Bernardino Graña
Editorial Galaxia, Vigo, 2016, 224 páxinas
No ano 2006 publicaba Bernardino Graña a súa primeira novela destinada de forma preferente a un lectorado adulto, Protoevanxeo do neto de Herodes, na que escudriñaba ficcionalmente o nacemento e os primeiros anos da vida de Cristo. Realizaba o escritor de Cangas unha reinterpretación central da Biblia, a partir, sobre todo, dos evanxeos apócrifos. Tendo en conta este contexto, resulta plenamente lexítimo, mesmo desde a crítica histórica moderna, a interpretación que Bernardino Graña nos ofrece nas dúas novelas que ficcionalizan o nacemento e os primeiros anos da vida de Xesús. En efecto, Bernardino Graña narra o evanxeo da infancia de Xesús, realizando unha interpretación central da Biblia, a partir, sobre todo dos evanxeos apócrifos, para situar dun xeito crible, e dentro do que cabe ata normal, a figura de Cristo. A través das figuras centrais de María e Xosé, nárranse os acontecementos que van desde o nacemento de Xesús ata que se converte nun raparigo.
A fuga a Exipto, recentemente publicada por Galaxia, é a continuación da teima de Bernardino Graña de esculcar nos primeiros anos da vida de Cristo. O mesmo autor confesa ter concibido A fuga a Exipto como unha continuación da novela gañadora do Premio Eixo Atlántico, máis en concreto, do capítulo final onde xa se apuntaba que a Santa Familia foxe da furia de Herodes e da súa vontade de matar a Xesús, proclamado polos pastores como rei de Israel.
En efecto, Xosé e María vense na obriga de fuxir co neno máis alá de Gaza, axudados polos “guerrilleiros de Deus” (os celotes). Os Sumos Sacerdotes do Templo casaran en segredo á María, descendente da liñaxe de David, con Antípatro, co-rei de Israel xunto con Herodes. Por el María é desflorada, e o neno que nace é, xa que logo, fillo de Antípatro e neto de Herodes. O emperador Cesar Augusto envía a Palestina a Antípatro cargado de cadeas. Aconsellada por Zacarías, por seguridade María anula o matrimonio e casa co viúvo Xosé, que acepta pasar por un papaínas. Logo do nacemento do neno, vense na necesidade de escapar a Exipto. Será unha viaxe ateigada de perigos. Instálanse primeiro en Alexandría, e María ten un novo fillo, Xacobe, irmán, xa que logo, de Iexua (Ieho). Volverá a estar preñada e, desta vez, pare unha nena. Logo de se decataren de que en Alexandría hai moita policía, únense a unha caravana que vai cara ao sur e instálanse na localidade de Maghagha, á beira do río Nilo e situada máis cerca de Israel. Por fin morre Herodes e así remata a novela, sen o regreso da familia a Israel, despois dunha estadía en Exipto de seis anos.
Unha interpretación libre da Biblia, da Historia Sagrada, partindo dos evanxeos apócrifos. Bernardino Graña achéganos pois unha nova vision da figura de Xesús, fillo de María e Antípatro. Con todo, hoxe en día moitos teólogos e tamén o papa Benedicto XVI (Jesús de Nazaret, tomo III) coidan que a filiación divina de Xesús, segundo a fe da Igrexa, non se basea en que Xesús non tivo un pai humano. A divinizade de Xesús quedaría igualmente instalada se Xesús nacese dun matrimonio humano normal.
Amentei máis arriba a coherencia da interpretación que fai Bernardino Graña, mesmo cos postulados da crítica histórica. Volvo de novo sobre o mesmo, mais desde a perspectiva de que a novela é a obra dun creador ficcional. Un fascinador, xa que logo, que se serve de personaxes reais e acontecementos historicamente verificables. Insire pois o autor ficción na realidade, e esa é a súa obriga como novelista. Porén, a ficción, como marcador semántico, atorda todo canto toca, no senso de que o converte en ficción. Por máis que Bernardino Graña reivindique quer as súas novelas están moito máis documentadas que a de semellante temática de Saramago, e que todo o que nas mesmas se di está xustificado e baseado en textos bíblicos, o imperio da ficción é inexorable, tal como escribía Álvaro Pombo: “tan pronto como se fizcionaliza un contexto histórico determinado, todo el por enteiro fica sometido ás leis da ficción”. Así pois A fuxida a Exipto non é unha novela histórica (non existen se falamos con exactitude), senón unha atrevida ficción, na que Bernardino Graña inventa engaiolantes personaxes de ficción como Tonino. Emprega versos romances e un galego moi ricaz, sobre todo a nivel do vocabulario de noso. Un verdadeiro verxel cromáticvo-lingüístico que arroupa unha sintaxe lasa tendente ao simplismo. Unha lingua, pois, allea aos dicionarios, mais exquisita.