Escaparate de aventuras

 

 Reckless. Vida nas sombras

Cornelia Funke

Tradución de  María Xesús Bello Rivas

Edicións Xerais, Vigo, 2013, 243 páxinas.


   Edicións Xerais publica nestas datas a segunda parte da triloxía “Mundo de Tinta” de Cornelia Funke (Dorsten, Alemaña, 1958), a creadora de historias fantásticas fascinantes  para os amantes deste tipo de literatura, seguramente a autora de narrativa infantil e xuvenil máis lida no mundo neste momento. Xa que logo, un novo mergullo nun mundo máxico e tebroso, acugulado de aventuras fantásticas.

   A pluma de Cornelia Funke retoma a historia logo da volta de Will ao seu mundo. Jacob ten inserida no seu corazón a trilla da Fada Escura, e o seu tempo está a piques de se esgotar. Leva buscando o remedio que o libere do nome da Fada e da morte que leva unida a súa pel. Candoxa tiña perdidas todas as esperanzas, chega aos seus oídos noticia da existencia dunha poción que é pura lenda mesmo no Mundo do Espello.


Cornelia Funke

   Coa axuda de Zorro, a súa protectora, intentará conseguir o antídoto curativo nunha carreira contra o reloxo, sobordante  de aventuras, poboada de seres sorprendentes: gols, trolls, ananos ricos, cazadores de tesouros… C. Funke, autora asemade das ilustracións, pretende amosar a cara máis descoñecida dos contos clásicos de varias culturas e lugares. Vida nas sombras inspírase en contos franceses e ingleses.

   Unha historia pois de fantasía, escrita con singular mestría, pensada para un público xuvenil, mais que soporta, porén, unha franxa de lectores adultos que se deixan enmeigar polos mundos máxicos da autora alemá.

(Texto publicado  o día 17 de outubro de 2013, no suplemento Faro da Cultura, páxina VII, do xornal Faro de Vigo)