No burato escuro da cadea e do réxime FAES

Novas do exterior

63.000 1uilómetro de viaxe á cadea

Xosé Luís Santos Cabana

Introdución de Xabier Cordal

Epílogos de Xosé Antón Laxe Martíñán e Francisco Fernández Rei

Axóuxere Editora, Rianxo, 2016, 376 páxinas.

 Axóuxere Editora é un pequeno selo editor que, desde a independencia  e con teimoso empeño, está estendendo  no territorio intelectual galego “obras, conceptos e perspectivas distintas das que habitualmente son manexadas polas editoriais máis convencionais”. É a carta de presentación que acompaña a esta publicación editada na colección Calíope. Salientables son asemade as publicacións da colección Polimnia; a última, un interesante ensaio de Rebeca Baceiredo  no que analiza a evolución histórico-xenealóxica na constitución e solidificación do xénero no proceso de imposición capitalista e patriarcal.

Novas do exterior, cun subtítulo 63.000 quilómetros de viaxe á cadea, recolle, como sinala o prologuista Xabier Cordal, unha manchea de literatura e asemade de realidade. E faino en forma de crónica que é ao mesmo tempo unha denuncia. Xosé Luís Santos Cabana recupera nas páxinas deste volume as viaxes, xunto coa súa compañeira, que durante catro anos fixo á cadea, esa fronteira que divide o mundo, para visitar o fillo preso. O narrador e poeta convértese nesta crónica en sereno altofalante  do confinamento dun preso político no Estado de dereito democrático español; mais tamén desa “arquitectura colectiva dos afectos, a construción vagorosa, mais tamén firme” fronte ao espectáculo.

O libro pode ser lido como un compendio  de agravios e aldraxes do sistema penitenciario español sobre os presos políticos e os seus familiares. O día 2 de decembro do ano 2011, nun despregamento desproporcionado, a policía detiña en Lugo o historiador e profesor de Universidade de Santiago, Antom Santos e a súa compañeira, a filóloga María Osorio. A policía informaba de que, na vivenda de ambos, atoparan documentación e material informático relacionado cun suposto grupo, Resistencia Galega, grupo independentista e terrorista, segundo informaron as autoridades do Estado, pero  ao que non poucos persoeiros galegos consideran que é unha invención do réxime e dos corpos policiais. Ao día seguinte os pais de Antom Santos, Xosé Luís Santos Cabana e a súa dona,Victoria, son informados da detención.

A partir de aquí, e tras a primeira visita ao fillo na cadea de Aranjuez, quince días despois da súa detención, tras non poucos atrancos porque Antom está considerado un Fies -“como un etarra, por lo menos para mí”, dilles un funcionario polo  que debe de permanecer incomunicado do mundo exterior- comeza unha longa peregrinaxe, un percorrido esperpéntico pola arañeira kafkiana dos cárceres españois: Aranjuez, Dueñas, Mansilla de las Mulas. Unha experiencia dura, dolorosa que a burocracia e o réxime absolutamente atrabiliario, e por veces caprichoso, do sistema carcerario  complica moito máis. Foron 63.000 os quilómetros que se viron obrigados a recorrer para poder ver o fillo.

 

Xosé Luís Santos Cabana

Novas do exterior permite entender una realidade descoñecida para a meirande parte da xente: salas de espera interminables, negativas incomprensibles, episodios de despotismo por parte dalgúns funcionarios do réxime penitenciario, respostas ariscas (“ compañeira do cronista descobre  que a voz máis amábel, neste mundo penitenciario, parece ser a dunha maquina, que atende automática no número de teléfono onde se concertan as citas”, páxina 38). O buraco escuro do réxime FIES (siglas do Ficheiro de Internos de Especial Seguimento), declarado ilegal polos tribunais, pero que, segundo afirma o cronista segue a funcionar). Motos medios de comunicación convertidos en propagandistas do Ministerio de Interior: non só foran convocados para presenciar a detención, senón que chegaron a acusar a Antom de ter fundado unha organización terrorista á idade de oito anos. Ambigüidades reglamentarias que se transforman noutra forma de tortura, nomeadamente para a familia.O cuestionamento da Audiencia Nacional, substituto do Tribunal de Orde Pública franquista, que no caso concreto do xuízo de Antom Santos vulnerou o dereito da defensa ao impedir que puideran intervir os peritos da mesma. O castigo da política de dispersión que afecta ao preso a  súa familia. Unha manchea de crueldade inútil e gratuíta  dun Estado que mantén tribunais de excepción,  persegue a desidencia política e crea un réxime carcerario  que acostuma ser banalizado, convertendo os cárceres, ante  a imaxe pública, nunha sorte de hotel a pensión completa, pero que en realidade é un dos máis duros de Europa.

Novas do exterior é un libro duro e valente, pero necesario, xa que nos permite albiscar a crúa realidade do sistema carcerario, do que  a propaganda agocha ou disfraza. Un libro que, malia todas as penalidades, atrancos e caprichos sufridos pola familia, está escrito con serenidade e coa enerxía que proporciona o coñecemento e a liberdade. Unha imprecación, xa que logo, contra a inxustiza e un canto á liberdade, composto desde a primeira persoa, como atinadamente escribe Xabier Cordal nas páxinas limiares.

Para alén do cotián. Da esencia soterrada da literatura

 

Presenza dunha Ausencia

Sobre Maurice Blanchot

Anxo A. Rei Ballesteros

Axóuxere Editora, Rianxo (A Coruña), 2013, 129 páxinas

 

   A ensaística segue a ter unha mirrada presenza no sistema literario galego. Os libros de ensaio onde os autores se arriscan co pensamento e propoñen enunciados e respostas singulares para o noso tempo, alicerzados na ilustración crítica. Porén, libros como esta achega póstuma de Anxo Rei Ballesteros, ese autor maldito e solitario, pero dono dun persoalísimo discurso narrativo, contribúen a minguar un oco importante na literatura de noso.

   O texto dun escritor que abala entre a narración e a filosofía, foi atopado entre os papeis que Rei Ballesteros deixou amoreados no seu estudo. A pequena editorial de Rianxo conseguiu darlle forma definitiva a este “pequeno (humilde e imperceptible) fito no despegue da ensaística galega”.

Anxo A. Rei Ballesteros

   Mais o pensamento radical de Rei Ballesteros tamén se interroga verbo da literatura. Inquéritos sen resposta doada pola súa radicalidade, porque ante  a morte, esa “amizade subreticia”, como en Blanchot, a literatura é una palabra vacua. Meditación profunda, afastada das insípidas lambetadas, mais na que hai un intenso tributo á filosofía, á literatura e que abre portas “para alén do cotián”

 

(Texto publicado o día 12 de decembro de 2013 no suplemento Correo das Culturas, páxina VII do xornal Faro de Vigo)

Heidegger: pensar a esencia da cousa

 

A cousa

Martin Heidegger

Tradución de Almudena Otero Villena e Ramón Palao Gómez

Introdución de Ramón Palao Gómez  

Axóuxere Editora, Rianxo, 2013, 117 páxinas.

 

   A rianxeira Axóuxere Editora agasállanos arestora cunha edición bilingüe (alemán-galego) dun texto de Martín Heidegger. Unha edición singular porque é, segundo a nota editorial, a primeira que se fai desta pequena peza do pensador alemán a unha lingua romance e ademais os tradutores (Almudena Otero Villena e Ramón Palao Gómez) introducíronse neste texto denso, rico, complexo e difícil de Heidegger, achegándoo á fala máis xenuína e popular das xentes galegas, o que facilita a súa lectura. É, de por parte, un dos poucos escritos do pensador alemán traducidos ao galego, que se engade así á versión a nosa lingua que no ano 1956 fixeron Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega da conferencia Von Wessen der Wahrheit (Da esencia da verdade).

   E nun tempo no que nos  estamos afundindo na barbarie de eliminar a filosofía dos plans de estudo de certos niveis do ensino, esta tradución de Das Ding é moi oportuna e non cae no baleiro, porque nos convida e incita  a camiñar ou a iniciar un itinerario pola senda do pensamento. O lector deste texto tan ricaz como denso conta ademais coa axuda dunha luminosa introdución  de Ramón Palao que, contradicindo a vontade e o xeito de entender a filosofía como unha introdución polo propio Heidegger, prologa a pequena monografía heideggeriana, un dos moitos textos soltos do pensador alemán, convencido da imposibilidade de atrapar o saber dun xeito sistemático.

   Pertence pois esta conferencia ao segundo Heidegger, afastado da súa obra Ser e tempo. Forma parte desa fenomenología hermenéutica do pensador alemán, unha teima de clarexar certos aspectos do devir. Un dos moitos textos no que o pensador alemán nos convida a pensar, abandonando moitos dos seus iniciais puntos de vista, nomeadamente o que atinxe ao papel central do Dasein.

   Entrando xa no cerna da conferencia heideggeriana, cómpre dicir que esta comeza cunha reflexión verbo da mingua e redución das distancias, desde as categorías de tempo e espazo, por mor do progreso tecnolóxico. Hoxe o ser humano é quen de pór diante súa unha distancia mínima que, con todo, non trae a proximidade, porque esta non se deixa  atrapar directamente. Debemos, xa que logo, prestar atención ao que temos preto. E é aquí onde o pensador introduce o concepto de cousa: “Preto de nós están as que adoitamos chamar cousas” (páxina 35). Mais, que é unha cousa? En que consiste a cousidade da cousa? O pensador diferenza en primeiro lugar cousa e obxecto e responde cunha desas frases lendarias, algunha delas tan criticadas por Carnap por careceren de sentido: “Que é o cóusico na cousa? Que é a cousa en si? Só podemos chegar á cousa en si cando o noso pensamento foi antes quen de acadar a cousa como cousa” ( páxina 39). Mais a cousa como cousa segue a non ser nada logo de que o saber da ciencia a aniquilase moito antes do estourido da bomba atómica. A esencia da cousa nunca sae á luz, á linguaxe( páxina 49) e ao pensamento (paxina 51).

   Porén, a cousa, res en latín, designa aquilo que advén aos seres humanos, a realitas da cousa, entendida como advento. O facer a cousa supón amalgamar, facendo acaecer a tétrade unitaria, a alianza conxunta de catros elementos: terra, ceo, divinos e humanos. Cousas son, pois logo, todos os obxectos que teñen o aquel de aquelar, avíndose a súa esencia. Pero tan só os humanos como seres mortais podemos acadar o mundo como mundo habitando nel. E conclúe Heidegger: “Só o que se alía dende o mundo chegará algún día a ser cousa” (páxina 97).

  

Martin Heidegger

Texto rico e moi denso, exposto cunha linguaxe sinxela, fuxindo o autor, dentro das súas posibilidades, da terminoloxía técnica filosófica, mais como dixen ao comezo, moi afastado das banalidades do noso mundo. A edición de Axóuxere Editora complétase cun epílogo que reproduce a  “Carta a un mozo estudante” que Heidegger escribiu en xuño de 1950.

   Seguramente que o valor último do pensamento de Heidegger, e por conseguinte tamén deste texto, está aínda sub iudice, mais o seu compromiso coa indagación filosófica e a súa influencia no pensamento moderno non admiten ningunha dúbida porque puxo ao descuberto algo do mundo e as posibilidades do noso comportamento con ese mundo, camiños pechados antes da súa obra. O seu pensar sobre a cousa é unha proba manifesta.

Dous texto que fan pensar

A via excêntrica

Ronaldo Ferrito

Axóuxere Editora, Rianxo, 2012, 102 páxinas.

 

Eu son

Sri Nisargadatta Maharaj

Tradución de Iván Sende

Axóuxere Editora, Rianxo, 2012, 201 páxinas.

 

   Detéñome con pracer nestes dous textos que editou nas últimas semanas este xa familiar selo editorial rianxeiro, Axóuere Editora. O número 6 da colección Polimnia no que ve luz un texto en portugués do poeta e ensaista brasileiro Ronaldo Ferrato, editor así mesmo  da Confraría do  Vento, unha publicación que aparece con distinta periodicidade. Polimnia é unha colección de pensamento -seguramente a única ou unha das poucas que existen en Galicia, aberta a creadores galegos e non galegos, propiciadora de discursos  abertos ao tempo actual, mais sen renunciar nunca a abstracción conceptual. O autor, Ronaldo Ferrito investiga na área da performance e no eido da filosofía hermenéutica.

A vía excêntrica parte do Camiño de Santiago que acubilla sen dúbida unha épica, sobre todo, a dos humildes xacobeos abrasados na fe do carboeiro. Pero o Camiño Xacobeo tamén pode ser referencia metafísica para unha hermenéutica: a hermenéutica do andar. Un andar que, como se afirma na presentación editorial, se descobre a si mesmo como unha poética: o reflexo de aquilo que o camiñante observa no ceo. A vía excêntrica é para Ronaldo Ferrito a poética na cal pensamos as obras da linguaxe. Son doce as estacións que debe recorrer o camiñante/lector desta hermenéutica do acto de camiñar.

Un ensaio que demanda do lector unha atención especial para poder entrar na súa substancia. Páxinas pois ateigadas de pensamento  e que convidan á reflexión para podermos comprender os camiños da poiesis, un mundo cada día máis complexo, pero que no nivel non percibido tamén se clarifica coa mesma intensidade.

Así mesmo, hai tan só unhas datas, aínda que con Depósito legal de 2012, Axóuxere Editora tirou do prelo a tradución de I am That. O pequeno volume aparece na colección Clío (a señora do pensar e do recordo) que “atende a formas de pensamento, escritura e obras que nun determinado momento supuxeron un certo tránsito no pensar e nas maneiras de configurar o mundano”. Nada máis apropiado que esta colectánea de conversas que distintos “indagadores na vida e na existencia” mantiveron co sabio hindú Sri Nisargadatta Maharaj (Mumbai 1897-1081). O texto propiamente conversacional chéganos precedido por unha introdución de Maurice Frydman, un enxeñeiro polaco, antigo conselleiro de Gandhi, editor de moitas de conversas  de Nisargadatta ao inglés.

As conversas escolmadas insírense na corrente filosófica india Advaita Vedanta que procura unha realización do ser humano a través dunha serie de prácticas de carácter psicolóxico e meditativo. Os textos clásicos da Advaita (negación da dualidade) atópanse recollidos nas Upanishads. Porén, o camiño filosófico practicado por Nisargadatta, para alén da erudición conceptual, foi sempre directo, unha transmisión do coñecemento a través de conversas con seus interlocutores.

Malia iso, a profundidade e a lucidez das palabras de Nisargadatta converten este libriño en literatura de grande importancia; un dos poucos libros de ensinanza espiritual merecentes de seren estudados. Quizais a esencia do libro pode ser sintetizada nesa afirmación do título: “eu son”, afastada, porén, de toda connotación cartesiana e sen ningún predicado. Cómpre -velaquí o sámago das ensinanzas de Nisargadatta- que nos decatemos da nosa propia sensación do “eu son”  e que desbotemos  todas as gaiolas nas que nos encerramos a nós mesmos.

En resumo, dous pequenos volumes, ricos porén en contido, que sen ser libros de autoaxuda, poden contribuír a que sexamos nós mesmos e que lle aporten a esa flor que é Galicia “alimentos” variados e fértiles para que medre.

“Indeterminacións”: ensaios xenuínos

Indeterminacións

Carlos Lema

Axóuxere Editora, Rianxo, 2012, 111 páxinas

 

 

 

En “Polimnia”, unha colección de Axóuxere Editora que nace coa intención de producir discursos abertos ao tempo actual, publica  o editor, poeta e ensaísta Carlos Lema catro breves ensaios que non se sitúan nas beiras da creación literaria senón na súa cerna. Os ensaios de C. Lema son, na miña estima, verdadeiros textos de ensaio xenuíno que non se limita a xeneralizar  o pensamento, baixar os saberes ou recompilar erudición, senón que “crean”, son pequenas plataformas, nas que o autor se arrisca co pensamento, achega aos lectores a novidade, a verdade singularísima de pensar e, por veces, revoltas lóxicas como dixera Rimbaud.

E faino no presente caso C. Lema cunha crítica do determinado (na novela, no libro, na música, na vida), cunha reflexión sobre a lectura como canle que debería permitirnos ollar os libros ou as pezas musicais sen apelativos. “Contra a novela”, o primeiro ensaio, é un rexeitamento da novela na súa pretensión de someter o tempo á dominación da linguaxe. En “O libro perfecto”, nunha análise que se abeira a “semiótica do libro”, conclúe o escritor que o libro electrónico é perfecto porque se apropia de todos os textos. Outros dous ensaios, un sobre a omniprenza  da música e o seu progreso e outro sobre tempo, traballo e suxeito nas ruínas do capitalismo, pechan estes textos-hipóteses que o autor presenta como refutables e por iso son pensamento.

 

(Texto publicado o día 15 de novembro no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)