Cadernos Ramón Piñeiro (XXII): Correspondencia de Xosé Neira Vilas con Valentín Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro.
Edita: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela 2012, 169 páxinas.
Hai agora por volta dun ano que Xosé Neira Vilas publicaba o seu segundo libro de memorias (Penúltimo dietario, Xerais, 2011), no que daba conta das actividades e encontros que el e a súa parella Anisia Miranda tiveron desde xaneiro de 1993 ata outubro de 2009. Libro memorialístico que o autor xustificaba como una forma de amor a súa terra. Non toda a crítica acolleu aquelas memorias de forma positiva. Páxinas que non teñen ningún interese para o lector, que se escriben cando non se ten nada que dicir, chegou a escribirse. Desde esta mesma bitácora opinei que a meirande parte das anotación do dietario de Neira Vilas eran prescindibles, porque nada lle engadían a historia social da nosa literatura.
Chégame arestora a última entrega de Neira Vilas -cómpre non esquecer que é un clásico da literatura galega contemporánea- á chamada “literatura do eu”, a través das páxinas dun novo volume dos Cadernos Ramón Piñeiro. A publicación que dirixen Luís alonso Girgado e Ramón López Vázquez, recupera parte da correspondencia do escritor con Valentín Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro. Non é a primeira vez que o autor de Esperando o leiteiro fai pública o seu epistolario con Paz Andrade, Celso Emilio Ferreiro e outros persoeiros e amigos (Cartas de vellos amigos, Galaxia, 2010), mais a novidade desta nova edición é que non soamente inclúe esas cartas remitidas polos dous amigos, senón tamén as misivas que Neira Vilas lles enviou, co que se completa para o lector interesado o diálogo en ambas direccións. Neira Vilas, confésao el mesmo exercía o oficio ou o lecer de escribir cartas moito máis do que os seus correspondentes lle escribían a el. E xustifica esta publicación porque unha carta é literatura, é historia, abarca moitas cousas. Nefeuto, na súa correspondencia con Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro fanse referencias a acontecementos da política, da historia e da literatura galega na segunda metade do pasado século, ademais de permitir que nos acheguemos ás vivencias e afectos das tres persoas, amigos entre si, malia térense visto en moi poucas ocasións.
Publicación, xa que logo oportuna, non pola súa carga de vivencias e afectos, nin tampouco pola actualidade mediática no ano 2012 de Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro, senón porque esta correspondencia é narrativa referencial ou autorreferencial, que traduce vivencias, testemuños de amizade, pero tamén novas, proxectos, ideas, inquedanzas que son historia, no dicir de Neira Vilas. Un corpus epistolar, pois, que supera o anecdótico e que permitirá enriquecer, non só as biografías dos tres persoeiros, senón sobre todo esa futura historia social da literatura galega, se algún día chega a escribirse.