Acenden o lume literario

 

Cadernos Vermellos

XLI Premios Literios “Minerva”, 2013

Edita: Colexio M. Peleteiro, Santiago de Compostela, 2013, sen paxinar

Distribúe: Editorial Galaxia

 

   Á volta dunha delongada viaxe por latitudes austrais, atópome con este Cadernos Vermellos, un verdadeiro meiró bibliográfico, que recolle os traballos premiados nos Premios Minerva 2013 que, como cada ano desde 1963, convoca e organiza o Colexio M. Peleteiro de Santiago de Compostela. O certame botou a andar como xogos florais baixo o pulo do profesor Abuin de Tembra e foi apadriñado nesa súa primeira edición por Álvaro Cunqueiro. Carballo Calero, Carlos Casares, Neira Vilas, Luz Pozo ou Victor Freixanes, entre outros homes e mulleres das letras galegas, puxeron en valor a calidade desta iniciativa, aberta ás alumnas e alumnos dos últimos dous cursos da ESO e Bacharelato de todos os institutos e colexios galegos.

   Un certame monolingüe que procuraba, e segue a procurar,  a defensa da cultura e da lingua de noso nun intre histórico que non era fácil facelo. Tamén nos nosos días nos que a mocidade das nosas vilas e cidades semella darlle as costas á lingua da nosa tribo. Moitos dos premiados neste singular e xa histórico certame son hoxe figuras sobranceiras da literatura galega: DarioX. Cabana, Xesús Rábade, Lois Diéguez, Ánxeles Penas, Suso de Toro, Xosé Antonio Neira Cruz, Xavier Queipo, Olga Novo, entre outros moitos, velaron as súas armaduras literarias nos Premios Minerva.

   Fixérono asemade no 2013 na modalidade de poesía e acadaron premio ou accésit: Brais Lamela Gómez, Alfonso F. Traficante Fernández, Mª Elena López González, Iganacio Delgado Ferreiro, Marcela Porto Mato. E na de narración: Mª Elena López González, Román Pérez Santalla, Iria Iglesias Martínez, Alba S. Naseiro Lamas e Javier Rivas Rodríguez.

   Elas e eles, como moitos dos seus predecesores, acenden o lume literario e garanten o futuro do galego como lingua literaria.

   Elas e eles póñenlle recendos, cores e esdrúxulas ás fendas da noite. Esgazan os ritmos e mamóns da primavera. Suman rimas, ritmos, consonancias e asonancias, versos libres nas canles e levadas da súa imaxinación. Esnaquizan as metáforas, mais sen erguer no seu lugar o pendón da metonimia. Veñen con fama antiga a renderen os inmemoriais acatamentos da nosa estirpe aos deuses amorosos dos desexos. Levedan versos e tramas na cabeza e cócenos de vez nas ardentísimas artesas dos seus poros, das súas cadeiras aturadas. Reverdecen o brión “que en silencio berra que é ardua a compaña da túa ausencia”. Enchóupanse de fervenzas de versos e soñan con poemas que non escriben, “tan doce como semella a vida” e “mirando o mar de Andamán encorar na páxina de Asía, conciben a natural ambición de ser mariñeiros”. Mariñeiros e mariñeiras de pequenas tramas, de breves historias, ateigadas, porén, de requintadas sustancias narrativas. Elas eles, as alumnas e os alumnos dos colexios e institutos galegos, rachan as xanelas do silencio e imaxinan alboradas en feminino e masculino.                       

Premiados con algúns menbros dos xurados


   Saúdo pois esta edición dos XLI Premios Literarios “Minerva” que edita o Colexio M. Peleteiro e distribúe Editorial galaxia. Saudación fervorosa a estas e a estes poetas e narradores, afoutos argonautas, tan noviños, no mar da literatura galega.