Un cóctel explosivo*

 A viúva preñada

 

Martin Amis

Galaxia, Vigo 2011, 50o páxinas

   Como aconteceu con A casa dos encontros ( 2006 ), que inaugurou a Biblioteca Compostela, Galaxia edita en galego, ás poucas semanas da súa publicación en inglés, a última novela de Martin Amis, A viúva preñada. O autor, enfant terrible  das letras británicas, fillo doutro famoso escritor e descuberto na primeira fornada da Revista Granta, ten no seu haber algunhas das máis importantes obras de ficción contemporánea. Libros versátiles, ateigados de talento; outros, produtos híbridos entre o ensaio e o relato ficcional, mais escritos todos  nun inglés inimitable, cheo de enxeño, sutileza e un inigualable ton ácido e satírico. A viúva preñada, historia dun trauma sexual, segundo as palabras do propio Amis na Introdución, é una traxicomedia que reflicte a vida de seis mozos e mozas que gozan dunhas longas vacacións estivais durante os anos da revolución sexual, nun castelo italiano, un cliché do pracer na cultura inglesa. Aínda que para Amis a vida non é ficción, a novela ten moito de autobiográfico. O antieheroe, Keith Nearing  semella ser o propio Amis, e Violet, a irmá más nova de Keith, ficcionaliza a Sally, propia irmá do escritor e súa “triste historia”, xa que Amis considera que foi vítima  da revolución sexual dos anos 70. Como narrador, agás cando escribe sobre Stalin e o Gulag, e por certo con pouca documentación, Amis conta sempre  a mesma historia, a súa. Coincidindo coa publicación de A viúva preñada, o seu biógrafo inglés, Richard Bradford, revela que esta historia de rapaces ingleses encerrados nun castelo para unhas vacación de sexo, sol e introspección narcisista, xa a relatara o mesmo Amis nunha crónica xornalística no ano 1997 e na que el era un dos participantes. Todo isto, engadido ás críticas á revolución feminista e á permisividade sexual, converten A viúva preñada nun cóctel enormemente polémico e explosivo.

* Este texto, con pequenas modificacións, foi publicado o 17 de febreiro de 2011, no Suplemento ” Faro da Cultura” do xornal Faro de Vigo.

GALAXIA: BIBLIOTECA COMPOSTELA DE NARRATIVA EUROPEA, NOVIDADES ( II )

Foto: El Correo Gallego

A Biblioteca Compostela de Narrativa Europea é unha colección específica de Editorial Galaxia, patrocinada polo Concello de Santiago. Grazas ao convenio de colaboración, xa están na rúa vinte e catro títulos do máis selecto da narrativa europea. Autores como Andrea Camilleri, Orhan Pamuk, Zadie Smith, Anna Gavalda, Sarah Waters ou Martin Amis  prestixian a colección, con pezas de narrativa importantes traducidas ao galego, nalgúns casos, antes que a ningunha outra lingua europea. Velaquí  as novidades deste fin de ano.

*Emaús de Alessandro Baricco. A ficción de Alessandro Baricco somérxenos na historia de catro adolescentes que quedan engaiolados  pola capacidade de atracción sexual dunha moza, feito que condicionará o seu futuro. Confrontación entre a imaxinación e a realidade nese proceso ineludible  de maduración no que nos decatamos do abismo que hai entre ambas. Novela de iniciación e de volta á realidade, elegantemente narrada.

*A viúva preñada de Martin Amis. Novela polémica como acostuman ser as últimas publicacións do escritor inglés. Martin Amis non semella satisfeito coas experiencias feministas nin coa revolución sexual das últimas décadas e traduce as súas frustracións nesta novela na que unha das protagonistas representa a unha súa irmá e a súa triste historia, froito da permisividade deses anos. Logo dunha revolución o que queda non é algo que nace, senón unha viúva preñada. Entre ambas, o caos e a desolación.

*Caos calmo de Sandro Veronesi. Historia dun personaxe obsesivo, dun home do común dos nosos días, envolto en acontecementos cribles e que nada teñen de extraordinario, agás a traxedia familiar coa que dá comezo a narración e que provoca un xesto protector do protagonista cara a súa filla, no que atopará a calma dentro do caos. Novela perfectamente resolta, soberbio retrato da existencia e desa confusa liña que separa a condición do heroe da do antiheroe.