A BELEZA COMO FÍO CONDUTOR DUN CRIME

Beleza vermella

Arantza Portabales  Santomé

Editorial Galaxia,Vigo, 2019, 424 páxinas.

 

No arrinque dunha novela ou dun relato pode haber unha frase que nos engaiola definitivamente. Iso pasoulle á autora desta novela,  Arantza Portabales: “A beleza é vermella como unha cunca de cereixas”. Á autora veulle esa frase á cabeza e xa non houbo volta atrás, malia que, ao longo da súa escrita, a cor vermella acadará unha dimensión ben afastada da fermosura e moi próxima ás contornas da morte. Xa que logo as cereixas -si a súa beleza- non son/e a imaxe que amalgama/m a trama da novela.

A autora non vive da escrita e compón sobre todo relatos curtos. Tivo un notable éxito con Deixe a súa mensaxe despois do sinal. Arestora retorna cunha novela cualificada como negra polo selo editorial, mais o lector debe ser cauto porque se acostuma a vender gato por lebre: novelas que non traspasan os lindes do detectivesco ou da novela policial soen  ser comercializadas como negras.

Con todo o fondo da trama de Beleza vermella é un crime. A trama dá comezo cun corpo atopado nun cuarto de Santiago na noite de San Xoán. Unha rapaza de quince anos, Xiana, envolta nun mar de sangue. Encárgase do caso o inspector Santi Abad e a axente Ana Barroso. Pouco máis se pode revelar da historia se non queremos spoilerizar a trama. Soamente que hai seis sospeitoso: os que aquela noite ceaban no xardín da casa. Alguén asasinou a Xiana e saíu da súa habitación sen deixar unha soa pegada nun chan cuberto de sangue. Unha tía da rapaza, Lía, atopa o cadáver e poucos días máis tarde será ela a que intente suicidarse.

Cunha estrutura baseada no clímax e con dúas voces narrativas, a novela ten a súa parte policial: os policías fan o seu traballo. Son falibles pero moi eficaces; analizan a escena do crime, son sabuxos incansables e intuitivos.

 

Arantza Portabales Santomé

Mais esta novela vai moito máis alá do xénero policial. É unha verdadeira novela negra, unha das poucas que se escriben en galego. Aquí a resolución do enigma non o é todo. O forte da novela de Arantza Portabales é o retrato social e, sobre todo a interiorización na psicoloxía dos personaxes. relacionados co crime, labor que non queda nunha “máquina de pensar”, senón en dous policías que se empeñan en descubrir o asasino, os motivos do crime e o que pasa polo interior dos personaxes: as súas feblezas e desaxustes. Todos eles, sen excluír os policías (maltratador e cunha relación sentimental e sexual entre eles xurdida na investigación). Con grande acuidade, a autora introdúcenos na interioridade destes personaxes confundidos e ateigados de inestabilidade emocional. E iso explica o desenlace do crime. Ao final, o lector comprende que o significado de que a beleza é vermella só se pode comprender cando se descubra a pulsión do sangue.

(Este texto tería de ser publicado hoxe, 11 de xuño no Suplemento Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo. Por motivos de programación, aparecerá no mesmo xornal o xoves 18 do mes no que andamos. Adianto a súa publicación nesta bitácora)