Don DeLillo: Cero K

don-de-lilloCero K, a convención coa que se nomea o cero absoluto na escala de Kelvin, é o título co que Don DeLillo, un escritor imprescindible na literatura norteamericana, rotula a súa última novela editada en España por Seix Barral.

Unha das teimas da narrativa de Don DeLillo  é a morte. Os seus personaxes loitan contra a mesma, someténdose incluso de forma voluntaria e transitoria as súas esixencias por medio do falecemento inducido, a conxelación coa axuda dun procedemento crioxénico, coa esperanza de que os futuros avances científicos sexan capaces de curar as súas enfermidades e recobrar corpos e mentes. A dona dun dos protagonistas de novela, Ross Lockhart, discapacitada debido a varias doenzas, elixe esta forma de morte artificial. Mais, de socato, o seu home cuxa saúde é perfecta, decide acompañala e someterse igualmente á crioxénese. A ficción fai que os millonarios que pretenden a inmortalidade, sexan conducidos a unha comuna situada en Kazajistán. Mais ata alí viaxa tamén Jeffrey, o fillo de Ross e narrador homodiexético que mantén unha postura escéptica verbo dese procedemento no que pretenden participar o seu pai e a súa muller: morrer para non morrer.

En parte todo acontece como estaba previsto. Porén, o desenlace da novela convértese nunha celebración da vida mortal, a deste mundo ateigado de enfermidades, guerras, calamidades, caos, terrorismo. É a voz do principal protagonista a que nos achega esta idea de forma sinxela: “Non necesitaba a luz do paraíso. Xa tiña os berros marabillados dos cativos”. Cero K non é unha novela compracente. É, pola contra, un relato sen concesións, de potencia demoledora que nos invita a interrogarnos sobre o poder e os lindes da tecnociencia, esa ciencia que troca todas as crenzas previas. Aínda que a seita apocalíptica tivese o poder, mediante a crioconservación, de devolver a vida a aqueles aos que llela quitara previamente, a pregunta kantiana “Que debo facer?” segue estando aí coa mesma vixencia  coa que  a formulara o filósofo de Könisberg. A tecnociencia ten agrandado de xeito case que infinito o futuro da nosa especie, hoxe perfectamente moldeable. Mais todo aquilo que é moldeable tamén é susceptible  de ser controlado. Velaquí pois un dos grandes perigos desa utopía da crioxenése.

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal premer aquí)