Dura ciencia ficción*

Cita con Rama

Arthur C. Clarke

Tradución de Alejandro Tobar

Editorial Hugin e Munin, Santiago de Compostela, 2012, 296 páxinas.

 

 

Arthur C. Clarke é un dos grandes clásicos do chamado “xénero de ciencia ficción dura” e Cita con Rama, unha obra de referencia, caracterizada polo estrito rigor científico acadado polo autor, explicable pola súa formación físico-matemática.

Arthur C. Clarke

Logo dunha catástrofe ao bater coa terra un meteorito, os humanos deciden instalar un sistema de detección temperá contra estas ameazas. Anos máis tarde, dispárase a alarma ao ser localizado un obxecto bautizado co nome de Rama, que viaxa a grande velocidade. Un comité científico toma a decisión de interceptalo.

Arredor desta historia futurista constrúe Clarke unha novela que non está orfa de imaxinación alicerzada en coñecementos científicos. O autor constrúe asemade un relato fluído, coherente e optimista, gabando os beneficios do progreso tecnolóxico sen outras consideracións. Na novela non aparecen solucións milagrosas; xa que logo, un final aberto que deixa sen revelar a meirande parte dos segredos de Rama, é un dos trazos positivos desta novela que, como texto narrativo, ten a súa principal eiva no deseño e na nula evolución dos seus personaxes.

* Texto publicado o día 10 de maio de 2012 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo