LIQUIDANDO, QUE É XERUNDIO

Liquidadción de existencias de Ramón CarideLiquidación de existencias

Ramón Caride

Edicións Xerais, Vigo, 2016, 147 páxinas


FIRMA INVITADA

(Hónrome de publicar hoxe nesta bitácora a presentación que do libro de Ramón Caride, Liquidación de existencias, fixo o profesor e escritor Domingo Tabuyo o pasado día 13 do mes no que andamos, en Exposalnés)

“Con LIQUIDACIÓN DE EXISTENCIAS regresa ao panorama literario, da novela curta ou dos relatos, o mellor Ramón Caride. Ese escritor poliédrico,  policreativo e multipremiado,e con cada vez, maior e merecidamente, mellor valoración na nosa Escrita.

Cunha potencia narrativa,baseada nunha realidade presentida de xeito moi doado.Unha acción contaminada de malas actitudes, e chea da ruindade cotiá daqueles que antepoñen o propio benestar, a calquera outra consideración moral, de conveniencia ou de legalidade incluso.

As historias de Caride, botan unha forte áncora nas cousas cotiás. Como se dun relatorio de novas, ou un catálogo das maldades de todo tipo e condición. Dende os veciños insolentes, como Burra Negra, ata as malas leccións exemplares recollidas en relatos como a Marca España, ou o secuestro exprés que tanto vemos nas novas das televisións o u da prensa. A actualidade máis pura, as feridas máis infestadas desta sociedade, vive nestas obras de Caride. Moitos dos protagonistas, son pobres antiheroes, aínda que algúns deles aínda non o saiban. Xentes que poñen en práctica o modelo de sacar tallada, repiten os vicios aprendidos e imitan un modelo de abusos e múltiples corrupcións, pero que acaban perdéndose pola boca, nunca souberon ser discretos.

Caride volve a experimentar. Pon en valor novas fórmulas que buscan, atraer ao espectador ao lado de sombra dunha realidade así mesmo escura. E fai unha novela divida en varias partes, ou ben  fai tres novelas, cuasi por entregas,  engarzadas no soporte vital dunha trama urbana, que comparten os arames elementais dunha acción argumental moi dinámica, coma dun guión cinematográfico.

Non son temas novos, novelas como Crónica de Sucesos ou  Os ollos da noite, teñen un fondo composto por un magma similar, pero en Liquidación de Existencias,  teñen a actualidade, o empaque e o impacto, das cousas que todo o mundo entende sen precisar explicación algunha. Son situacións  apegadas a unha realidade que coñecemos. Que vemos nas noticias ou lemos nos xornais. Dende a maraña  inevitable da corrupción, impresentable e recorrente  de cada día; ata as prevaricacións, os abusos e as inxustizas, daqueles que teñen os medios para poder facelos, repartindo os beneficios e os prexuízos, sen errar nunca no reparto de a quen vai cada cousa.Os máis diversos ángulos desta realidade unitaria e fragmentaria, ao mesmo tempo, forman parte da novela. A dobre moral do policía e os locais de alterne e o sexo  como  explotación deshumanizada, ou a escravitude laboral que, amparada nas crises, atopa o caldo de cultivo necesario, para seguir medrando na desprotección na que leva tempo instalada.

Caride manexa coma ninguén ese sentimento de desacougo, de profunda  desazón que habita no corazón dos homes, e que nunca desaparece, que quizais forma parte da condición humana… esa sensación de perigosa ameaza, con densidade case matérica,  que permanentemente, espía dende calquera ángulo e que percibimos a través da pel, pero que non somos quen de ver con claridade. E tamén a vida como a navegación entre diversas contradicións, a loita entre o vital e o ideolóxico, como no relato do vello comunista, home sempre perseguido,e a aceptación da homenaxe que lle renden no seu Concello.

Recoñecemos a voz que tece os fíos argumentais. Está construída con palabras  que escoitamos cada día. Promesas incumpridas. Desafiuzamentos. Con berros de indignación e de protesta. Con resignación tamén ante tanta inxustiza. E tamén as furgonetas con zulos camuflados; as camareiras de hotel con horarios longos e salarios breves, e coa paciencia que dura cada vez menos, e sobre todo, se é o seu recente marido o que está retozando na cama daquel hotel cunha muller da vida; o espectáculo da Mundorama e a súa cantante con  xeneroso escote, cantando O Beso en España.Recoñecemos o motel Melodía Encantada, e os motes tan ben traídos, que salpican todos os argumentos.Ás veces as cortes dos miragres, levan traxe e garabata. Tamén hai espazo para ao culturalismo, PaulAuster e as grandes editoriais aparecen referenciadas polo Andrés e o Cesariño.

 

Domingo Tabuyo

Domingo Tabuyo

Tamén cumprimos con aquilo do plurilinguismo. Moitas referencias en inglés, musicais, ou títulos de escenas que levan a marca do mundo anglosaxón. Multiculturais, off course, coma mandan os tempos. Somos xentes de hoxe, formados e viaxados.

Finalmente, penso que compre reseñar a velocidade da acción. A perfecta xestión do tempo do relato. Non hai parada supérflua. Todo flúe e nada permanece, á maneira de Heráclito. Unha sorte de aceleración uniforme, viste cada unha das secuencias, como se dun guión cinematográfico se tratara. Non hai descanso que valga. Nin tempos de lecer para ralentizar a acción. Sempre se chega a algunha parte. O tempo é ouro e non podemos deternos en minucias.

Demos as grazas a Ramón Caride porque trae hoxe a Cambados, a Palabra e máis a Música, a conxunción da terra e mailo ceo, do corpo e o espírito, fundidos nestas obras tan cheas de vidas e onde habita a vida.”

Domingo Tabuyo Romero

De consumo rápido*

Svea Kött (carne sueca)

Domingo Tabuyo

Edicións Xerais, Vigo, 2011, 159 páxinas.

 

O bo poeta pontevedrés que é Domingo Tabuyo, decidiu no ano 2002 apostar tamén pola narrativa. Froito daquel desafío foi a súa novela Carmín, que sen pasar desapercibida, non levantou demasiadas paixóns lectoras. Tabuyo repite arestora con outra peza, enmarcable así mesmo no subxénero policial detectivesco. Mais, contrariamente ao que adoitan facer os narradores que en Galicia cultivan o xénero negro e o policial, D. Tabuyo non recunca co seu primeiro detective, senón que crea un novo investigador, o comisario cambadés Sindo Romero, xefe da sección de Investigacións Especiais. Como tal, vese enleado na resolución dunha trama criminal. A investigación do caso dun asasinato que semella estar conectado con outros dous máis, no eixo Madrid -Arousa -Toledo, con esquemas milimetricamente repetidos e con escenarios  tan cuspidos que semellan fotocopias.

Despois de dar moitos  paos de cego, por se soa a frauta e atopa a pista definitiva, unha repentina intuición de Sindo Romero, allea á esa lóxica das máquinas de pensar que acostuman ser os detectives más modélicos, permítelle resolver o enigma: unha conspiración de terrorismo biolóxico e terrorismo de estado, non por suposto a nivel dos responsables políticos do Ministerio de Interior, senón, como sempre, doutros mandos intermedios, que pensan que o fin xustifica os medios.

Domingo Tabuyo (Foto: Carlos Puga)

No haber da novela de Tabuyo rexistro as clásicas convencións do xénero detectivesco: a investigación como elemento estruturador, aínda que, como acabo de dicir, o éxito da pescuda é consecuencia dunha repentina intuición; o entretemento e a lectura fácil, unha certa narratividade e unha acaída atmosfera de suspense que tira do lector. Novela pois de consumo rápido, pero pouco máis. O “ultimísimo” desenlace seméllame precipitado. Os personaxes son planos e sen as complexidades dun ser real, agás eses lóstregos de señardade que, de cando en vez, prenden no comisario. É o único acontecemento que interrompe esta sorte de señorío da acción pola acción. Innecesarias  así mesmo parao desenvolvemento da historia e a caracterización dos personaxes, certas referencias gabanciosas –sería o mesmo se fosen de censura- a algúns persoeiros políticos da mesma militancia política que a do autor. Menos prescindibles, porén, o ausente retrato crítico da sociedade e a introspección psicolóxica dos personaxes, que son os elementos que converten un relato detectivesco en novela negra.

* Este texto foi publicado o día 16 de xuño de 2011  no Suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo