A perversión da inocencia

Ana María Matute na entrega do Premio Nadal (6 de xaneiro 1960)

No seu día pasou con dificultades a peneira da censura, mais desde entón a novela de Ana María Matute, Primera memoria, Premio Nadal 1959, ten sido editada unha e outra vez en distintos formatos. O pasado mes de xuño recuperouna de novo Ediciones Destino como un dos seus textos clásicos. Ana María Matute é una narradora da literatura española de posguerra e a súa obra constitúe unha literaturización obsesiva dun rodopío de temas como a nostalxia polo paraíso perdido, pola infancia irrecuperable, polo espertar da adolescencia, por radiografar os estados de ánimo dos seus personaxes.

Todas estas obsesións fan acto de presenza en Primera memoria, una novela na que o lector acha adolescentes nas beiras do abismo da idade adulta e sen ningunha alternativa. Esa carencia de opcións descóbrea con abraio Matia,  a protagonista principal e voz narradora, enclaustrada cun primo na casa da avoa durante os primeiros meses da guerra civil, que se deixa sentir desde a distancia asombrándoo todo. Naqueles insulares e infindos meses estivais, soportan rutinas e obrigas e atrévense coas súas pequenas maldades que lles fan enfrontarse cos seus propios monstros e lles obrigan a albiscar “a escura vida das persoas maiores” e a transitar de nenos a adultos apenas sen referentes nos que medirse durante os momentos traumatizantes do estourido da guerra.

Malia o paso dos anos e  autocensura coa que foi escrita a novela, Primera memoria é un texto que non avellentou, feito debido  ao talento creador de Ana María Matute, capaz de nos fascinar con descricións  dos estados de ánimo dos personaxes. A autora soubo meterse na alma dunha rapaza de catorce anos e, desde alí, encher o texto da novela con sorprendentes achados que nos permiten percibir como se ve e como se sente unha adolescente no intre de perversión da inocencia. Amosa a autora igual mestría ao reflectir o ambiente opresivo dun espazo pechado, dunha illa dunha illa ateigada de inimizades  encistadas, entroncando asemade os caracteres e os sentimentos cos paisaxe e o clima, debuxados cunha prosa tan plástica, penetrante e evocadora que estes operan no fondo tamén como verdadeiros actantes.

(Texto publicado o día 20 de xullo de 2012 no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. para ver o orixinal, pinchas aquí)

O Premio Nadal 2012*

Álvaro Pombo

 El temblor del héroe,  a novela de Álvaro Pombo gañadora do Premio Nadal 2012, unha peza narrativa que afonda nos mecanismos do engano e nas tráxicas consecuencias de pasar polo mundo escorregando encol da superficie da realidade sen comprometerse con nada, é unha nova proba de que a literatura é unha infinda cosmografía na que entra todo, se detrás da pluma que escribe, está esa “rara avis” que é Álvaro Pombo coa súa “poética do ben”. Álvaro Pombo, filósofo incorrixible  -esta novela é unha proba irrefutable-, defensor da liberdade e inventor de tramas que sabe encarreirar polas canles dun peculiar método literario bautizado por el mesmo como psicoloxía-ficción, cuxo primeiro postulado, abordado de xeito maxistral nesta novela, é a falta de sustancia.

El temblor del héroe confirma a querenza do escritor por espreitar no interior dos universos humanos. Mais que ninguén se trabuque: non estamos fronte a unha novela comercial, de consumo rápido. Ás avesas, El temblor del héroe é unha peza complexa, densa, rebordante de reflexións e disquisicións filosóficas, tamén de citas en latín e noutros idiomas, pero non unha peza escura, nomeadamente a medida que avanza a lectura. Pombo é un especialista en construír estruturas narrativas atravesadas pola cultura, por ideas, mesturando con habilidade e sabenza, reflexión, narración, descrición e diálogo, con presenza de personaxes complexos que o escritor explora nos seus máis agochados recunchos e sinuosidades.

A novela fai comparecer ante o lector a un profesor universitario xubilado, invadido pola nostalxia dos días brillantes da pedagoxía nos que hipnotizaba os seus alumnos, estimulándoos para acadar una vida máis nobre e máis alta. Mais todo iso volatízase  de súpeto. Dous dos seus antigos alumnos comparten porén a súa amizade, trabando entre os tres complexas relacións intelectuais e sentimentais. Nun momento determinado, entra na súa vida un rapaz xornalista que arrastra unha adolescencia torturada polas violacións dun pederasta, unha rémora vampiresca, que logra asemade inserirse na vida deste celebridade menor. É a partir deste intre cando reaparecen os fantasmas do pasado, á vez que os mecanismos do engano, a covardía e a falta de compromiso provocan un tráxico final nun ambiente de relacións homosexuais, amores líquidos e chaperos, con sentimentos de culpa e moitos abalos e flutuacións. Novela, xa que logo, con transfondo túrbido, perturbador, que se desenvolve nun vulgar tempo democrático, sen heroes e que tematiza ese insustancial escapulirse polo mundo, fuxindo de calquera compromiso cos demais.

* Texto publicado o día 13 de abril de 2012 no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal, pinchar aquí