Un thriller médico

Tras Las defensas, a novela de Gabi Martínez, agóchase unha historia real: a dun neurólogo que tornou tolo. Unha historia que de xeito casual caeu nas mans do autor cando o neurólogo Domingo Escudero se achegou á mesa onde o escritor asinaba exemplares do seu último libro e lle ofreceu a súa propia historia para que Gabi Martínez a cociñase ao seu gusto, e que o neurólogo resumiu así: “eu son neurólogo, enlouquecín durante unha tempada, daquela non había diagnóstico para a miña enfermidade e engaioláronme nun psiquiátrico. Saín e aquí me tes, semello normal”.

Gabi Martínez relata en Las defensas este feito real, mais fantasiado polo narrador, aínda que sen adulterar a verdade. O escritor camufla a Domingo Escudero baixo o nome de Camilo Escobedo, protagonista da novela. Na mesma, o narrador achéganos a súa propia historia, alternando secuencias que son verdadeiros flashbacks  coas que recupera o pasado, con outras nas que o discurso cínguese ao presente do doente internado nun psiquiátrico para se recuperar dun trastorno bipolar, cuxo orixe está no estrés e no mobbing ao que foi sometido o protagonista polo xefe do servizo de neuroloxía.

Medicalizado erroneamente, cousa que el sabe, e mesmo candidato a unha sesión de electroshock, supera esta primeira acometida, pero pronto sobrevén a segunda. Porén, antes diso asistiu a un simposio no que participaba o doutor Josep Dalmau que no ano 2007 descubrira o anticorpo  que atacaba o receptor NMDA do cerebro.

Unha enfermidade diagnosticada de mil formas, todas equivocadas: desde autismo ata posesión diabólica, mais en realidade a súa natureza é máis sinxela: o corpo convértese en vítima do propio sistema inmunitario porque, no canto de atacar unha infección externa, diríxese contra o propio cerebro, alterando a conduta e a memoria. Un libro multixenérico alicerzado nunha historia moi potente na que, a par das derivas do neurólogo louco, o autor traza un retrato verídico de España desde a Transición, nomeadamente do sistema sanitario anquilosado e gobernado por unha casta xerárquica. Escrita cunha tonalidade que roza o épico e cun halo de misterio, Las defensas convértese nun verdadeiro thriller médico.

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego o día 7 de xullo de 2017. Para ver o orixinal facer clic aquí)

Don DeLillo: Cero K

don-de-lilloCero K, a convención coa que se nomea o cero absoluto na escala de Kelvin, é o título co que Don DeLillo, un escritor imprescindible na literatura norteamericana, rotula a súa última novela editada en España por Seix Barral.

Unha das teimas da narrativa de Don DeLillo  é a morte. Os seus personaxes loitan contra a mesma, someténdose incluso de forma voluntaria e transitoria as súas esixencias por medio do falecemento inducido, a conxelación coa axuda dun procedemento crioxénico, coa esperanza de que os futuros avances científicos sexan capaces de curar as súas enfermidades e recobrar corpos e mentes. A dona dun dos protagonistas de novela, Ross Lockhart, discapacitada debido a varias doenzas, elixe esta forma de morte artificial. Mais, de socato, o seu home cuxa saúde é perfecta, decide acompañala e someterse igualmente á crioxénese. A ficción fai que os millonarios que pretenden a inmortalidade, sexan conducidos a unha comuna situada en Kazajistán. Mais ata alí viaxa tamén Jeffrey, o fillo de Ross e narrador homodiexético que mantén unha postura escéptica verbo dese procedemento no que pretenden participar o seu pai e a súa muller: morrer para non morrer.

En parte todo acontece como estaba previsto. Porén, o desenlace da novela convértese nunha celebración da vida mortal, a deste mundo ateigado de enfermidades, guerras, calamidades, caos, terrorismo. É a voz do principal protagonista a que nos achega esta idea de forma sinxela: “Non necesitaba a luz do paraíso. Xa tiña os berros marabillados dos cativos”. Cero K non é unha novela compracente. É, pola contra, un relato sen concesións, de potencia demoledora que nos invita a interrogarnos sobre o poder e os lindes da tecnociencia, esa ciencia que troca todas as crenzas previas. Aínda que a seita apocalíptica tivese o poder, mediante a crioconservación, de devolver a vida a aqueles aos que llela quitara previamente, a pregunta kantiana “Que debo facer?” segue estando aí coa mesma vixencia  coa que  a formulara o filósofo de Könisberg. A tecnociencia ten agrandado de xeito case que infinito o futuro da nosa especie, hoxe perfectamente moldeable. Mais todo aquilo que é moldeable tamén é susceptible  de ser controlado. Velaquí pois un dos grandes perigos desa utopía da crioxenése.

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal premer aquí)

Philip Roth*

O pasado día 6 de xuño Philip Roth foi elixido  Premio Príncipe de Asturias 2012 das Letras. Unha inestimable nova, sen dúbida, para os amantes da narrativa de calidade. Porque Philip Roth (Newark,1933), coñecido nomeadamente pola súa “Triloxía americana” da que forman parte as novelas American Pastoral, coa que ademais obtivo o Premio Pulitzer , I Married a Communist e The Human Stain) é un dos grandes narradores norteamericanos vivos. Así o considera Harold Bloom que o inclúe nunha nómina da que forman parte Thomas Pynchon, Don DeLillo e Cormac MacCarthy, á que eu modestamente engadiría o nome de E.L. Doctorow.

Porén, en España a novela que o empoleirou no altar da fama foi Portnoy’s Complaint, traducida por Seix Barral no ano 2007 co título El mal de Portnoy. Que eu saiba, ningunha das novelas de Roth están vertidas á lingua de noso. Outra mostra da valoración coa que Philip Roth é lido en todo o mundo, foi o resultado dunha enquisa realizada en 2006 por  The New York Times Book Review: un cento de escritores, críticos, editores e estudosos da literatura escolleron os mellores vinte  e dous libros e entre eles, seis novelas de Roth. No ensaio que acompañaba á enquisa, o crítico A. O. Scott afirmaba:”Se tivésemos buscado o mellor escritor dos últimos vinte e cinco anos, el (Roth) sería o gañador”.

Philip Roth soubo reflectir como ninguén os problemas da asimilación e da identidade dos xudeus nos EE.UU. e rastrea asemade a natureza das pulsións sexuais e da autocomprensión, temas cos que nos agasalla botando man das súas armas predilectas: o monólogo interior, o humor sutil e unha sorte de enerxía histérica, vencellada por veces cos seus heroes e co mesmo narrador, como acontece en El mal de Portnoy.

O personaxe que con máis asiduidade aparece nas novelas de Philip Roth é Nathan Zuckerman, un alter ego se cadra de Roth, que pescuda os problemas do narrador, así como certas trazas traxicómicas da asimilación dos xudeus non EE.UU. Como xa quedou dito, as editoras galegas semellan ter ignorado a obra narrativa de Philip Roth. Xa que logo, se queremos ler algunha das obras mestras do novo Premio Príncipe de Asturias das Letras, teremos que acudir ás traducións en castelán publicadas por Seix Barral. Mondadori e Alfaguara. Unha verdadeira mágoa!

* Texto publicado no xornal El Correo Gallego o día 23 de xuño de 2012. Para ver o orixinal, pinchar aquí

“A noiva do vento”*

Leonora Carrington no seu estudo en México D.F.

Leonora

Elena Poniatowska

Editorial Seix Barral, Barcelona 2011, 510 páxinas.

 

Chámanlle en Francia noiva do vento a unha humilde e diminuta herba sen raíces que medra entre as carrizas, pero que ten o privilexio de florecer mesmo entre os peores turbillóns. “Noiva do vento” foi o alcume co que Max Ernst, un dos pontífices do surrealismo nomeaba a súa musa e amante, Leonora Carrington, que aos 94 anos aínda encarna  as esencias dese movemento artístico de raigaños literarios. Cóntanolo Elena Poniatowska, outra muller lenda, filla do herdeiro da coroa polaca, xornalista e inmensa narradora. As mellores fabulacións de E. Poniatowska, millentas veces galardoada,  afrontan a vida das mulleres ás que admira ou das que se condoe. Tal acontece na súa última e recente novela, Leonora, Premio Biblioteca Breve 2011 de Seix Barral. Unha lenda escribindo sobre outra lenda, á que coñece desde a década dos cincuenta, nun libro que se desenvolve entre a loucura e a arte, como afirmaba un membro de xurado.

Leonora Carrington, filla de nai irlandesa e dun magnate da industria británica, concibiu a súa existencia como un decálogo de rebeldía. Rebélase contra seu pai, que transuda autoridade e pensa que ás mulleres hai que educalas para compracer. Ama con delirio a Max Ernst, ao seu lado faise surrealista e cando, a comezos de Segunda Guerra Mundial, o internan nun campo de concentración, tolea e bebe sen tregua seguindo o consello de Baudelaire. Foxe de Francia e chega a Madrid convertida nun bandallo humano. Encerro estarrecedor nun manicomio de Santander, onde o Cardiazol aplaca os seus delirios e as súas rebeldías. Consegue fuxir da tutela dos psiquiatras españois  e, tras unha breve paréntese en Nova York, establecese en México D.F., ao que enmeiga coas súas cores, os seus contos, os seus delirios e tamén cons terrores anta a “balacera” de Tlatelolco, porque naquela revolta xuvenil participaban os seus fillos.

Elena Poniatowska

A novela é un tributo á forza máxica desta muller, un ser humano extraordinario e, á vez, unha figura perturbadora na que se levedan todos os soños e pesadelos do século XX. Poniatowska novela a vida de Leonora no  canto de escribir unha biografía alusiva, recollendo tantas confidencias que a impactaron ao longo dos anos. Abrolla así a personalidade secreta de Leonora, ese seu mundo alífero e subterráneo, ateigado de trasnos e nubeiros, legado da maxia do mundo celta que herda da súa nai irlandesa. A prosa de Poniatowska recrea ademais con grande acuidade o clima do movemento surrealista, o vivir cotián dos seus representantes, o seu maxisterio subversivo e ateigado de contradicións. Un trebón estético que sorprende pola súa forza creadora e que congrega a moitas mulleres. Quizais a máis importante foi Leonora Carrington, á que a música verbal de E. Poniatowska lle dá vida neste libro.

* Este texto foi publicado no xornal “El Correo Gallego” o día 2 de abril de 2011. Para ver o orixinal, pinchar nesta ligazón:http://www.elcorreogallego.es/tendencias/ecg/noiva-do-vento/idEdicion-2011-04-02/idNoticia-655180/