A modernidade de “A servidume voluntaria”

A servidume voluntaria

Étienne de La Boétie

Tradución de Armando Requeixo

Editorial Trifolium, Iñás-Oleiros, 2013, 83 páxinas.

 

Unha vez máis a colección “Musa pedestris” da Editorial Trifolium ofrécenos a posibilidade de gorentar na lingua de noso pequenos ensaios en canto a súa extensión, mais dun fondo calado, se os consideramos como achegas ao pensamento universal. Un dos últimos é a tradución directa, traballada e nun galego xenuíno do Discours de la servitude voluntaire de Étienne de La Boétie, da man de Armando Requeixo e que Trifolium titulou A servidume voluntaria.

O Discurso da servidume voluntaria ou contra o UN é un acto de escritura acometido hai máis de catro séculos por un mozo estudante de apenas dezaoito anos, nacido no seo dunha familia acomodada, feito que lle permitiu escapar do analfabetismo, nun intre no que as nacións-estado europeas estaban no seu máximo auxe e nunha época de apoxeo das monarquías absolutas. Contemporáneo asemade do desenvolvemento das estruturas administrativas en Francia que establecen unha nova forma de gobernar: a arte da servidume voluntaria, na que sen dúbida matinaba Michel Foucault cando definía a actitude crítica como “a arte da inservidume voluntaria”.

Son moitos os aspectos merecentes de admiración neste breve ensaio. Entre eles a erudición e a solidez da argumentación tendo en conta a xuventude do seu autor, que impresionará a Montaigne, que quixo coñecer de contado a  La Boétie, ao que por certo homenaxea nos seus Ensaios. A precoz xenialidade do autor e do seu texto fixo que un dos máis ilustres comentaristas do mesmo, Pierre Clastres, se preguntase se La Boétie non sería no pensamento político o que Rimbaud na poesía. Outro trazo que chama  a atención é a actualidade dun texto, non só precursor intelectual e mesmo alicerce do anarquismo, senón tamén dos actuais movementos sociais de desobediencia civil e  resistencia pacífica. Ademais, a sólida e erudita alegación que La Boétie soubo ver no feito da dominación política, que é un dos problemas fundamentais das relacións humanas.

As sociedades humanas están atravesadas por estruturas de poder que cristalizan no que Edgar Morin chama o terceiro nacemento do home: a máquina estatal entendida como “monopolio da violencia física lexítima” (Max Weber). Esta maquinaria estatal trocouse nas sociedades históricas en institucións absolutistas como reis e emperadores, ata o punto de que no século XVI, para a conciencia dos occidentais , ter fe, ter leis e ter rei era o criterio de distinción entre as sociedades civilizadas e as salvaxes.

A servidume voluntaria é claramente un discurso político e verbo da política xa que presenta a cuestión da autoridade sobre o pobo e analiza as razóns das relacións de dominación e servidume. Aínda que o tempo de La Boétie está moi afastado da fundamentación contractualista do poder (a dominación derivada do contrato entre persoas libres), as súas ideas prefiguran ese contrato social ao convidar ao lector a estar vixilante, tendo sempre a liberdade como referencia.

La Boétie expresa coa linguaxe dos lóxicos do seu tempo (con definicións negativas e xa que logo incompletas) este mal desorbitado: a irrupción do inhumano (o poder absoluto) no humano. Soamente nos di do que non depende. Porén, varios dos grandes lectores da Servidume voluntaria corrixen esa ambigüidade, subliñando a promesa utópica da “Tríada”, unha reforma social baseada na igualdade máis absoluta (Pierre Lerroux), ou afirmando que a liberade voluntaria non é unha utopía e a alienación non é necesariamente un destino (Pierre Clastres).

Étienne de La Boétie

Escribiu Norberto Bobbio que toda a teoría do pensamento político pode ser dividida en dous grandes territorios segundo onde poñamos o acento: quer no deber de obediencia civil, quer no de resistencia, no que cómpre inserir a desobediencia civil no seu significado de non consentimento coa lei para demostrar publicamente a súa inxustiza. A desobediencia cívica , pasiva ou activa, é un concepto moderno nacido no século XIX. Pero, sen ningunha dúbida, o Discurso da servidume voluntaria, participa desta modernidade, xa que nos convida  a rebelarnos contra o tirano. O lector de hoxe de La Boétie sabe que as tiranía do noso tempo non soamente toman a forma de persoas, senón que se insiren sobre todo nas institucións e mecanismos que dominan este fachendoso  mundo global tan inxusto.

A mesma modernidade que o lector atopa cando La Boétie fai coincidir o republicanismo e o dereito natural. Aínda que o autor renuncie a ocuparse directamente da “controvertida cuestión”, república ou monarquía, non ten ningún reparo en preguntarse se a monarquía é merecedora dalgún papel, “posto que é ben difícil crer que teña nada de público un tipo de goberno onde todo é dun” (páxina 14).

Velaquí, pois logo, algunhas das razóns, que non substancian a xenialidade e a actualidade desde breve texto, pero que poden servir de suxestións para lelo na lingua de noso.