MOVIE ROAD DE NOSO

 Tres pintores

Cid Cabido

Edicións Xerais, Vigo, 2018, 101 páxinas.

 

  1. Cid Cabido é un dos poucos escritores da narrativa de noso que se fai agardar. Unha obra narrativa pouco prolixa e o convencemento dos lectores de que do seu enxeño pode rebentar en calquera intre algo distinto, converte cada nova entrega do escritor nado en Xunqueira de Ambía nun festín gorentoso e moi especial, en algo distinto. Cando o lector penetra nun libro de Cid Cabido, debe sospeitar que se inmisce nas contornas do humor, da retranca, da esmorga, ou nunha escrita alimentada en evidencias que, polo feito de selo, acostuman chamarnos a atención. Mais o propósito do escritor non deixa dúbidas: o desenmascaramento social, estrullar os significados velados e proxectalos diante dos lectores,rescatando mesmo o valor da incoherencia, como se o escritor lle quixese facer un caneo ao lector.

En Tres pintores Cid Cabido foxe máis unha vez  da macronovela, do relato narrativo, entendido como “un país  para instalarse” e vivir no mesmo con desafogo e confort. E aínda que en menor medida que en Grupo abeliano, alicerza a novela nas raiceiras subversivas  do evidencialismo e na carallada, se ben con pouco ruído. A novela narra a aventura de tres amigos, tres  vigueses bohemios por excelencia das Travesas que, nunha noite na que se atopan sen se citar coma sempre, deciden saír de viaxe, unha viaxe errática cara a París por exemplo, nun vello Renault-8, financiando a mesma desde a súa economía de supervivencia, procurando a vidiña como puidesen. Auténticos viaxeiros que, como din os taoístas, non saben cara a onde van. En Santiago  esquecen os poucos cartos que un deles pensaba apañar. Chegan a Ovieu e alí despregan unha habelenciosa batería de recursos de supervivencia para casos extremos, sen descartar algunhas pillerías, para continuar a súa accidentada viaxe para ver mundo, pero de retorno a Vigo.

A novela reflicte os ambientes nos que estaba instalada a xeración invisible que nos anos oitenta xa se sentía afastada das ideoloxías militantes e das loitas contra a ditadura, e se asenta comodamente nunha vida bohemia, pseudo intelectual e esmorgante. Malia a súa brevidade, achéganos unha imaxe crítica dese tempo xa afastado e dalgúns dos seus personaxes.

 

Cid Cabido

Emprega de novo o autor o truco de humor e da ironía, se ben sen tantas paridas  graciosas ou grandilocuentes coma noutros libros. Personaxes planos que viven o día a día sen programación, arrastrando a súa desenfadada realidade polas páxinas do relato.Non é este un libro de prédicas, senón da narración duns  feitos máis ou menos novelescos. Emprego da primeira persoa que aveciña a historia ao lector. Un rexistro coloquial neutro e monocromo. Cid Cabido foxe á mantenta do intimismo, do lirismo, dos requintes estilísticos, das descricións de ambientes, espazos e persoas. O autor empuxa a ficcionalidade ata o límite, sen alienarse na linguaxe. Eis algúns dos trazos desta “novela breve de tipo breve”, con todas as marcas do escritor ourensán.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 17 de agosto de 2019)

 

Advertisements