Catro novidades de Urco Editora

 

       (En lembranza de Horacio Quiroga que finou tal día como hoxe hai        setenta e seis anos)

 

   Urco Editora é un selo editorial galego eloxiable e non por un so motivo. En primeiro lugar porque enche un oco de xeito sistemático ou monográfico dentro do sistema literario galego: a publicación de literatura fantástica, ciencia ficción e terror. Un oco non cuberto por outras editoriais que, dunha forma transversal ou no formato da literatura xuvenil, publicaban de cando en vez libros destes subxéneros. Outras razóns para gabar a aparición e a continuidade deste selo son o esforzo cooperativo, e a ética profesional  reflectida en criterios de edición como son o uso de licenzas “Creative Commons” para as traducións de textos sen dereitos, porque xa se atopan liberados dos mesmos. O traballo editorial baseado no emprego do software libre e o recoñecemento do labor de autores e colaboradores cos correspondentes pagamentos; práctica editorial non tan frecuente no mundo da edición galega.

   Son catro as coleccións nas que diversifica o seu traballo editorial Urco Editora: Gótica, Fantasía, Ciencia Ficción e Alcaián. Esta última destinada a publicar textos de escritores noveis capaces de continuar, no ronsel desa ricaz literatura galega, tanto oral como escrita, caracterizada por contar e transmitir lendas, mitos e elementos fantásticos.

   Dou conta hoxe de catro novidades de Urco Editora que acabo de recibir, baseándome nas correspondentes presentacións editoriais. Logo dunha lectura detida, emitirei nos vindeiros días e semanas o meu xuízo valorativo.

 

 

Apocalipe Z.

O comezo da fin

Manuel Loureiro

Tradución de Tomás González Ahola

Urco Editora, (Fóra de colección) Santiago de Compostela, 2013, 386 páxinas.

 

   Manuel Loureiro (Pontevedra, 1975), que escribe polo xeral en español, acadou con esta obra un grande éxito internacional, con centos de miles de lectores en todo o mundo, xa que a novela está traducida a diversos idiomas. A tradución inglesa de Apocalipse Z acadou o número un de vendas na categoría de narrativa de Horror por diante de Stephen King. En Estados Unidos superou a barreira dos douscentos mil exemplares vendidos, números que moi poucos escritores en español teñen logrado.

   Este bestseller e libro de culto en Internet inquire sobre as consecuencias que acontecerían se un día ao nos erguer descubrimos que a nosa civilización se está esfarelando, caendo en cachos. Iso éo que lle acontece ao protagonista de Apocalipse Z. O comezo da fin, un avogado que ve alterada a súa vida tranquila e rutineira en Pontevedra por un escuro incidente que acontecera nun afastado país do Cáucaso e que provoca unha pandemia de proporcións devastadoras que ameza con aniquilar toda a humanidade, A enfermidade vai devorando país tras pais, provocando o caos e achegándose tamén a Galicia. Novela pois de terror zombi que se completará coa publicacións das seguintes partes: Apocalipse Z. Os días escuros e Apocalipse Z. A ira dos xustos.

 

 

Contos de Amor, loucura e morte

Horacio Quiroga

Tradución de Rodrigo Vizcaino

Urco Editora (Colección Gótica), Santiago de Compostela, 2013, 294 páxinas.

 

   Horacio Quiroga naceu en Salto, Uruguai, o 31 de decembro de 1878 e finou de forma tráxica o 19 de febreiro de 1937, logo dunha existencia que é unha verdadeira aventura marcada  sempre pola traxedia que marcou a súa literatura. Está considerado como un dos mestres do conto en castelán e un dos creadores deste subxénero tal como hoxe se entende, xunto con Allan. Poe e Guy de Maupassant. Como escritor tivo una un importante éxito xa na súa vida e deixou unha profunda pegada na literatura latinoamericana. Autores como Borges e Cortázar débelle moito ao escritor uruguaio.

   O volume é unha colectánea que reúne dezaoito relatos breves, con tramas que, vistas cos nosos ollos europeos, semellan que tivesen acontecido nun mundo fantástico onde todo é, á vez exuberante, ameazante e abraiante. Porén, nas contornas amazónicas isto pode ser simplemente a vida cotiá.

   Relatos modernistas e realistas, antecedente do que décadas máis tarde sería coñecido como o “Realismo máxico”. A morte, omnipresente na obra de Horacio Quiroga, a intensa relación coa natureza,  a deshumanización do ser humano e a humanización da flora e a da fauna caracterizan esta escolma de pequenas alfaias narrativas do pasado século, verdadeiras parábolas tráxicas da vida do seu autor. Nos relatos de Horacio Quiroga, o misterio está case que sempre presente, se ben mergullado en situacións cotiás. O autor amalgama a tolemia e o amor de forma constante para levar indefectiblemente á morte. Contos ateigados dunha gran violencia implícita, cargados de tensión que soamente se libera co desenlace final.

 

 

Contos do Ciclo do Soño

H. P. Lovecraft

Tradución de Tomás González Ahola

Urco Editora (Colección Gótica), Santiago de Compostela, 2013, 233 páxinas.

 

   H. P. Lovecraft (Providence, EEUU, 1890-1937) está considerado como o grande innovador da narrativa de terror, á que aportou unha mitoloxía de seu (os mitos de Cthulhu). A súa obra  acostuma a ser valorada como o paradigma do “horror cósmico”, afastada das temáticas tradicionais do “terror sobrenatural” (fantasmas, satanismo), á vez que incorpora elementos de ciencia ficción.

   Urco Editora ofrécenos arestora o volume VII da “Biblioteca Lovecraft”,  coa versión galega dos “Contos do Ciclo do Soño”, que recolle as historias de H. P. Lovecraft comprendidas entre a súa etapa máis temperá na que predominan os “contos macabros”, inspirada por Poe e toda a tradición romántica norteamericana, e o  seu apoxeo como escritor que acada co “ciclo Cthulhu.

   Os contos do Ciclo do Soño soen ser relatos breves na súa meirande parte e nos mesmos xa se observa unha especial sensibilidade polo “terror cósmico” que culminará nos amentados mitos de Cthulhu. Paisaxes oníricas salpicadas de horrores inexplicables e un fermoso ton poético leva o lector a outro mundo, onde a única fronteira é a nosa imaxinación, ou eses medos  que asexan tras do mundo da vixilia.

 

 

Teoría do tempo imaxinario

Eduardo Santiago

Urco Editora (Colección Alcaián), Santiago de Compostela, 2013, 192 páxinas.

 

   O autor, Eduardo Santiago (O Casal,Pontevedra, 1964), deuse a coñecer no ámbito cultural, no ano 2012 en Vigo onde publicou a novela de ficción científica 2044. Mais xa con anterioridade, no ano 1982, un  traballo seu centrado na utopía, entendida no sentido clásico: como modelo alternativo afastado da realidade á que critica, foi seleccionado para participar na Segunda Conferencia das Nacións Unidas sobre a exploración e utilización do espazo extraterrestre con fins pacíficos. A teoría do tempo imaxinario é seu segundo chanzo no eido da ficción científica.

   Nunha breve sinopse, pódese dicir que  a novela  sitúanos no ano 2050. Mara, vive nunha cidade universitaria pechada e autosuficiente, o ECAS. Existe unha rede mundial de realidade virtual que fai posible que os seres humanos poidan viaxar a calquera parte do mundo en tempo real. Susana convida a Mara para probar un novo sistema de seguridade virtual no Smithsoniam, onde Mara coñece dous mozos que farán cambalear a súa apracible vida dun xeito insospeitado. Amor e desamor, desexo e paixón, ciencia a tecnoloxía… mestúranse nesta novela que descubre ata que punto os protagonistas poden saír da ficción e achegarse á realidade.

Advertisements