Sacudidos pola tempestade*

Ellis Island

Georges Perec

Trdución de Eduardo Estévez

Franouren Ediciones, Ourense, 2011, 73 páxinas.

 

 Dos prelos deste novo selo editorial, Franouren, acaba de saír este libro híbrido entre a poesía e a prosa, Ellis Island de Georges Perec, unha reprodución do manuscrito orixinal do filme “Récits d’Ellis Island. Histoires d’errance et d’espoir” (1980). A edición en galego non reproduce, porén, as entrevistas, ao igual que xa fixera a edición francesa de 1995. O propósito de Perec céntrase no texto para subliñar a importancia que tivo na escrita o enfrontamento co espazo de clausura, diáspora e esperanza que foi, desde 1892 ata 1924 Ellis Isaland. Polo illote así chamado pasou a última etapa dun éxodo sen precedentes na historia das inmigracións humanas. Nese estreito banco de area,  arrexuntáronse millóns de homes, mulleres e cativos que erguerían a nación americana. Preto de dezaseis millóns de seres humanos, procedentes de toda Europa, foron acollidos, recluídos, dispersados ou devoltos, porque Ellis Island era  a Porta de Ouro case ao alcance da man da América soñada, onde todos ían ter a súa oportunidade. Tamén a Illa das Bágoas para aqueles que foron rexeitados.

Mais os pavos nunca caeron asado nos pratos e as rúas de Nova Iorque non estaban empedradas de ouro. A aqueles apátridas “sacudidos pola tempestade”, como lembran os versos de Emma Lazarus que alguén gravou no piar da Estatua da Liberdade, fixéronos vir como man de obra barata. Eles empedraron as rúas de América, cavaron túneles e canais, construíron estradas, vías de ferrocarril.

Georges Perec

A prosa poética ou o verso libre de Georges Perec recupera a historia de Ellis Island e, sobre todo, o sentido do lugar e as pegadas de todos os que pasaronpor Ellis Island. Na imaxinación de Perec están presentes os dezaseis millóns de historias individuais de nenos, mulleres e homes, expulsados da súa terra pola fame, a miseria, a opresión política ou relixiosa. E sobre todo, mergúllanos nos infindos mares da errancia, da dispersión, porque Ellis Island, na escrita de Perec, é o lugar da ausencia, o non lugar, o exilio. E aínda que hoxe é un monumento nacional, non pertence só a América. É patrimonio de todos aqueles aos que a intolerancia ou a miseria expulsou e segue expulsando da terra na que naceron.

* Texto publicado o día 8 de marzo de 2012 no Suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo

A Illa das bágoas, da clausura, da dispersión, da esperanza

Ellis Island

Georges Perec

Tradución de Eduardo Estévez

Franouren Ediciones, Ourese, 2011, 73 páxinas.

 

Saúdo, antes de máis, a aparición deste novo selo editorial, Franouren, que, coa está a caer no sector editorial, significa un verdadeiro acto de fe na nosa lingua, na literatura de noso. Andando o pasado ano 2010. Franouren botaba a andar da man de Manuel Ángel García Fernández. Con anterioridade, Franouren funcionaba soamente como unha axencia de tradución. Ao proxecto editorial, no que tamén participan Bárbara Álvarez Fernández e Julia Arcos Rodriguez, nomeárono Franouren, un rótulo que sutura Francia e Ourense e nace da intención de centrase no mercado francófono e porque se trata dunha editorial do país, dunha empresa ourensá  que aposta polo libro en papel.

A liña editorial de Franourén céntrase de xeito prioritario na poesía. Endalí a súa colección bandeira, “Maldoror”, unha chiscadela á literatura francesa, en concreto a Les Chants de Maldoror de Isidore Ducasse, coñecido como Conde de Lautréamont. Inaugurou a devandita colección o poemario  As nosas sombras no Xardín de Serralves de Xoán Abeleira. Péchaa, polo de agora, Transición de Fran Alonso “un libro de moitas caras” e “tamén de moitas falas”, nas palabras de María Lado que escribe o limiar e acompaña a Fran Alonso -con fermosa gheada incluída- no recitado  dos poemas recollidos no CD co que Franouren agasalla os lectores.

Mais Franouren edita asemade outros títulos, libros híbridos que lle dan acubillo á poesía e á prosa. O último, ata o momento, é a tradución que Eduardo Estévez fai de Ellis Island de Georges Perec, unha reprodución do manuscrito orixinal do filme “Récits d’Ellis Island. Histoires d’errance et d’espoir” (1980). A presente edición en galego renuncia, porén, a reproducir as entrevistas , ao igual que o fixo a edición francesa de 1995. O propósito de Perec céntrase no texto para subliñar a importancia que na súa escrita tivo o seu enfrontamento co espazo de diáspora, de clausura, de errrancia e de esperanza, que foi desde 1892 ata 1924 Ellis Island.

Con efecto, polo illote chamado Ellis Island pasou a última etapa dun éxodo sen precedentes na historia das inmigracións humanas. Nun estreito banco de area que emerxe na desembocadura do río Hudson, a poucas brazas da Estatua da Liberdade, arrexuntáronse os millóns de homes, mulleres e cativos que erguerían a nación americana. Ellis Island significa o comezo dunha inmigración oficializada ou “industrial”, como afirma Perec. “Unha fábrica de americanos, unha fábrica que transformaba emigrantes en inmigrantes” (páxina 17).

Nese pequeno illote de catorce hectáreas, ao que todas as linguas de Europa apelidaban Illa das Bágoas, chamado no século XVII Illa da Forca (alí foi colgado en 1765 un pirata de nome Anderson), preto de dezaseis millóns de mulleres, homes e nenos procedentes de Italia, Irlanda, Alemaña, Suecia, Austria, Polonia, Ucraína, Noruega, Grecia, Turquía, Dinamarca… foron acollidos, recluídos, dispersados ou rexeitados, porque Ellis Island era a “Golden Door”, a Porta de Ouro, case ao alcance da man de Nova Iorque, da América mil veces soñada, o país onde todos terían a súa oportunidade.

Mais os pavos nunca caeron asados nos pratos e as rúas de Nova Iorque non estaban empedradas de ouro. A aqueles “apátridas sacudidos pola tempestade” como cantan os versos de Emma Lazarus que alguén gravou no piar da Estatua da Liberdade, fixéronos vir como man de obra barata que empedraron as rúas de América, cavaron túneles e canais, construíron estradas, pontes, vías de ferrocarril, os grandes encoros, ergueron os rañaceos “máis altos que os que descubriron ao chegar”.

A prosa poética ou o verso libre de Georges Perec recupera a historia de Ellis Island e, sobre todo, o sentido do lugar e as pegadas de todos os que pasaron por Ellis Island. Imaxina Perec os dezaseis millóns de historias individuais de nenos, mulleres e homes, expulsados da súa terra pola fame, a miseria, a opresión política ou relixiosa. E sobre todo mergúllanos nos infindos mares da errancia, da dispersión, da diáspora, porque Ellis Island é o lugar da ausencia, o non-lugar, o exilio. E, aínda que hoxe é un monumento nacional, non pertence só a América. É propiedade de todos aqueles que a miseria ou a intolerancia expulsou ou segue expulsando aínda da terra na que naceron.