Bucólicas
Publio Virxilio Marón
Edición e tradución de Xoán Fuentes Castro
Editorial Toxosoutos, Noia, 2010, 86 páxinas.
Hai aproximadamente quince anos que escribía, comentando a edición da tradución ao galego da obra Sobre a amizade de Cicerón: “Cómpre, ás avesas, recoñecer os poucos lectores que terán estas obras clásicas vertidas ao galego, mais sen laios e queixumes, porque pola súa propia natureza non son libros que acendan paixóns lectoras. Emporiso, son imprescindibles como esteos e alicerces dunha lingua e dunha cultura que contende por medrar e acadar un grao aceptable -aínda ben lonxe- de madurez” (Revista das letras, 29 de setembro de 1996).
Dun xuízo semellante é merecedora a recente tradución das Bucólicas de Publio Virxilio Marón, impagable traballo realizado por Xoán Fuentes Castro, que en edición bilingüe latín-galego publicou hai uns meses Toxosoutos. Tradución e edición que ven luz nun intre no que os gustos e os intereses do mundo actual camiñan por estradas moi afastadas da obra de Virxilio. “O sorprendente –escribe Xoán Fuentes no esclarecedor Limiar deste libro- é que aínda hoxe alguén pense que Virxilio existiu”. “As trompetas de certos críticos -en especial alemáns- anuncian a ‘morte’de Virxilio como figura paradigmática no panorama europeo”. Para un dos referentes da crítica, Harold Bloom, “os libros de todas as épocas” que constitúen o canon occidental, comeza coa obra de Shakespeare, aínda que na relación das obras de valor da Idade teocrática, recolle tres obras de Virxilio: Eneida, Églogas e Xeórgicas. As Bucólicas non só fican fóra dese listado, senón tamén incluídas na avaliación xenérica que fai da literatura grega e latina: obras sen valor, que non teñen interese estético en si mesmas.
A excelente e loable versión que nos ofrece Xoán Fuentes Castro deses delicados cadros da vida pastoril que lle dan forma á segunda obra, en orde cronolóxica, de Virxilio, contradí radical e enteiramente os sons das trompetas deses críticos que sitúan a Virxilio no corredor da morte e cualifican ás Bucólicas como obra sen interese estético. As dez églogas que compoñen as Bucólicas, liberadas da “mole homérica e tráxica”, significaron, no tempo da súa escritura, unha verdadeira revolución estética, tanto en temas como en motivos, aínda que están inspiradas en modelos helenísticos, nomeadamente nos idilios de Teócrito.
Para a sensibilidadeactual, eses poemas, alén de calquera arbitrariedade e convencionalismo na súa localización xeográfica, sitúannos fronte á natureza cun indubidable fondo de sinceridade.
Desde hoxe, xa que logo, as Bucólicas de Publio Virxilio Marón non só se erguen “senlleiras e dignas” na nosa lingua. Forman tamén parte dos mananciais de reserva do idioma. O substrato cultural que pouco a pouco vai medrando, grazas o labor altruísta e afouto de humanistas como Xoán Fuentes Castro.