As mulleres acuáticas

Literatura de sereasLiteratura de sereas
A maxia da muller acuática
desde a literatura comparada
Xulio Pardo de Neyra
Editorial Toxosoutos, Noia, 2015, 296 páxinas

As sereas como mito de sedución, fascinación ou encantamento, e mesmo de perdición para os varóns, aparecen ao longo dos séculos, e non soamente na literatura senón que tamén se fan visibles na pintura e na escultura. No eido literario, é sobradamente coñecido o canto doce da Odisea, o poema épico de Homero, que describe a Ulises atado de pés e mans a un mastro da nave para non sucumbir aos cantos e feitizos das sereas que, nese período, aparecen representadas metade muller e metade paxaro, e vencelladas á vez ao mundo da morte e ao mundo dos vivos, aos que pretenden atrapar. Mais, como nos lembra Xulio Pardo de Neyra, a primeira representación icónica, e a máis antiga ata o de agora atopada, dunha imaxinería que combina o ser humano co acuático, é a Sirena de Monfragüe, serea das augas doces estremeñas, cuxa datación é de 2.000 anos a. C.

Sirena de Monfragüe

Sirena de Monfragüe

Co propósito de analizar o tema das sereas, a maxia da muller acuática, desde a literatura comparada, achéganos o profesor Xulio Pardo de Neyra un moi documentado estudo que ten a súa orixe na súa terceira tese de doutoramento defendida na Universidade de Valencia co título De Melusinas, Ondinas y Marinhas. La imagen de la mujer acuática en las literaturas europeas. Nuevos enfoques de la Educación Literaria a través de la metodología de la Literatura comparada.
Logo dunha ampla e clarificadora introdución, sobre todo para neófitos no coñecemento verbo das mulleres acuáticas, o ensaio de Xulio Pardo de Neyra, céntrase nos obxectivos e metodoloxía. Analiza a seguir a cerna do ensaio: “A muller acuática na simboloxía europea: de Melusinas, Ondinas e Marinhas”. Melusina é a muller-serpe, por veces representada como muller serea, raíña das augas e dona dos destinos masculinos. A Ondina aparece como froito do romanticismo alemán. A Marinha é un mito galego, cuxo primeiro referente literario é a lenda de que Froila, un cabaleiro mariñao era fillo dunha serea do mar de Arousa. Unha lenda que pretende orlar a tradición familiar dos Mariños de Goiáns mediante un feito fantástico que os fai derivar dun ser feminino acuático. Finalmente, o estudo de Xulio Pardo de Neyra analiza os ecos da muller acuática e a súa imaxinería na literatura ibérica comparada.

Un traballo preñado de análise, de erudición, amplamente

Xulio Pardo de Neyra

Xulio Pardo de Neyra

documentado, mais moi afastado dunha lambetada que poidan saborear todos os padais. Recoñecendo todos os méritos de este estudo académico, coido que cumpriría, neste caso, rebaixar os saberes dun tema, sen dúbida, moi cativador, nun libro máis divulgativo que non prescinda, porén, dos seus alicerces ideolóxicos, como o que suxire Pardo de Neyra: foi a tradición xudaica, asimilada polo cristianismo, empeñada en proclamar a invalidez de todo o feminino (natureza) e en magnificar o masculino (cultura), a que estendeu e impuxo a imaxe negativa da muller, creada no Neolítico, cando o home se fai co poder e comeza a xerar unha representación negativa da muller que asocia á auga, un elemento que o espavorece, porque é incapaz de controlalo.