Calendario fotográfico-literario 2015

Calendario Xerais 2015calendario-José-Suárez-2015-
Mariñeiros de José Suárez
Fotografías: José Suárez
Textos: Varios autores
Prólogo: Xosé Luís Suárez Canal /Domingo García Sabel
Edición: Celia Torres
Edicións Xerais, Vigo, 2014, sen paxinación.

Por segundo ano seguido, Edicións Xerais agasalla a galegas e galegos cun calendario artístico, un verdadeiro meiró fotográfico e literario. Un calendario de parede ateigado das esencias máis fondas da nosa terra. Para o ano no que andamos a editora viguesa axúdanos co actual calendario a recuperar a memoria das xentes que habitaron Galicia, nos anos vinte do pasado século, coas fotografías da vida, dos costumes e das paisaxes galegas, inmortalizadas pola fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson, con textos alusivos da mesma fotógrafa e de Alfred Theodore Anderson.
Desta volta, Xerais seleccionou trece entre os máis de dous mil negativos do arquivo de José Suárez (intégrano catorce mil), dedicados á Galicia mariñeira. A escolla converte en protagonistas ás xentes do mar: homes e mulleres das beiras dos nosos mares traballado nas súas tarefas cotiás. Unha homenaxe ao mariñeiro galego, como escribe Xosé Luís Suárez Canal, un dos prologuistas. As fotografías da serie “Mariñeiros” de José Suárez, amavías para os ollos do corpo e os ollos da mente, foron tiradas, case que todas elas, antes do comezo da Guerra Civil. O tratamento do mundo infantil e o do papel da muller na sociedade mariñeira galega e unha técnica esteada en medios planos e nos retratos ateigados de expresividade, fan que os costumes e o xenio das nosas tribos escintilen con luz propia. É o que transforma o fotógrafo en artista. E José Suárez, acadou esa meta como escribe outro prologuista, Domingo García Sabell, “porque tivo azos abondo para colocar nos trebellos do oficio a sensibilidade creadora da criatura humana de excepción”.
Deste xeito, a máquina fotográfica alumea, sostén e obxetiviza de forma atemporal a gamela e os mariñeiros cobrando a rede; as viúvas na dor das ausencias sobre o promontorio ollando o mar; o traballo das redeiras; o pequeno fogar mariñeiro coa nai, aínda moza e os seus catro cativos enchendo o plano, cos seus pés despoxados de todo, agás do frío ou da calor; o mariñeiro co seu quiñón de sardiñas e un atado de cortizas; a parella de xoves mariñeiros que levan encol dos seus ombros todo o peso das redes, que é tamén o das súas vidas; o traxe de augas “contra a brisa da ribeira; “a coroa de patelas sobre a cabeza e todo o mar do mundo ás costas” (Pedro Feijoo)…

Mozos cargando redes, foto José Suárez

Mozos cargando redes, foto José Suárez

Engalanan as fotografías de José Suárez e achéganlles interpretacións literarias doce fermosos textos de Eduardo Blanco Amor, Ledicia Costas, Lorenzo Varela, Rosa Aneiros, Marcos Calveiro, Berta Dávila, X.H. Rivadulla Corcón, Agustín Fernández Paz, Xurxo Souto, Pedro Feijoo, María Reimóndez e Fran Alonso. Na brevidade dunha poucas liñas, penetran no celme do mundo retratado polo artista e achégannos a as súas particulares olladas que nos axudan a descubrir toda a riqueza cazada e sorprendida polo obxectivo do artista. Velaquí unha mostra sobranceira, un galano de catro liñas de Agustín Fernández Paz que instiga ao lector a construír o seu relato: “Vai onda don Celso e lévalle este cesto de patacas. Son as primeiras que sachou a nai, douradas coma un tesouro agochado na terra moura. Na leira aínda queda traballo para todo o día. «Este é un ano de patacas». Asegurou a nai con ollos alegres. De camiño á parroquia, o neno escoita a chamada das ondas e extravía os seus pasos. Velaí a Rocha desde a que adoita contemplar o mar! O mar inmenso, o mar amigo polo que algún día ha regresar o seu pai”.
Calendario fotográfico de parede que a editora viguesa pon a venda coma un especial produto editorial e que pode ser un acaído agasallo para as datas de aninovo. Ademais, tanto a compra deste calendario como a da Axenda Xerais 2015 chega acompañada por unha promoción especial., “Nadal 1014”. Edicións Xerais agasalla os compradores de cadanseu destes produtos con dous libros das súas coleccións.