O relato aberto das palabras en papel

Columnas de papel

Volume I. A lingua e outras vidas

1987-1993.

Xosé Vázquez Pintor

Edicións Morgante, Cangas do Morrazo, 2012, 210 páxinas.

      A canguesa Edicións Morgante inicia con este volume a recuperación dunha escolma de artigos de opinión publicados por Xosé Vázquez Pintor na prensa escrita galega ao longo de vinte e cinco anos, desde o xa afastado 1987 ao pasado ano 2012. Neste primeiro volume a escolma recolle colaboracións aparecidas entre os anos 1987 e 1993. Aínda que a actividade xornalística do poeta, narrador e ensaísta nado en Melide xa comezara anos atrás nas páxinas de El Ideal Gallego, é a partir de 1987 cando a  súa presenza se converte en habitual, en colaboracións en medios como Faro de Vigo e La Voz de Galicia, agás o artigo “Compostela unánime” que os fados, neste caso benfeitores,  fixeron que esta súa convocatoria feita desde o papel para celebrar o día da Patria Galega aparecese en tres xornais  (Faro de Vigo, El Correo Gallego e Diario 16 de Galicia) o día 25 de xullo de 1988.

Xornalismo de opinión fondamente alicerzado en raiceiras literarias que, malia o seu soporte en papel non o leva o vento -velaquí a utilidade desde volume-, aínda que as súas páxinas viaxen polo aire como as pombas e as aeronaves, converténdose nunha obra aberta onde os avatares da vida, as reivindicacións, as lembranzas e mesmo “as banalidades do mes de agosto” avantan aventureiras como un relato aberto que non perde actualidade por dúas razóns, ao meu ver decisivas: o seu caracter narrativo, en primeiro lugar. Como Carlos Casares, outro gran escritor cunha ampla e valiosa obra xornalística, Vázquez Pintor, máis que sisudos xuízos e pensamentos, conta nos seus artigos xornalísticos o mundo e as súas circunstancias. Na súa narración da vida no está ausente o humor, a ironía, a retranca ou a queixa, como tal, contra un ministro ruinceiro ( páxina 82). Mais todo iso non o fai Vázquez Pintor desde o ensaio conceptual.

Endalí, xaora, que o lector lendo estes artigos, goza do pracer do microrrelato. E xunto a este caracter narrativo, o gusto por esa prosa ateigada de gordura literaria, desa prosa orixinal de Vázquez Pintor, aínda que máis sinxela que a das súas novelas. Prosa orixinal a de Vázquez Pintor, que tamén nas distancias curtas sabe sorprendernos coa metáfora ou coa comparación orixinal ou sinxelamente con palabras que son o tesouro da nosa tribo e das que el é un fiel gardián.

Xosé Vázquez Pintor

Non envellecen, xa que logo, estas prosas voandeiras, nin “caducan na noite de mañá”. Aquí, neste ramallete de textos fican recollidos os relatos abertos cos que Vázquez Pintor nos conta a súa maneira o mundo neses anos que van desde1987 a1993. Algúns deles como o escrito “con toda a miña devoción de carne branca” para a esposa de Nelson Mandela que tivo resposta do embaixador de Sudáfrica e Vázquez Pintor, co ritintín da ironía, aproveitou o “amábel  exemplo de lector da nosa lingua” do embaixador do estado do Apartheid como verdade rotunda “para todos cantos aínda seguen a crer que o noso idioma non serve senón para o suburbio ou para as loucas minorías”( páxina 42).

Velaquí, pois, a faceta do escritor de xornais de Xosé Vázquez Pintor que dalgún xeito prolonga a das súas obras literarias xa pechadas e na que podemos ollar os parámetros cos que o escritor olla algúns anaquiños do mundo.