Cunqueiro, destinatario

Cadernos Ramón Piñeiro XXVIII reducidoooooooooCadernos Ramón Piñeiro (XXVII): Cunqueiro, destinatario
Edición de Luís Cochón
Colaboración de Lorena Domínguez Mallo e Anastasio Iglesias Blanco
Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela, 2014, 152 páxinas.

Unha vez máis o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades pon na rúa, pero sobre todo nas mans dos lectores interesados na letra miúda da nosa historia literaria recente, un novo Caderno Ramón Piñeiro (Cadernos galegos de pensamento e cultura). Fai o número XXVIII e, como escribe o editor do mesmo, Luís Cochón, debe de ser lido como unha continuación natural do número XXIII, “na medida exacta na que o todo abraza á parte” (as cartas entre Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal). Recóllense pois neste número sesenta e oito cartas que teñen a Cunqueiro como destinatario, con orixe en trinta e cinco remitentes, e espalladas nun furco temporal que vai desde o ano 1949 ata 1979. Escribiu a primeira Eduardo Blanco Amor e a última das publicadas, Dionisio Gamallo Fierros. Non entanto, a edición recolle unha misiva escritas por Josef Kostohryz, un correspondente de Praga, en xuño de 1982 e outra da súa viúva (K.H) en outubro de 1986, dirixidas ambas as dúas a César Cunqueiro González-Seco.

Álvaro Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro

Non foi o mindoniense un gran conservador de correspondencia. Así por exemplo, do carteo entre Cunqueiro e Del Riego, o primeiro conservou dez cartas contra as noventa e cinco que atesourou Del Riego.
Os remitentes que achegan misivas a este epistolario son, entre outros, Francisco Fernández Del Riego, Eduardo Blanco Amor, Emilio Álvarez Blázquez, Ricardo Carballo Calero, José María Castroviejo, Aquilino Iglesia Alvariño, Ramón Lugrís, Isidoro Millán, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Prego de Oliver, Celso Emilio Ferreiro Sabino Torres, José Luís Varela… Chama a atención a que enceta o volume, escrita desde Milán por Salvatore Quasimodo o 12 de novembro de 1960, que foi motivada por un artigo no que Cunqueiro defende, desde a súa provincia distante, a Quasimodo, recente Premio Nobel, fronte ao sarcástico comentario de L’Osservatore Romano verbo da personalidade do galardoado.
Misivas carentes de unicidade temática, que responden a circunstancias distintas e particulares dos remitentes ou do destinatario. Saliento co editor, pola súa fermosura, a que Blanco Amor lle escribe a Cunqueiro en castelán, á beira do mar de Baiona, o 3 de xullo de 1949. A meirande parte deste epistolario está formado por cartas escritas en castelán, agás as de Carballo Calero, Plácido Castro, Del Riego, Celso Emilio Ferreiro, Aquilino Iglesia Alvariño, José Landeira, Ramón Lugrís e Otero Pedrayo.
A edición que respecta escrupulosamente os orixinais manuscritos ou mecanoescritos dun epistolario que se salvou das demoucas que Cunqueiro fixo dos seus papeis, “…para irse espindo das cousas que xa non son”, deita luz sobre moitos trazos vitais e literarios de Álvaro Cunqueiro, que son de grande utilidade para termos unha idea moito máis exacta e real da súa personalidade humana e literaria