En prol de Babel

A Cabeleira

(Poema en 60 idiomas)

Claudio Rodríguez Fer

A tola soñando, Santiago de Compostela, 2016, sen paxinación

 

Existen na actualidade unhas seis mil linguas. Moitas delas teñen a súa orixe na antiga familia das linguas indo-europeas. Non na resposta que o folklore hebreo deu a cuestión da diversidade lingüística, narrada en Xénese 11, 1-9, entendida como un mal, xa que como teñen afirmado algúns Pais da Igrexa, a perdida unidade lingüística é un atranco para a boa comunicación. Emporiso, hoxe a diversidade das linguas é apreciada como un dos tesouros e posibilidades de incalculable valor para os seres humanos. As linguas son fiestras que nos permiten dexergar o mundo, lelo e criar sentido e beleza.

Endalí que A Cabeleira (Fragmentos de Claudio Ridrígez Fer, e a súa perspectiva multilingüe, son de certo unha homenaxe á poesía e ao multilingüismo. Un poema en prol de Babel. A Cabeleira (Fragmentos)  apareceu publicada por primeira vez na revista Grial, en 1985. En datas posteriores o poema o poema foi traducido ao ruso e ao bretón. En 1995 apareceu a súa primeira edición políglota. En 1915 esta edición agrandouse con traducións a trinta e cinco idiomas. A última ampliación editada é do pasado ano: A Cabeleira (Poema en 60 idiomas). Estes sesenta idiomas nos que hoxe podemos ler o poema de Claudio Rodríguez Fer, engrosaranse en futuras edicións con outros idiomas, coma o alsaciano, lingua á que xa foi traducido.

 

Claudio RodríguezFer

 

Ler o poema de Claudio Rodríguez Fer nas sesenta linguas ás que podemos ter acceso tanto na edición en papel como na dixital, aléntanos a facernos membros e a xuntarnos con todas as tribos móbiles que se estenderon por toda os recunchos e camiños da terra; moitas delas sen se constituír en estados, mais creando e conservado os vedraños patrimonios das linguas, todas igualmente valiosas, e que non só son códigos de comunicación, senón moitos máis: moldes que condicionan e á vez enriquecen o noso pensamento. Armas pacíficas fronte a un mundo que tende a erguer muros, pechar fiestras e condenarnos a un encerro solipsista en nós mesmos.

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela o día 26 de novembro de 2017. Para ver o orixinal facer clic aquí)

“Muller pra lonxe”: os poemas de amor de Uxío Novoneyra

Muller pra lonxe

Uxío Novoneyra

Prólogo: Luís Cochón

Epílogo: Claudio Rodríguez Fer

Deputación de Lugo, Lugo, 2011, 90 páxinas.

 

Da man amiga de Luís Alonso Girgado chégame este agasallo, un verdadeiro meiró literario e bibliográfico, “aquel milagre estampado, gardado nun estoxo”, como acreditan as palabras do prólogo de Luís Cochón: Muller pra lonxe que, en segunda edición, pon na rúa a Deputación de Lugo. Unha delicada e fermosa compilación da poesía amorosa de Uxío Novoneyra. Un poemario de amor, oblación a unha muller, Elba, a compañeira do poeta, que Novoneyra, nese pacto de fusión cósmica, de intimidade existencial, de clamor cívico (Claudio Rodríguez Fer), colleitou entre os anos 1955 e 1985. O libro acolle vinte poemas, unha pequena prosa poética, varios poemas caligráficos e un luminoso epílogo de Claudio Rodríguez Fer.

Poemas cicelados ao redor dun claro eixo temático: o amor, mais con ecos e resóns de todas as grandes teimas do poeta do Courel: o telurismo cósmico, o intimismo transformado en revelación existencial e todas as vindicacións humanas.

Abre esta antoloxía amorosa o “Poema dos Caneiros”, unha “alta cousa de ledicia” como glosou o mesmo poeta. Un poema moi rítmico e cadencioso na súa forza existencial, e aflitivo na súa sustancia, en íntima intertextualidade con aqueloutro río da mitoloxía na que o fillo de Erebo e de Nox actuaba como barqueiro do Averno: “Mandeo inorde ó son da noite / As ondas do río devalaban lenes / levando as barcas soltas pro infindo do mar i  a noite”. Cantar desde a noite, desde o horizonte angustioso da nada, mais coa seguranza de que cada día vivido  é un afastarse da morte: “A medida que o tempo pasaba alongábame da morte”.

Uxío Novoneyra

Mais o mesmo pulo do amor físico permítelle ao poeta courelao asir as raíces da vida e amalgamarse con todo o orbe, como reza aquel poema de dous versos do ano 1964: “Biquei sua tristura i atopei os labios. / Na aperta prendémolo o mundo” ( páxina 33).

A angustia e a mágoa afástanse pouco a pouco a medida que avanza o tempo e os poemas finais festexan a sensualidade amorosa e mesmo se canta “pra ter favores de Venus”.

A poesía de Uxío Novoneyra é sempre unha reflexión fonda e comprometida coa terra, coa paisaxe, coas persoas que ama, cos indescifrables cavorcos da vida. Unha das súas “deitelas” (teima repetida, discurso insistente na fala do Courel) é o amor, pero trátase sempre do amor vivido, do amor experimentado. Se o amor forma parte do seu dicir poético é porque do mesmo tivo unha intensa vivencia previa. Así llelo confesou a Emilio  Araúxo, o grande ausente nas celebracións e nas publicacións das homenaxes do Día das Letras Galegas do ano 2010, dedicado ao poeta courelao: “…non utilizaría a palabra amor se non tivese sentido o amor intensamente” (Dos soños teimosos, páxina 47).

Velaquí pois un libro da marca de Novoneyra, que reflicte en verso trinta anos de amor, que ven luz nunha reedición (a orixinal é do ano 1986) de fermosa feitura na súa materialidade paratextual na que relocen as ilustracións de Carlos Parto Teijeiro e as caligrafías do mesmo Uxío Novoneyra.