Calpurnia Tate e “A orixe das especies”

 

A evolución de Calpurnia Tate

Jacqueline Kelly

Tradución de Carlos Acevedo

Faktoría K de libros (Editorial Kalandraka), Pontevedra, 2013, 300 páxinas.

 

   The Evolution of Calpurnia Tate foi a primeira novela de Jacqueline Kelly (Nova Celanda,1964). Doutora e avogada, profesións que exerceu antes de dedicarse á literatura, logo de se trasladar a vivir a Texas. A novela acadou de seguida o aplauso do público e da crítica e foi traducida a diversos idiomas. Arestora, en tradución de Carlos Acevedo, podémola gorentar na lingua de noso, grazas a Faktoría K de libros.

   Jacqueline Kelly achéganos unha fermosa historia ganduxada coas fías do frescor e un ficticio e premeditado candor. Unha historia que avanza pola canle de continuas descubertas. Descubrimentos e aventuras non só dunha familia ou mesmo dunha aldea, senón de todo aquilo que cada día emerxe do cotián ata converterse para Calpurnia, a nena de case doce anos, nun territorio máxico: a chegada do teléfono á vila, os amores dos seus irmáns, o saibo da coca-cola, o achado de novas especies… mergullada na paisaxe, no clima, na flora e na fauna de Texas. E dun xeito especial, lendo os libros da biblioteca e realizando sinxelos experimentos nun laboratorio, labores ambas as dúas que lle permiten achegarse á figura e á obra de Charles Darwin, achegamento que a autora reflicte con oportuna habelencia nas citas tiradas de A orixe das especies, que rotulan cada capítulo.

   A historia transcorre pola altura de 1899 data na que “xa sabiamos dominar a escuridade pero non a calor de Texas”. Calpurnia Virginia Tate ou Callie Vee como  a chamaban familiarmente, cóntanos as súas historias, as súas andanzas, rodeada de seis irmáns, como  a única representante feminina do clan dos Tate, facéndolle fronte aos tópicos e rutinas educativas que a  súa nai pretende ensinarlle como propias dunha moza do seu tempo: coser, cociñar e tocar o piano.

   Con aparente ou real inxenuidade, a cativa pon en dúbida a orde establecida: Calpurnia pretende ser unha científica nun momento no que ás mulleres lles estaba socialmente prohibido estas aspiracións. Mais coa axuda do seu avó, Callie Vee irá desvendando os secretos do mundo natural, tanto no eido da fauna como no da flora, baixo o pulo da obra de Darwin.

   A novela quere ser non só un relato da evolución da protagonista, senón tamén, e sobre todo, da evolución dos tempos nas portas dun novo século, evolución na que a protagonista pon todas as súas esperanzas. O punto forte da novela é, sen dúbida, a figura da protagonista. A

Jacqueline Kelly

súa intelixencia, perspicacia, o seu inconformismo, o seu afán observador o seu devezo por coñecer… Cando todo isto forma parte da personalidade dunha adolescente de finais do século XIX, converten a protagonista narradora nun dos máis firmes porlóns no que gravita toda a novela. Asemade a introdución de Darwin como personaxe presente en cada un dos capítulos é outro indiscutible acerto da narradora.

   Sen ser seguramente unha obra mestra da literatura universal, A evolución de Calpunia Tate, escrita con estilo sinxelo e claro e cun fondo  crítico e divertido, é unha peza literaria, unha novela xuvenil  que ben pode ser considerada unha fictional-crossover, unha peza literaria do interese dos lectores adultos que gorentarán, sen dúbida, do verdadeiro sámago desta peza literaria. Imposible resistir a feiticeira amavía dunha cativa de once anos que devece por ler A orixe das especies.

 


O testamento antirrelixioso de Mark Twain

Cartas desde a Terra

Mark Twain

Tradución de Carlos Acevedo

Faktoria K (Kalandraka Editora), 2011, 77 páxinas.

 

 

Sammuel Langhorne Clemens (1835-1910), máis coñecido polo heterónimo Mark Twain, foi un escritor de xinea progresista. Escritor  popular, orador e humorista que acadou grande éxito. Autor de obras tan coñecidas como As aventuras de Tom Sawyer e sobre todo As aventuras de Huckleberry Finn, considerada como a “gran novela norteamericana”. As súas ideas de corte progresista fixéronse máis radicais co paso dos anos e aparecen reflectidas en Cartas desde a Terra, cuxa primeira edición non foi autorizada ata 1962, cincuenta anos despois do seu pasamento, debido á oposición da súa filla Clara Clemens que as consideraba demasiado críticas coas crenzas cristiás.

Mark Twain considérase a si mesmo un escritor modesto, sen pretensións de alta cultura. Porén, co paso dos anos, resultou ser un dos grandes clásicos da literatura norteamericana.

Cartas desde a Terra é unha mestura de ensaio, ficción e anotacións. Un dos máximos expoñentes da literatura satírica. Ateigada de humor negro, corrosivo, trátase dun libro sobre Deus, a Biblia, a natureza humana e os paradoxos e contradicións das crenzas relixiosas  dos seres humanos. Consideracións sobre a evolución da terra e da humanidade, transmitidas ao lector por medio dun personaxe moi especial, o Arcanxo Satán, alter ego de Mark Twain.

Mark Twain

O enxeño de Mark Twain reproduce unha situación tráxico-cómica que ten lugar nas xeografías celestes: o arcanxo Satán comenta con moita retranca e sarcasmo algúns dos traballos do creador. Os destinatarios das súas confidencias son os arcanxos Miguel e Gabriel. Mais outros anxos inferiores  tamén escoitan as conversas e das mesmas deron parte ao creador. A condena foi inmediata: un día celestial de desterro no espazo. Busca a Terra e olla como se desenvolve o experimento da raza humana. E aos se decatar do que aquí acontece, decontado empeza a escribirlles cartas a  Gabriel e Miguel, os seus amigos, nas que lles comenta as desfeitas e as incongruencias da creación

Xorde nomeadamente o problema que máis tarde atordaría a varios escritores existencialistas: o problema do mal. Nun ton irónico presenta a cuestión central: cómo é posible crer nun Deus infinitamente bondadoso, en cuxa imaxe fomos troquelados, mentres que na Terra  a obra más nobre de Deus, mata os seus semellantes e xamais aprende dos seus erros? Mark Twain non nega directamente  a existencia de Deus , pero atribúelle trazos tan diferentes dos que predican as relixións, que resulta case que imposible chegar a pensalo ou imaxinalo.

O estilo de Mark Twain, ameno, directo e irónico e a súa estrutura epistolar converte a lectura deste libro-opúsculo nun  feito gorentoso a asemade iluminador verbo das contradicións das crenzas relixiosas, de todas as crenzas relixiosas, non só das do cristianismo.

Todo de madeira, con formón e garlopa

 

Noah Barleywater escapa da casa

John Boyne

Tradución de Carlos Acevedo

Faktoria K de Libros (Kalandraka Editora), Pontevedra, 2011, 222 páxinas.

 

John Boyne (Dublín, 1971), autor dalgúns dos éxitos editoriais dos últimos anos, como O neno do pixama  a raias e Motin na Bounty, agasállanos arestora, grazas á tradución ao galego de Faktoria K de Libros, con outro, Noah Barleywater escapa  da casa, que semella así mesmo que chegará a ser un libro multitudinario, tanto entre o público xuvenil como entre os adultos. A excelente e gorentosa  tradución a nosa lingua de Carlos Acevedo, que sabe a galego xenuíno (cómo prestan eses abondosos infinitivos conxugados!), é un plus engadido para encetar e ler dunha sentada os vinte e seis capítulos deste conto, que aínda que semella de fadas, cómpre dicir que é sobre todo unha lección de vida.

Noah Barleywater ten oito anos e marcha de casa ben cedo pola mañá, antes de o sol saír, antes de os cans acordaren. Vaise da casa porque xa ten oito anos e, ata o momento, coida que non fixera nada na vida. Os seus logros redúcense á lectura de catorce libros, ganar unha medalla de bronce nunha carreira, saber  que Lisboa é a capital de Portugal, ser o sétimo máis listo da clase e un fenómeno en ortografía. Nada comparable coa fazaña de Charlie Charlton, ao que escolleran para lle entregar un ramo de flores á raíña. Mais el está convencido de que con oito anos está preparado para vivir unha aventura inesquecible e pensa que escapar resulta moito máis sinxelo que vivir.

Ao saír da súa vila, de repente o mundo convértese en algo moi singular: todo cobra vida e non é o que parece. Árbores que semellan moverse, mazás que tremen de medo nas gallas, cortizas que falan, cans salchicha parlantes, burros esfameados que devecen polos doces. Ata que entra nunha tenda de xoguetes, distinta de todas as que leva coñecido na vida: non hai nada de plástico, todos o xoguetes son de madeira e hai moitos monicreques. O dono da tenda é un estraño vello e con el intercambia longos parrafeos e experiencias vitais. Na relación de Noah con este vello entrañable, que reborda de saberes do mundo, reside a esencia e o eixo da historia. Dez anos despois, Noah que aceptara os consellos do vello de volver xunto a súa nai, recibe como herdanza do mesmo  a tenda de xoguetes, coa condición de reabrila e continuar a vender só xoguetes e monicreques feitos de madeira. Todo de madeira, feito con formón  e garlopa. Será neste desenlace onde coñeceremos  as verdadeiras razóns que empurraron a Noah a irse da casa e o lector poderá descubrir algunha outra sorpresa.

John Boyne

Un libro no que convive intensidade, axilidade e lixeireza. Ancorado entre a dozura e a tristeza da historia de Noah e o mundo máxico das fadas, ensínanos a desbotar o medo de certas palabras, que hai unha manchea de cousas que nos poden semellar non interesantes, mais soamente porque non as miramos e percibimos como se deberían ollar. E que, cando entramos na vida de alguén, debemos facelo coa máxima atención e responsabilidade. Tamén nos fala este libro, a cativos e a  adultos, da morte, do loito, da enfermidade e de como enfrontar a perda dos seres queridos. Da señerdade e da coraxe de vivir, da inutilidade da fuxida das responsabilidades da vida, porque, se é dura e difícil, é mellor pasala cabo das persoas que amamos. Mensaxes que abrollan das experiencias vitais de Noah, o rapaz que será feliz pasando o resto da súa vida traballando a madeira con formón e garlopa.