Saiban cantos estas cartas viren…

Cadernos Ramón Piñeiro (XXIII): Saiban cantos estas cartas viren Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal (1955-1961)

Edita: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela, 1012, 195 páxinas.

 

Acaba de ver luz este novo volume dos Cadernos Ramón Piñeiro, o terceiro deste ano que fai o número XXIII desde que no ano 2003 o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades sacaba á rúa  esta nova colección destinada a recoller certas partes descoñecidas do noso patrimonio cultural: bibliografías, homografías e epistolarios sobre todo.  Tal acontece coa correspondencia que intercambiaron Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal. O volume, que abre as súas páxinas cunha carta con glosa e escollo de Blanco Amor a Álvaro Cunqueiro datada no ano 1949, está contextualizado por unha Introdución de Luís Cochón e un prólogo de César Cunqueiro González Seco. O seu corpo central reproduce unha parte moi significativa da correspondencia nun período temporal de sete anos ( 1955-1961 entre  o escritor mindoniense e o notario vigués.

Segundo testemuña César Cunqueiro,  a relación de amizade entre Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal naceu nos primeiros anos da década dos cincuenta. Co paso do tempo xurdiría entre eles unha intimidade fraternal, xustamente reflectida neste epistolario. O notario e xurista vigués Alberto Casal e Álvaro Cunqueiro mantiveron en efecto unha longa relación de amizade. Foron dous amigos que formaron parte do que Méndez Ferrín chamou “o cenáculo vigués”. Estas cartas, como digo dan testemuño desa fonda relación entre ambos. Alberto Casal, “protector das artes e das letras”, coa súa xenerosidade e intelixencia foi para Cunqueiro, para a “soidade cunqueiriana”, un báculo providencial inestimable . Asemade, a presenza  de Cunqueiro na vida persoal e familiar do notario e o feito de ser este testemuña activa do nacemento e desenvolvemento da obra literaria cunqueiriana foi o pagamento co que Cunqueiro correspondeu ao xeneroso apoio durante trinta anos.

Como afirma Luís Cochón, nas cartas cruzadas entre os dous amigos está presente case que toda  a obra de Cunqueiro, “o pasado, o presente e ata o futuro das obras non nacidas”. O volume recolle esta correspondencia, aínda que cun certo desequilibrio: corenta e dúas cartas de Cunqueiro fronte a soamente dezaseis de Alberto Casal, descompensación explicable pola dilixente custodia das primeiras por parte de A. Casal, mentres que a correspondencia recibida por Cunqueiro debe a súa supervivencia non a dilixente conservación por parte do escritor senón aos vaivéns do azar.

Alberto Casal na casa dos Anxos. Foto de Noelia Souto

Poñen cabo ao caderno tres contos da autoría de Álvaro Cunqueiro, recollidos do libro Jordán escondido y otros cuentos (Madrid, 2007) que contén seis contos escritos polos dous amigos co gallo do nacemento dos seus fillos a partir de 1966.

Oportuna pois a publicación deste volume que deita luz sobre unha fonda relación de amizade, do vivir diario coas súas angueiras, alegrías e preocupacións de dous amigos durante uns anos que fuxiron como “un vuelo de pájaros en un cómaro” (páxina 81). E dá noticia sobre todo do proceso de creación dunha das máis importantes obras da nosa literatura, composta por un escritor de “bolsa pobre”, mais de abondosa e ricaz imaxinación.

Máis literatura do eu de Neira Vilas

Cadernos Ramón  Piñeiro (XXII): Correspondencia de Xosé Neira Vilas con Valentín Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro.

Edita: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela 2012, 169 páxinas.

 

 

Hai agora por volta dun ano que Xosé Neira Vilas publicaba o seu segundo libro de memorias (Penúltimo dietario, Xerais, 2011), no que daba conta das actividades e encontros que el e a súa parella Anisia Miranda tiveron desde xaneiro de 1993 ata outubro de 2009. Libro memorialístico  que o autor xustificaba como una forma de amor a súa terra. Non toda a crítica acolleu aquelas memorias de forma positiva. Páxinas que non teñen ningún interese para o lector, que se escriben cando non se ten nada que dicir, chegou a escribirse. Desde esta mesma bitácora opinei que  a meirande parte das anotación do dietario de Neira Vilas eran prescindibles, porque nada lle engadían a historia social da nosa literatura.

Xosé Neira Vilas

Chégame arestora a última entrega de Neira Vilas -cómpre non esquecer que é un clásico da literatura galega contemporánea- á chamada “literatura do eu”, a través das páxinas dun novo volume dos Cadernos Ramón Piñeiro. A publicación que dirixen Luís alonso Girgado e Ramón López Vázquez, recupera parte da correspondencia do escritor con Valentín Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro. Non é a primeira vez que o autor de Esperando o leiteiro fai pública o seu epistolario con Paz Andrade, Celso Emilio Ferreiro e outros persoeiros e amigos (Cartas de vellos amigos, Galaxia, 2010), mais a novidade desta nova edición é que non soamente inclúe esas cartas remitidas polos dous amigos, senón tamén as misivas que Neira Vilas lles enviou, co que se completa para o lector interesado o diálogo en ambas direccións. Neira Vilas, confésao el mesmo exercía o oficio ou o lecer de escribir cartas moito máis do que os seus correspondentes lle escribían a el. E xustifica esta publicación porque unha carta é literatura, é historia, abarca moitas cousas. Nefeuto, na súa correspondencia con Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro fanse referencias a acontecementos da política, da historia e da literatura galega na segunda metade do pasado século, ademais de permitir que nos acheguemos ás vivencias e afectos das tres persoas, amigos entre si, malia térense visto en moi poucas ocasións.

Publicación, xa que logo oportuna, non pola súa carga de vivencias e afectos, nin tampouco pola actualidade mediática no ano 2012 de Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro, senón porque esta correspondencia é narrativa referencial ou autorreferencial, que traduce vivencias, testemuños de amizade, pero tamén novas, proxectos, ideas, inquedanzas que son historia, no dicir de Neira Vilas. Un corpus epistolar, pois,  que supera o anecdótico e que permitirá enriquecer, non só as biografías dos tres persoeiros, senón sobre todo esa futura historia social da literatura galega, se algún día chega a escribirse.

Álvaro Cunqueiro, Remuíño de prosas

Cadernos Ramón Piñeiro (XX): Remuíño de prosas de Álvaro Cunqueiro

Edita: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela, 2011, 115 páxinas.

 

Hai apenas dez días que en Compostela, nos prelos nos que se veñen editando os Cadernos Ramón Piñeiro, vía luz este novo volume, que fai o número XX, o cuarto publicado no ano 2011. Máis unha vez, baixo a dirección dos profesores Luís Alonso Girgado e Ramón López Vázquez. O propósito e obxectivo que move os editores (o propio Alonso Girgado, Luís Cochón  e Lorena Domínguez Mallo) son os mesmos de sempre: recoller certas achegas practicamente descoñecidas do noso patrimonio cultural, espalladas en revistas, xornais ou publicacións periódicas xa fenecidas.

Esta intención e vontade toma corpo neste número XX dos Cadernos Ramón Piñeiro nun remuíño de prosas, como reza o título, prosas seguramente menores que Álvaro Cunqueiro foi arrequecendo entre as súas grandes pezas escritas en todos os xéneros.

Compílanse pois neste Caderno número XX un amplo feixe de textos de dispar cronoloxía de Álvaro Cunqueiro que serven de prólogos, epílogos a obras de escritores amigos  como Díaz Jácome, Eduardo Moreiras, Joaquín Merino, García Bodaño, Manuel María, Juan José Moralejo.

Outros textos comentan ou presentan exposicións de pintores amigos: Carlos Maside, Prieto Nespereira, Prego de Oliver e Antón Patiño. Completa o volume unha achega de materiais escritos para seren lidos en ocasións moi especiais: notas para conferencias, discursos, pregóns, alocucións laude…

Pola miña parte saliento entre este remuíño de prosas a “Oración -inédita en parte- para ser lida na inhumación do poeta Ramón Cabanillas en Fefiñáns (Cambados). “Todo o que foi de nós, todo o que é de nós, todo o que será de nós, fíxose home na pequena, homildosa terra que foi dada ós galegos. Encheuse iste home, iste Ramón Cabanillas de Cambados, de luz e cantou”. E asemade, o discurso de investidura como doutor honoris causa pola Universidade de Santiago (29 de xaneiro de 1980). O discurso “Eu daría a vida para que a nosa lingua continúe”, pronunciado ao recibir e Pedrón de Ouro 1980, tan oportuno nas actuais circunstancias.

Caderno misceláneo, pois, homenaxe do Centro Ramón Piñeiro a Cunqueiro neste primeiro centenario do seu nacemento e instrumento necesario para un cabal coñecemento dos escritos e da bibliografía toda deste ilustre fillo de Mondoñedo e de Galicia, Álvaro Patricio Cunqueiro Mora.

Os Cadernos Ramón Piñeiro

Cadernos Ramón Piñeiro (XVII): Bibliografía e hemerografía de Ramón Piñeiro.

Cadernos Ramón Piñeiro (XVIII): Cartas de Ramón Cabanillas a Isidoro Millán en modo de antífona.

Cadernos Ramón Piñeiro (XIX): Homenaxe a Fernando Pérez-Barreiro Nolla

Edita: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Santiago de Compostela, 2011.

 

Foi no ano 2003 cando o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades sacaba á rúa o primeiro volume dunha nova colección: os Cadernos Ramón Piñeiro. Recollía aquel primeiro número da nova colección dous breves ensaios sobre a obra de Ramón Piñeiro. Desde entonces, con perseveranza e unha certa irregularidade temporal, dezanove volumes, tres deles neste ano 2011, levan recollidas certas partes descoñecidas do noso patrimonio cultural, sobre todo o legado epistolar entre figuras sobranceiras das nosas letras no pasado século. Dirixen con acerto a colección os profesores Luís Alonso Girgado e Ramón López Vázquez.

O primeiro dos números monográficos publicado neste ano, o XVII, recolle a bibliografía e a hemerografía actualizadas de Ramón Piñeiro. Complétase así o traballo compilado no terceiro volume destes cadernos, publicado no ano 2003. Aquela “contribución” á produción escrita de Ramón Piñeiro era necesario poñela ao día polo feito da designación do pensador de Láncara para o Día  das Letras Galegas do ano 2009. En efecto, unha manchea de textos e reedicións das obras de Piñeiro foron publicados ao longo dese ano. Analizaban a súa figura e a súa obra nas súas distintas dimensións. Esta nova edición, corrixida e aumentada daquel Caderno III modifica de forma significativa a bibliografía pasiva de R. Piñeiro. Un equipo formado por Luís Alonso Girgado, Alexandra Cillero Prieto, Élida Abal Santoruum, María Cuquejo Enríquez, Teresa Monteagudo Cabaleiro e Montserrat Vázquez Riveiro responsabilizáronse desta compilación bibliográfica completa e, ao mesmo tempo, selectiva do ideólogo galego.

En edición, introdución e notas de Luís Cochón, o número XVIII dos Cadernos publica a correspondencia dirixida por Ramón Cabanillas a Isidoro Millán. Francisco Fernández Rei, coñecedor como poucos da vida e da obra do seu conterráneo Cabanillas, escribe un   necesario e preciso limiar contextualizador destas vinte e nove cartas de Cabanillas a Isidoro Millán que “a parte dunha constante manifestación de afecto  a un mozo lingüista, constitúen un excelente documento sobre a xeira final do Cabanillas novamente entregado á causa do galeguismo” (páxina 8). O volume recolle non só a correspondencia epistolar de Cabanillas ao humanista Isidoro Millán, fillo, senón tamén outras cartas a diversas persoas próximas a Cabanillas por razóns familiares ou por motivos intelectuais (Elisa González Pardo, Isidoro Millán Mariño, Francisco Fernández del Riego, Filgueira Valverde…). E así mesmo, un epílogo no que Isidoro Millán matina e pondera a posibilidade da creación dunha institución (“Seminarium Linguae Gallaecae Investigandae”), que tería como obxectivo a investigación da nosa lingua e a creación dun Gran Dicionario Galego.

A través desta correspondencia podemos percibir o proceso creativo de Ramón Cabanillas nos anos da posguerra, os proxectos que non pasaron diso e a decadencia física dunha persoa optimista e retranqueira mesmo nos seus derradeiros anos. Material imprescindible, xa que logo, para o cabal coñecemento dun home e dunha época da literatura galega ateigada de brétemas.

O avogado, escritor, xornalista e políglota Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Ferrol, 1931-Lancaster 2010) é unha figura  descoñecida case que de todo entre nós, malia o seu intenso labor cultural e os premios e distincións -o último o Premio Castelao da Xunta de Galicia no ano 2009- dos que se fixo merecedor. Velaí pois a oportunidade deste volume que recupera o seu epistolario con Ramón Piñeiro, unha pequena pero significativa parte do seu pensamento (Apartado IV. Selección de textos) e os testemuños de persoas a el moi achegadas: a súa muller Teresa Barro, os amigos X.L. Franco Grande, Eduard Punset (ambos compartiron traballo nos servizos exteriores da BBC), Camiño Noia, Francisco Fernández Naval e Xulio Ríos, entre outros.

Os editores, Luís Alonso Girgado, Nicolás Vidal e Alexandra Cilleiro Prieto agasállanos cunha crono-bio-bibliografía imprescindible para achegármonos á andaina vital e intelectual dunha figura tan afastada dos dogmas e, á vez, tan próxima ao mellor da cultura europea, como de Fernando Pérez-Barreiro Nolla afirma X.L Franco Grande.

Diría por último que todos estes volumes e outras publicacións editadas pola Xunta de Galicia  ou por organismos e institucións oficiais non deben ficar amoreados nos sotos dos edificios institucionais, senón espallados entre as bibliotecas e centros de ensino do noso país, xa que son libros que pertencen a toda a cidadanía galega.