel axuda a corrixir este atranco.
A seguir, ofrezo información verbo de catro publicacións de Irmás Cartóne, tiradas das respectivas presentacións editoriais.

 
Hadrián VIIHadrian VII
Fr. Rolfe, alias Barón Corvo
Tradución de Celia Recarey Rendo
Deseño da capa: Anatoli Carrasco
Irmás Cartoné, Santiago de Compostela, 2014, 419 páxinas

O autor:
Profesor, escritor, fotógrafo e crego frustrado, Frederick Rolfe (1860-1913) levou unha vida que en moitos puntos recorda ao “altruísta misántropo” que protagoniza a súa obra máis coñecida. Ao igual que George Arthur Rose, este excéntrico fillo dun fabricante de pianos tamén sentiu unha apaixonada vocación polo sacerdocio, aínda que, a diferenza do personaxe de ficción, o Barón Corvo nunca logrou ser ordenado, circunstancia na que é posible que influíse a maneira, bastante aberta para a época, en que viviu a súa homosexualidade.
Problemático e temperamental, Rolfe tivo que conformarse con vivir da escritura apoiado por unha sucesión de mecenas cos que case sempre acababa rompendo en malos termos.

Sinopse do libro:
Tras moitos anos de amargura, soidade e frustración, George Arthur Rose, un aspirante a sacerdote a quen lle foron negados os hábitos e sobrevive como escritor nun escuro cuarto de Londres, recibe a inesperada visita dun bispo e un cardeal que lle propoñen reparar a inxustiza cometida contra el ordenándoo de inmediato. A pesar da súa desconfianza inicial, George acepta e, case sen decatarse, aos poucos días acaba convertido en Papa.

O Gozo das DamasO Gozo das Damas
Émile Zola
Tradución: Celia Recarey Rendo
Deseño da capa: Carlos Valdés García
Irmás Cartoné, Santiago de Compostela, 2015, 526 páxinas

O autor:
Émile Zola (París, 1840 – 1902) é deses poucos autores na historia da literatura dos que se pode dicir que creou todo un movemento. Mais antes de converterse nun dos autores máis coñecidos, publicados e traducidos da literatura francesa, o pai do naturalismo foi primeiro un estudante de bacharelato fracasado e libreiro e xornalista despois. En 1868 concibe o proxecto Rougon-Macquart, unha colosal obra en vinte volumes coa que pretende retratar como nun fresco a sociedade francesa na súa totalidade, a través dunha saga familiar. É nesta gran obra coral na que se encadra O Gozo das Damas, undécimo volume da serie.

Sinopse do libro:
Prepublicada por capítulos en 1882 no xornal Gil Blas, O Gozo das Damas narra a historia de Denise, unha moza orfa que chega a París cos seus dous irmáns procurando o posto de traballo que o seu tío Baudu lle ofrecera ao morrer seu pai. Porén, cando Denise chega, o negocio de Baudu atópase xa en franco declive por mor da durísima competencia que supoñen, para el e para todos os pequenos comerciantes do barrio, os modernos grandes almacéns fundados por Octave Mouret. Será neles, e non na tenda familiar, onde Denise comece a gañar a vida en París e desde onde verá as profundas mudanzas que provocarán en toda a cidade.

O triunfo do ovoO triunfo do ovo
Sherwood Anderson
Tradución: Carlos Valdés e Celia Recarey Rendo
Ilustración da capa: Carlos Valdés
Irmás Cartoné, Santiago de Compostela, 2015, 226 páxinas

O autor:
Nado en Ohio, Sherwood Anderson (1876-1941), autor até agora inédito en galego, foi empresario do sector das pinturas até que sufriu unha crise nerviosa aos 36 anos, no cumio do seu éxito profesional, e iniciou unha soada carreira literaria a ambas beiras do Atlántico cos seus relatos sobre a vida no medio oeste americano. Xunto con Gertrude Stein, é considerado o padriño da xeración literaria de Faulkner, Steinbeck e Hemingway, quen beberon inicialmente do seu estilo para despois renegaren del como bos fillos malcriados. Anderson probou sorte tamén coa novela, o drama e o ensaio, pero foi no relato onde acadou os niveis óptimos da súa escrita.

Sinopse do libro:
Un autor ao que se lle amorean os contos na porta. Un home que non é quen de darlle voz á súa historia. Un rapaz que vive a súa primeira decepción. Unha moza de Nova Inglaterra que marcha ao oeste e se decata de que xa non é tan moza. Un home que quere ser emprendedor e se ve derrotado por un ovo… Eses e moitos outros son os personaxes que poboan este libriño. Un compendio de contos, de estampas das xentes do común do medio oeste americano de principios do século XX. Historias pequenas de xente pequena con vidas pequenas nas que aparentemente non pasan grandes cousas e que, porén, remexen algo no interior de quen as le.

Ethan FromeEthan Frome
Edith Wharton
Tradución: Celia Recarey Rendo
Ilustración da capa: Carlos Valdés
Irmás Cartoné, Santiago de Compostela, 2016, 134 páxinas

A autora:
Edith Wharton naceu en 1862 en Nova York no seo dunha familia rica e distinguida. Despois de casar en 1885, dedicouse a escribir e a viaxar polos Estados Unidos e por Europa até o seu divorcio, en 1913. Estableceuse entón en París até a súa morte en 1937, non sen antes pasear por Compostela en 1925. As súas obras máis coñecidas son A idade da inocencia (1920), pola que obtivo o premio Pulitzer, e The House of Mirth (1905).

Sinopse do libro:
Ethan Frome é un granxeiro pobre de Nova Inglaterra cuxas improdutivas terras só dan o xusto para sobrevivir. Zeena, a súa muller, está enferma e non se conforma coa mísera existencia de ambos. Será a chegada de Mattie, prima de Zeena, o que espertará en Ethan novos sentimentos e cobizas, e precipitará tráxicos acontecementos que cambiarán a súa vida para sempre.
Publicada por vez primeira en 1911, esta historia de emocións desesperadas e prohibidas tensións sexuais é considerada unha das obras máis elegantes e intensas da narrativa breve norteamericana do século XIX, e a mellor das novelas curtas da autora. É, ademais, a única das obras de Wharton cuxos protagonistas non pertencen ás clases acomodadas.