Novela autorreferencial

Liña azul

David Pobra

Edicións Xerais, Vigo, 2014, 131 páxinas

    Liña azul é unha novidosa proposta literaria  de David Pobra, heterónimo do escritor David Pérez González. No seu formato de novela breve a proposta de D. Pobra fará que o lector se interrogue verbo do estatuto narratolóxico da posmodernidade, pois a súa construción tórnase metarrelato, “un proceso de construción da mesma novela”, como salienta a Acta do xurado que lle outorgou o Premio de Novela Curta “Cidade Centenaria de Riveira”, 2013. Unha tematización, pois logo, do mesmo acto de escritura que, nos últimos anos e con dispar fortuna, abre as fronteiras da prosa galega e achégaa á narrativa máis vangardista dos nosos días. O lectorado de Liña azul, atópase pois cun exercicio que en boa parte se refire a si mesmo como proceso de escritura. Narrativa que contesta, xa que logo, a tradición mimética da arte.

D. Pobra inicia a súa novela cunha referencia á liña azul -unha das liñas do metro barcelonés- e coa presentación do protagonista, un bo detective, case como un artista, un pseudo detective na miña estima. E esmiúza os ires e vires deste investigador pola liña azul do metro da cidade, coa meta posta na súa pescuda detectivesca, que é ben curiosa porque non ten claro o obxecto do seu caso nin a quen debe perseguir. Investigador, entón, sen crime e sen criminal, mais coa vontade de escribir o relato da súa propia investigación. Un encontro e un singular e delongado parrafeo, por veces pándego, outras atafegante e repetitivo, cunha moza representante dun clube reintegracionista e feminista, que ten a súa sede nunha plataforma abandonada do túnel do metro, empuxa o relato cara á literatura: papel do narrador, debate sobre os xéneros literarios, pacto narrativo, construción dos personaxes e outras digresións propias da narratoloxía.

David Pobra

Sutura pois de novela de intriga e reflexión metaliteraria, de tal xeito que a investigación funciona como a planificación dunha obra literaria. Salientable así mesmo o feito de que o autor se enxergue a si mesmo e como tal se se asuma, convertido nun personaxe da súa propia novela. Endalí que Liña azul, especialmente na parte final, é un cumprido diálogo metaliterario, ata o punto de que no mesmo texto se recoñece que explicar como se fai unha novela pode ser máis un ensaio ca unha peza de ficción.        Ademais a novela de D. Pobra racha lindes xenéricos e pode ser lida como unha novela detectivesca, novela literaria e mesmo como relato de humor. Sexa como for, novela sobre todo subversiva que mestura personaxes narradores: un narrador en primeira persoa que cando lle peta o fai na terceira. E nada ten que ver cos discursos compactos, pechados e canónicos (presentación – nó – desenlace) que xa non responden a nosa maneira de ver o mundo, cada día mais fragmentado.

Mais, volvendo ao rego da condición metaliteraria e vangardista desta novela, coido que non debemos esquecer que a vangarda é o que fai avanzar, aínda que cómpre asumila sempre desde certa reflexión. Poren, ao meu ver, o feito determinante para nos decantar por unha peza metaliteraria ou rexeitala é a acuidade e o enxeño co que o narrador leva adiante o relato cun verdadeiro criterio novelesco. No caso contraio, como acredita o mesmo Epílogo desta peza, é un vicio, cousa de culturetas. Secasí, Liña azul trae consigo a menciña contra o exceso de treitos digresivos de natureza metaliteraria que por veces producen unha certa canseira e demandan lectores instruídos ou dispostos a beber neste subxénero.

(Texto publicado o día 10 de xuño de 2014 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI do xornal Faro de Vigo)

A liña azul dun texto metaliterario

Liña azul

David Pobra

Edicións Xerais, Vigo, 2014, 131 páxinas

 

   En boa lei e non na do funil, tamén un cadoiro de interrogantes e boas doses de pasmo deberían xurdir, e é posible que así aconteza, en algúns lectores tras rematar o seu percorrido por esta proposta narrativa de David Pobra, personaxe heterónimo creado polo escritor David Pérez González. A novela foi galardoada co Premio de Novela Curta “Cidade Centenaria de Riveira” o pasado ano. Porque no seu formato de novela breve Liña azul encova as mesmas múltiples preguntas e sondaxes sobre os estatuto narratolóxico na posmodernidade que algunha outra novela metaliteraria  publicada hai algún ano. A súa construción, e xa o subliña a Acta do xurado do Certame, tórnase metarrelato: “un proceso de construción  da propia novela, na que se mesturan os textos ata confundírense”. Xa logo, unha tematización ficcional do mesmo acto da escritura que nos últimos tempos, de xeito non abondoso e con dispar fortuna, abre os lindes da prosa galega e nos aveciña á narrativa máis vangardista dos nosos días.

A maior parte dos narradores galegos desbotan estas novas formas de narrar experimentais e vangardistas e constrúen as súas propostas narrativas segundo as arquitecturas canónicas de sempre, esquecendo que a vangarda é o que fai avanzar, aínda que cómpre asumila sempre desde a reflexión. Hai ademais lectores que son moi escépticos diante destes novos exercicios de ficción, de narrar, non querendo lembrar que a novela é o reino da subversión, protéica e aberta, ou, dito con palabras de Henry James, non ten unha, senón un millón de fiestras.

Os lectores, pois, de Liña azul atoparanse cun exercicio en boa parte metaliterario, que é algo máis que conversar sobre libros ou interrogarse arredor de cuestións relacionadas cos ámbitos literarios. Liña azul é principalmente unha novela autorreferencial no ronsel de Spires, é dicir, a novela que se refire a si mesma como proceso de escritura. Escribir entón sobre o acto de narrar, amosando desde dentro o taller do escritor. Escritura que contesta, por conseguinte, a tradición mimética da arte.

David Pobra enceta a súa proposta cunha referencia á liña azul -unha das liñas do metro barcelonés- que rotula o título e coa autopresentación do protagonista, un bo detective -case como un artista, un pseudo detective diría eu-, cuxo nome coñeceremos nas últimas páxinas. Logo, durante os primeiros capítulos, refírese á xénese da novela, comezando polo título e polo primeiro capítulo. E esmiúza os ires e vires do investigador pola liña azul do metro da cidade barcelonesa, coa meta posta no seu traballo detectivesco que é ben curioso porque non ten claro o obxecto do seu caso nin a quen persegue pola liña azul. Investigador, pois logo, sen crime e sen criminal, mais cun detective que escribe o relato da súa propia investigación.

Un encontro e un singular parrafeo, por veces pándego, por veces atafegante c e repetitivo cunha  moza, contumaz representante dun clube reintegracionista e feminista, que sempre di “nosoutras” para rexeitar o patriarcado lingüístico, e que ten a súa sede -un clube de leitura- baixo a superficie, nunha  plataforma abandonada do túnel do metro, deriva o relato cara á literatura, papel do narrador, debate sobre os xéneros literarios, construción dos personaxes, pacto narrativo, punto de vista e outros temas e digresións propias da narratoloxía. Amalgama pois de novela de intriga e reflexión metaliteraria, de tal xeito que a investigación funciona como a planificación dunha obra literaria. E sobre todo, o feito de que o autor se albisque a si mesmo, e como tal se asuma, convertido nun personaxe da súa propia novela (“Quen podía pensar que aquel monifate resultaría se-lo avatar literario do mesmísimo autor”, páxina 111).

Liña azul, nomeadamente na terceira parte final é un cumprido diálogo metaliterario ata o punto de que no mesmo texto se recoñece que explicar como se fai unha novela pode ser máis un ensaio ca unha novela. Ademais Liña azul racha fronteiras xenéricas e pode ser lida tamén como novela negra -ou pseudo detectivesca-,  novela literaria, relato de humor -remito aos graffiti e ás conversas excéntricas e surrealistas coa lectora reintegracionista do clube underground-. Sexa como for, novela sobre todo subversiva que mestura personaxes narradores: un narrador en primeira persoa que por veces o fai na terceira. E nada ten que ver cos discursos compactos, pechados e canónicos (presentación – nó – desenlace) que xa non responden a nosa maneira de percibir o mundo, cada día máis fragmentado.

David Pobra

Un estilo da prosa fresco e espontáneo, diálogos por veces divertidos, pero tamén sobrecargados e enfastiados noutras ocasións. Mais volvendo ao rego da condición metaliteraria desta novela, coido que o feito determinante para nos decantar pola mesma ou rexeitala, é a acuidade, a chispa coas que o narrador é capaz de levar adiante o relato cun verdadeiro criterio novelesco. No caso contrario, a metaliteratura, como se di no Epílogo desta peza de David Pobra, é unha estafa, un vicio, cousa de culturetas, ou de culturas para sermos máis condescendentes, sen esquecer, porén o que tamén se afirma no texto: “este mundo non é un departamento de facultade” (páxina 115). Secasí Liña azul trae consigo a menciña contra o exceso de treitos digresivos de natureza metaliteraria, que por veces producen canseira e demandan un lectorado instruído ou disposto a atopar amavías neste subxénero.