Amores zoofílicos

A escritora Marian Engel

A escritora Marian Engel

Oso
Marian Engel
Traducción de Magdalena Palmer
Editorial Impedimenta, Madrid, 2015, 171 páxinas

Non faltan pensadores que sosteñen que o bestialismo, as relacións sexuais con animais, foron na antigüidade unha práctica xeneralizada, anexada mesmo a rituais relixiosos. A meirande parte dos códigos -non todos porén- condenan as actividades zoosexuais. É moi coñecido o caso de Claudine de Culan sentenciada a ser aforcada e logo queimada en 1601 xunto co can co que supostamente tería copulado. A literatura que nunca é allea a canto acontece no terreo dos comportamentos humanos e nas súas derivacións, ten tematizado as relacións sexuais con animais. Unha mostra requintada é a peza narrativa Bear (1976) da escritora canadense Marian Engel que o editor Enrique Redel publicou nos pasados meses en Impedimenta. Oso, un libro estraño, contundente e ao mesmo tempo engaiolador, mereceu o honor de ser considerado como a novela más polémica que se teña escrito no Canadá. Unha peza narrativa que supera as tonalidades eróticas e penetra claramente nas prácticas zoosexuais. A protagonista da mesma, Lou, é enviada a unha illa no norte de Canadá para catalogar un legado que recibira o Instituto Histórico no que traballa. Na corte da mansión hai un vello oso ao que debe tratar coma un can.
Mais a soidade do lugar provoca que paseniñamente Lou se achegue ao animal, e, co transcorrer dos días, vaia ganduxando co mesmo unha relación sensorial, afectiva e sexual. Amores prohibidos, bestialismo. No entanto, a protagonista furga en todos os recunchos da súa conciencia para comprobar se notaba algunha culpabilidade. Mais non, non recoñece ter roto as barreiras do tabú. Soamente se sente querida sen depender docilmente dos caprichos dun home. E así, grazas ás relacións co oso, atópase finalmente a si mesma e cómoda no mundo. A novela, malia os anos pasados, pode escandalizar. Porén, se algo debería provocar, son reflexións verbo dos lindes e sobre o porqué natural ou cultural do tabú das prácticas zoofílicas, tal como acontece, por exemplo, co incesto que, segundo Levi-Strauss, abre a pasaxe da natureza á cultura, e consonte cos pensadores do movemento de liberación animal, serían éticas sempre que o animal non sexa vítima da crueldade humana.

(Texto publicado o día 14 de novembro de 2015 no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal, facer clic aquí)

Shackleton, centenario dunha magna epopea

El viaje de ShackletonEl viaje de Shacleston
William Grill
Editorial Impedimenta, Madrid, 2014, t3 páxinas

Non son poucas as publicacións, e mesmo os filmes, verbo das fazañas da derradeira exploración da Idade Heroica, mais ningún dos libros ata o de agora editados agasallaba o lector con fermosas ilustracións. Ata que Editorial Impedimenta publicaba hai uns días unha verdadeira alfaia editorial: El viaje de Shackleton, escrito e ilustrado por William Grill. É a homenaxe que Impedimenta tributa á afouteza, forza de vontade e resistencia de Ernest Shackleton e dos seus homes no centenario do comezo da exploración do descoñecido. O texto do libro e as amavías das súas ilustracións recuperan a “Expedición Imperial Transantártica”, e de xeito ameno e sinxelo permiten que retornemos aos últimos tempos da Idade Heroica das exploracións.

O explorador anglo-irlandés, que xa formara parte ou liderara outras expedicións, tras a conquista do Polo Sur por Admusen, concentrou os seus esforzos non gran desafío de atravesar o continente antártico de mar a mar, 2.900 quilómetros a través do xeo. E así foi: en agosto de 1914, Shackleton e as súas dúas tripulacións e setenta cans partiron a bordo de dous barcos: o Endurance, que levaría o equipo principal ata o mar de Weddell, e o Aurora que trasladaría o equipo de apoio ata o outro extremo da Antártida, o estreito de McMurdo (mar de Ross).

Ernest Shackleton

Ernest Shackleton

O libro que vén de editar Impedimenta, rememora unha das odiseas de aventuras máis notorias e afamadas de todos os tempos. Cando en 1915 Shackleton e os vinte e sete tripulantes do Endurance se viron forzados a abandonar o barco nas xeadas augas antárticas, a desfeita semellaba irremediable. Non entanto, Shackleton iniciou unha loita épica para salvar os seus homes, á deriva na banquisa, contra as forzas da natureza. Sen dúbida a fazaña máis extraordinaria que rexistran os anais das expedicións polares.

O libro que arestora nos permite ler e gorentar a editorial madrileña, ofrécelle o lectorado todos os preparativos e o desenvolvemento da expedición ata o rescate dos expedicionarios que quedaron na Illa Elefante. Unha loita titánica pola supervivencia que fixo esquecer o fracaso do proxecto inicial, xa que Shackleton conseguira levar a porto seguro a todos os tripulantes do Endurance e a case todos os do Aurora. Xa que logo, a edición deste libro é unha maneira loable de celebrar o centenario dunha inmensa proeza.
(Texto publicado o 18 de setembro de 2014 no xornal El Correo Gallego. Para ver o orixinal pinchar aquí)