“Carpe Diem”: o fantasma “histérico” e heterodoxo de Xulio Calviño

Carpe Diem reducidoooooooooooCarpe Diem
Nos axiomas do NaZionalcatolicismo
Xulio Calviño
Difusora de Letras, Artes e Ideas, Ourense, 2014, 159 páxinas.

Foi no ano 1996 cando souben de Xulio Calviño, daquela Julio Calviño, transterrado en Málaga onde exercía a docencia como profesor de Literatura. A mediación foi de Emilio Araúxo e grazas á mesma recibín dous libros do escritor nado en A Xesta (Lalín, Pontevedra), ateigados dun inmenso e quizais desmedido, pero sobre todo rebuldeiro, saber filosófico e literario: Del cero y sus múltiplos Madrid, 1987) e Libro de la memoria (Madrid, 1995), un amplo poemario, primeira entrega dunha triloxía (“Anábasis”) que puxo gozo no meu peito ao lembrarme “blancos pueblos sin nombre y sin cadáveres”: Maceda, Baños de Molgas, Padreda, Arnuide…, mais tamén o “hórrido pudrideiro…santuario de ignominias frente a San Mamed”. Tamén un texto, “El silogismo del obsesivo enamorado”, a súa contribución a un pequeno volume editado pola Universidade de Málaga, Indagaciones sobre lo femenino (1990) no que, de forma heterodoxa, se fala sobre a muller.
Xulio Calviño mudou o seu rexistro lingüístico, deixou a provincia lonxana e mediterránea e arestora, con longa barba de rabino e un exquisito galego, agasállanos cun libro tan misceláneo como heterodoxo: Carpe Diem que leva un subtítulo que é pura dinamita: “Nos axiomas do NaZionalcatolicismo”
Cómpre ollar con calma, mais tamén con cachaza e quentura estas “andrómenas rapiñadas do País das Fadas”, tal como o autor adxetiva os dezasete axiomas que lle dan corpo a un volume dedicado a todos os herexes queimados nas cacharelas do Santo Oficio, decapitados por outros poderosos ou que figuran no “Index Librorum Prohibitorum” da Igrexa Católica. Carpe Diem é un libro que circula por varios xéneros: novela, ensaio, poesía e autobiografía nomeadamente. E que quixera ser -dino as propias palabras do autor- “a ilustración dunha imaxe canónica de Freud na que describe o ataque histérico dun suxeito -o autor- cuxa pantomima consistiría en dous movementos contrarios: cunha man aferra o seu vestido -a embriaguez anamnésica e a experiencia aureática benjaminiana– e coa outra quítao. Isto é típico do fantasma histérico, porque a histeria compórtase á vez como unha muller e coma un home”.
Un libro ateigado de erudición (filosófica, literaria, histórica, saber lúdico e mitolóxico) que por veces semella afogar o lector, mais se este ten alento para entrar nos seus miolos, ficará cativo da galanura da prosa, á vez rebelde e rebuldeira, destes axiomas que reproducen a educación castradora nacional católica que os rapaces dos anos cincuenta recibían en escolas, colexios, igrexas, seminarios, campamentos… As prácticas fascistas daqueles anos como tal, a queima de libros da biblioteca da escola da nai do autor, levada a cabo por catro castrós iberos, tinguidos de azul falanxista. O Terror Báquico do nacional catolicismo que enchoupaba pregarias e esconxuros na boca de avoa materna. A confesión xeral que os seminaristas tiñan que facer unha vez ao ano co energúmeno do superior. As referencias ao irmán (José María Calviño) destinado aos sete anos a ser pater paúl misioneiro e mandado no Pereira e no Mangana a Nuestra Señora del Medo.

Xulio Calviño (Foto de Emilio Araúxo)

Xulio Calviño (Foto de Emilio Araúxo)

O seu propio bacharelato nun colexio de dominicos da Cidade de Cristal, unha gaiola de ferro, cun ensino fascista e militarista. Escolarca perdulario, mais feliz no Instituto. Preso político nun cárcere panóptico, en compañía dos chulos das putas coruñesas, tamén engaiolados e as putas militarizadas, porque, ata que o Caudillo permanecese en Meirás, a Garda Moura tiña que foder decote no Papagaio e facíao cun coito sellado: “Mes e medio as santas putas da Cidade de Cristal estaban a foder de moca, almamente free, militarizadas, porque eran funcionarias do Estado ao servizo da garda Moura de Franco” (páxina 112).
E outras moitas experiencias na Cidade de Cristal que moldean unha iniciación á vida do pícaro e adolescente nunha Galicia de miasmas, imposturas, unha Galicia de ferro podre, acaudillada por quen todos sabemos e polo NaZionalcatoliscismo que Xulio Calviño recrea cunha prosa rebordante de tanta rexouba explosiva como de erudición.