Ben articulado best-seller. Con saibo mitolóxico

 

Legado nos ósos

Dolores Redondo

Tradución de Ramón Nicolás

Edicións Xerais, Vigo, 2013, 554 páxinas

 Legado nos ósos, o segundo volume da Triloxía do Baztán, é un fenómeno editorial propio dos nosos días: a “fabricación” dun best seller partindo dunha operación de marketing ben programada que se asenta en dous subxéneros moi atractivos para o lectorado: o detectivesco e a narrativa con saibo mitolóxico. Mais esta segunda entrega de Dolores redondo está tan ben escrita como o primeiro volume da serie, O gardián invisible, coas mesmas bondades, feblezas e concesións ao comercial. Un best seller ben articulado, que desenvolve unha trama perfectamente encadeada que fai que a intriga avance de xeito acaído, e con todos os ingredientes do xénero negro que son capaces de impresionar o lector.

   A heroína da novela é de novo Amaia  Salazar, inspectora da Policía Foral, moi sagaz, mais cun pasado axitado.Acaba de ser nai e nesa situación terá que enfrontar unha nova e estraña cadea de horrores: homes asasinos das súas parellas ou de mulleres desexadas, que se suicidan deixando a palabra “Tarttalo” como única mensaxe. A novela, xa que logo, mergulla de cheo o lector na mitoloxía vasco navarra con esa referencia do “Tarttalo”, unha sorte de agreste e violento ciclope, detrás do que se agocha unha trama arrepiante na  que se somerxe a inspectora, levando as pescudas ata un vibrante final.               

   Recrea a autora con habelencia un espazo privilexiado: o valo do río Baztán, ateigado de lendas e mitos ancestrais que o converten no escenario acaído para o desenvolvemento da trama. Descricións  pormenorizadas e moi reais que encaixan perfectamente na trama argumental. De por parte, D. Redondo tece con mestría unha historia atraente, cun ritmo narrativo vibrante. Os personaxes son cribles, aínda que bastante planos, sen que evolucionen ao longo do relato.

Dolores Redondo

   Mais a novela transmite unha ideoloxía verbo da maternidade que ten moito peso neste texto. A maternidade como realización máxima da muller que, sen dúbida, orixina lecturas discrepantes: engado para certos lectores que gustan das marabillas e dificultades da condición maternal; rexeitamento por parte daquel lectorado que non acredita nesa idea da maternidade. Non sería honesto pasar por alto algún descoido  na edición, motivado quizais por urxencias editoriais. Verbo da tradución, que provocou algún ruído desde que saíu do prelo a edición galega, penso que este libro é moi recomendable para aprender a rexeitar nos centros de ensino o chamado “castelgalego”.

(Texto publicado o día 20 de febreiro de 2014 no suplemento “Faro da Cultura” do xornal Faro de Vigo)