A música das esferas”, un ensaio xenuino

 

A música das esferas

Xenealoxía da orde do mundo

Carlos Lema

Euseino? Editores, Vigo, 2013, 276 páxinas.

 

   Nas miñas mans, un libro de ensaio, unha publicación xenuína do xénero ensaístico do que tan deficitaria é a cultura galega. Segue a ser verdade o que Ramiro Fonte escribía en xaneiro do ano 1994: “No contexto da literatura galega…os momentos de maior esplendor literario acostuman coincidir con aqueles nos que os escritores souberon desdobrarse en pensadores.” E de pensadores é do que é deficitaria a ensaística galega. Una salientable excepción é este libro de Carlos Lema: un libro de investigación, froito do afervoamento indagador do escritor e editor, pero que non se contenta con iso, con rebaixar, estruturar ou clarificar o que outros dixeron, senón que se arrisca con verdadeira esencia do ensaio: pensar, propoñer enunciados singulares e clarificadores, alicerzados na ilustración crítica. Por iso mesmo, esta monografía non é, abofé, ningunha lambetada. Ten máis de croio duro, como nestas datas lembraba Armando Requeixo, en cita oportuna de Xosé María Díaz Castro, que de peperetada ensaística.

   Carlos Lema, que nos últimos tempos esta a ser un dos poucos ensaístas galegos que se arrisca de veras coa tarefa de pensar, deita arestora o seu pulo investigador verbo dun tema que desde sempre preocupou ao “homo sapiens sapiens”: a xenealoxía da orde no mundo, subtítulo de A música das esferas, rótulo que fai indubidable referencia á teoría pitagórica da harmonía das esferas, baseada na crenza pitagórica de que o universo está gobernado segundo proporcións numéricas harmoniosas, e que o movemento dos corpos celestes rexese  por proporcións musicais. E digo crenza porque a astronomía pitagórica era moito máis especulativa que esteada en razón científicas.

   Son asemade de tipo especulativo as primeiras ideas, constructos ou conxecturas dos primixenios  modelos cosmogónicos, xurdidos nas primeiras civilizacións logo dun proceso de adaptación ao réxime sedentario (India, Mesopotamia, Exipto, Pobos nórdicos…), mais como acertadamente escribe Carlos Lema antes de Homero “poida que soamente se compuxesen  teogonías”. Foi en Tracia onde, a partir da idea de xenealoxía aplicada ao mito, se establece no mundo unha primeira idea de orde.

   Expresar por medio da  xenealoxía dese Todo ordenado, desde a antigüidade grega ata a modernidade, é o propósito desde libro. Xa que logo, unha mirada atrás que se detén en primeiro lugar no pensamento grego que engade algo novo á concepción da orde no mundo: é unha orde que non depende do azar, nin dos astros, nin da vontade dos deuses, senón que dimana do cumprimento dun λόγος, unha razón ou lei natural cuxo orixe é froito dunha νοϋς. En dentro do pensamento grego, en primeiro lugar, no pitagorismo, en Platón (un mundo concibido como cosmos cun τέλος), na redefinición neoplatónica asimilada polo cristianismo, da man sobre todo de Agostiño de Hipona, que cristianiza o platonismo pondo o inteligible do lado de Deus e deixando “o inconsistente sensible e mundano afastado desa consistencia” (páxina 138).Así pois, a orde do mundo é unha perfección froito da subordinación do creado ao Creador.

  Sen se  deter en Tomás de Aquino para quen a orde do mundo é unha “via” para a demostracións da existencia de Deus, o ensaio achéganos ao pensamento cartesiano e

Carlos Lema

á Filosofía da Idade Moderna, cunha clara secularización da orde (“o demiurgo acaba por ser o propio home, ou mellor, o ego da reflexión”, páxina 177). Unha inversión de crenzas na que o alén transcendente será substituído por un aquén inmanente, continuará na Revolución Francesa e a orde do mundo prosegue a ser establecida mediante leis universais e determinísticas.

   Un estimulante e profundo percorrido, exposto mediante una análise rigorosa, sobre un tema, a orde aplicada ao mundo, que  a racionalidade científica moderna traduce en leis. Con todo, e o que segue podería ser entendido como unha incitación para o ensaísta, cómpre non esquecer as reformulacións do pensamento complexo que postula, fronte ao paradigma da simplificación da ciencia clásica, o paradigma da complexidade, un de cuxos principios é o do papel imprescindible da desorganización. Como escribiu no seu día Heinz von Foerster, parodiando a coñecida frase de Schrödinger, o mundo, e sobre todo os sistemas autoorganizados non soamente se nutren de orde. No seu menú tamén se atopa o ruído  (“order from noise”). Se a “order from order” equivale á mecanicidade, “order from noise” é  a gran novidade da capacidade creativa, a auto-organización. Hoxe sabemos, fronte ao determinismo co que  a ciencia clásica definiu o mundo  que o “alea” está presente tanto a nivel macrofísico como microfísico.

   Este superficial apuntamento / insinuación non empece a investigación impecable de Carlos Lema que engade esta monografía ás poucas achegas serias e penetrantes que no sistema literario galego profundan na verdade novidosa do pensar.

 


  

“Indeterminacións”: ensaios xenuínos

Indeterminacións

Carlos Lema

Axóuxere Editora, Rianxo, 2012, 111 páxinas

 

 

 

En “Polimnia”, unha colección de Axóuxere Editora que nace coa intención de producir discursos abertos ao tempo actual, publica  o editor, poeta e ensaísta Carlos Lema catro breves ensaios que non se sitúan nas beiras da creación literaria senón na súa cerna. Os ensaios de C. Lema son, na miña estima, verdadeiros textos de ensaio xenuíno que non se limita a xeneralizar  o pensamento, baixar os saberes ou recompilar erudición, senón que “crean”, son pequenas plataformas, nas que o autor se arrisca co pensamento, achega aos lectores a novidade, a verdade singularísima de pensar e, por veces, revoltas lóxicas como dixera Rimbaud.

E faino no presente caso C. Lema cunha crítica do determinado (na novela, no libro, na música, na vida), cunha reflexión sobre a lectura como canle que debería permitirnos ollar os libros ou as pezas musicais sen apelativos. “Contra a novela”, o primeiro ensaio, é un rexeitamento da novela na súa pretensión de someter o tempo á dominación da linguaxe. En “O libro perfecto”, nunha análise que se abeira a “semiótica do libro”, conclúe o escritor que o libro electrónico é perfecto porque se apropia de todos os textos. Outros dous ensaios, un sobre a omniprenza  da música e o seu progreso e outro sobre tempo, traballo e suxeito nas ruínas do capitalismo, pechan estes textos-hipóteses que o autor presenta como refutables e por iso son pensamento.

 

(Texto publicado o día 15 de novembro no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)

Lendo a René Char: espazos de confluencia entre poesía e pensamento

 

Poesía, linguaxe e acción

Carlos Lema

Amastra-N-Gallar, Santiago de Compostela, 2011, 23 páxinas.

 

Un dos trazos más salientables nas relacións entre filosofía e literatura é o constante balanceo entre a amalgama e a discordia. Xa na antigüidade,  Dióxenes Laercio, atribuíulle  a magos, ximnosofistas e druídas a invención da filosofía. O seu testemuño, negado decontado polo mesmo escritor, non semella, porén, desdeñable, polo feito de que sitúa o nacemento da filosofía nun intre anterior aos gregos e, sobre todo, porque a atopa nun berce que é tamén o da literatura. Con todo, os espazos entre ambos saberes ou artes semellan nidios e ben distribuídos. Mais as figuras de pensadores como Heidegger e a irrupción no panorama intelectual do século XX de obras como as de M. Foucault, H-Gadamer, J. Derrida e Alain Badiou significaron unha certa convulsión e alteración verbo das funcións e fronteiras que separaban a filosofía da literatura. Lembro a vella teima de Badiou da “Idade dos poetas”: un momento na historia da filosofía na que o pensar está sometido a unha das súas condicións arrastradas do século XIX, na que o poema asume nefeuto operacións abandonadas pola filosofía debido ao seu flirteo coa ciencia ou coa política. Nese período no que, segundo Badiou a filosofía desertou do seu papel, certos poetas (Mallarmé, Rimbaud, Pessoa, Mandelstan, Trakl, Celan) converteron os seus poemas non só en pensamento, senón en “pensamento do pensamento”.

Outro fito básico das relacións filosofía-literatura é Heidegger. Nun ambiente filosófico dominado polo idealismo, o positivismo e as teorías sobre a ciencia, a obra de Heidegger supuxo unha nova maneira de escribir. E Carnap tomou boa nota de todo isto. A introdución de neoloxismos e de termos claramente metafóricos (“casa”, “pastor”, “refuxio”, “luz” a “ponte”…) fai que moitos autores (poetas e filósofos) inquiran verbo do papel que xogan a poesía e a arte dentro da filosofía de Heidegger e tamén  como  e ata que punto a poesía resulta transformada polo discurso do propio Heidegger que na conferencia “A esencia da fala” subliña a veciñanza entre poesía e pensamento.

No inverno do ano 2004 o etnólogo, tradutor, editor de textos non venais, poeta, poetólogo e creador de espazos mediáticos singulares, Emilio Araúxo, publicou un número da revista Amastra-N-Gallar dedicado a René Char. As liñas coas que Emilio Araúxo acompañou o envío dese número, fixéronme temer que aquela publicación non só sería a última senón tamén a derradeira. Pero este caderno con que me agasalla Carlos Lema, acredita que Emilio Araúxo segue activo como escritor e como editor.

O libriño do que se responsabilizou Carlos Lema, configúrase en efecto como un espazo mediático singular. Carlos Lema traduce un texto de René Char do ano 1966: “Respostas interrogativas a unha pregunta de Martin Heidegger”. Na nota preliminar o poeta, ensaísta e tamén editor contextualiza acertadamente as circunstancias que viron nacer o texto de R. Char. A amizade e o diálogo que xorde entre o pensador e o poeta ten a súa orixe nunha frase que Heidegger lle escoitou dicir ao poeta: “o poema non ten memoria. O que me pide e ir cara adiante”. Nun encontro entre ambos no ano 1966 ten lugar un diálogo entre os dous a propósito dunha cita de Rimbaud: “A poesía xa non vai seguir o ritmo da acción. Adiantase a ela” Heidegger interroga a Char sobre esta frase e o escrito publicado arestora en galego e a resposta do poeta.

Carlos Lema

René Char considera que a poesía é a “única linguaxe activa”, de “claridade enigmática”. As “Respostas interrogativas a unha pregunta de Martin Heidegger” concretan e confirman esa confianza que manifesta Char verbo do papel da poesía como linguaxe da acción. Conclúe Carlos Lema que a singular amizade entre Char e Heidegger “non constitúe una reciprocidade que, taxativa a afirmativa, faga xurdir unha identificación entre o poeta e o filósofo”, pero pode ser interpretada como “un pensar que sitúa a linguaxe a abalar na abertura existente entre a arte poética como mester e a filosofía como ciencia” ( páxinas 10-11).

Pécha este caderno un breve ensaio “Linguaxe e acción”, da autoría así mesmo de C. Lema, onde o pensador e poeta tenta “albiscar o recanto descoñecido  onde poesía e pensamento actúan e onde se desvela aquilo que a linguaxe non pode representar”.

Xa que logo, tres breves textos, tres ensaios que, malia a súa complexidade conceptual, recibimos como un agasallo que nos obriga a pensar nas condicións de existencia e singularidade do dicir poético e do pensamento filosófico e nas súas relacións; que estouran ou guindan os dados como dixo Mallarmé e nos sitúan no ronsel das “revoltas lóxicas” das que fala Badiou, un pensador para o que a poesía é sempre un lugar de pensamento, un procedemento de verdade.

Marcel Proust: a amizade cos libros

Sobre a lectura

Marcel Proust

Tradución e introdución de Carlos Lema

Editorial Trifolium, Iñás – Oleiros 2011, 177 páxinas.

 

 

“Dan fe da autenticidade  da obra as vocacións que ten suscitado. Ao liberar imaxes e impresións que, sen el, terían ficado moito tempo nos abismos do subconsciente, Proust subministrou as claves da memoria a numerosos discípulos que, a súa vez, creron ser capaces de descender ao interior de si mesmos”. Son palabras de Ghislain de Diesbach, autor dunha biografía de Proust, que superou á xa mítica de Painter. Esa autenticidade agroma non só nos volumes da Recherche, senón tamén en pequenas pezas, como estes dous textos que oportunamente verte ao galego Carlos Lema en edición de Trifolium. E digo oportunamente porque Marcel Proust é un clásico da literatura universal e os clásicos, aínda que sexan pouco lidos, son os esteos e os alicerces dunha lingua, os mananciais de reserva, o substrato cultural dun sistema literario coma o noso.

O pequeno volume de Editorial Trifolium bríndanos  a oportunidade de achegarnos a un ensaio breve e a un artigo de Marcel Proust: “Sobre a lectura” e “Días de lectura”. O primeiro foi escrito como prefacio da tradución que el mesmo fixo da obra de John Ruskin, Sesame and lilies, no ano 1905. Proust descubriu o esteta inglés no ano 1897 e viu no mesmo o grande intermediario revelador da Beleza  das grandes obras de arte europeas. E nada mellor para calar no pensamento dun escritor que traducilo. E así o fixo Proust, nunha elección pouco afortunada, con A biblia de Amiens, identificándose enteiramente coa concepción da arte que tiña Ruskin. Anos máis tarde (1905), regresa a Ruskin e traduce Sésamo e os lirios, versión ateigada de notas á marxe e con este prólogo, “Sobre a lectura”, que amosan o moito que nestes poucos anos ten madurado o seu pensamento con relacións ás ideas de Ruskin, que xa non é o idolatrado mestre de outrora. En concreto, no limiar ao libro do inglés, cuestiona os seus conceptos sobre a virtude e a utilidade da lectura. Os libros ocupan un lugar irremprazable, aínda que limitado na vida e na actividade creadora. A través da lectura entramos en comunicacións cos libros que nos influirán na aprehensión  da verdade que cada persoa escolle para acadar o coñecemento de si mesmo.

Un preludio, xa que logo, dos sete tomos de À la recherche du temps perdu. Proust ofrécenos a  súa experiencia cos libros cando era cativo na casa dos avós. Un neno que lía tanto, que tiña tal amizade cos libros, que chegaron a prohibirlle abrir o libro que estaba a ler, ata que non remataran as horas do xogo. Unha gorentosa experiencia, pois, unha disciplina para acadar a verdade e a beleza, mais para Proust a lectura non é a verdade nin a beleza en si mesmas, como afirmaba Ruskin.

Proust xoga, na descrición do proceso de lectura, cos mesmos procedementos e artificios que na súa obra novelística: o xogo co tempo,  a relación coa memoria, os saltos temporais, a minuciosidade descritiva, o clima finisecular.

Retrato de Proust por Jacques Émile

O volume da Editorial Trifolium  inclúe así mesmo un artigo publicado no xornal Le Figaro no ano 1907, como recensión dun libro, xunto cos pasaxes eliminados pola redacción do xornal. E vai precedido dun impagable ensaio introdutorio da autoría de Carlos Lema, versión revisada e ampliada dunha conferencia pronunciada en Neda, no ano 2007, dentro das V Xornadas Literarias do Libro, dedicadas precisamente a Proust. Nesta introdución, merecedora por si mesma dunha reseña independente, o poeta e editor agasállanos cunha ampla análise non só da concepción da lectura, senón tamén da literatura que tiña Proust, concluíndo, no ronsel interpretativo de Roland Barthes, que a obra de Proust é unha lectura da súa propia vida, de tal xeito que os volumes de Na procura do tempo perdido son “a narración dunha aprendizaxe: a aprendizaxe da lectura, e da súa consecuencia, a escritura” (páxina 44).