“Follas novas”: outra memorable edición crítica de Rosalía

Follas novasFollas novas
Rosalía de Castro
Edición, notas e comentarios de Anxo Angueira
Edicións Xerais, Vigo, 2016, 495 páxinas

Acaba de ver luz, nestas datas, a segunda entrega dun proxecto autorial e editorial inxente e memorable: a edición crítica das Obras Completas de Rosalía de Castro, na que vén traballando, desde o ano 2013, data da edición de Cantares gallegos,  Anxo Angueira. Un proxecto que se plasmará en oito volumes, e que, sen dúbida, constituirá unha das maiores empresas do sector editorial galego.
Follas novas que finalmente saíu do prelo en 1880, supuxo o referendo, xunto con Cantares gallegos, dun campo literario independente: a construción da literatura nacional galega. Unha manchea de investigadores, comentaristas e editores do labor escritural rosaliano teñen analizado polo miúdo a orixe, circunstancias e natureza de Follas novas: o existencialismo da meirande parte dos poemas, orixinados nunha crise persoal vivida realmente pola autora. Unha “extensa e perpetua elexía sentimental profunda e ardente” (Francisco Rodríguez). En Follas novas amósase a “chamada concepción asociativa (…) que dá fundamento á poesía da modernidade” (Arcadio López-Casanova). Un poemario no que, como escribe Xosé Ramón Pena, autor da última historia da Literatura Galega (outro magno proxecto), Rosalía segue a proclamar que escribe co propio sangue. Un poemario singular “de textura visionaria (…) en cuxas páxinas naufraga irremediablemente o corazón”.
Coido, porén que o que arestora resulta oportuno e obrigado é salientar esta notabilísima edición crítica, como no seu día fixen a respecto de Cantares gallegos. Penso, máis unha vez, que Anxo Angueira é o estudoso e investigador indicado para levar a bo porto este trabalo de fixación canónica das obras de Rosalía, e en concreto nesta ocasión, a edición crítica de Follas novas, malia que, ao menos no meu pensar e pesar, ese inxente traballo lle estorbe ou deteña na súa actividade como creador en narrativa e poesía.

Rosalía de Castro

Rosalía de Castro

Nun amplo e esclarecedor estudo introdutorio de preto de cen páxinas, analiza Anxo Angueira, entre outros temas, a xénese do poemario; a súa estrutura; o proceso que levou á poeta de Cantares gallegos a Follas novas; a posición pesimista e o pensamento crítico de Rosalía; os principais eixos líricos (Poética da dor, Poética da soidade; Poética das sombras e mais da noite; Poética do adeus; Poética da nación).
Nos criterios de edición, parte Anxo Angueira da única edición en vida da autora en 1880, aínda que, para a fixación dos textos, tivo en conta outras edicións que se fixeron en vida de Rosalía. Adapta, como en Cantares gallegos os textos á ortografía actual, mais conservando os trazos característicos da lingua da poeta.

 

Anxo Angueira

Anxo Angueira

E logo da edición do poemario, cos prólogos de Emilio Castelar e da mesma Rosalía, aborda o editor o que, na miña estima, é a parte máis ardua, laboriosa e meritoria desta edición: un apéndice (“Fixación, notas e comentarios” de cento dezaoito páxinas) que constitúe un dificilmente superable instrumento crítico. Anxo Angueira amósanos a fixación textual dos textos, explica cada poema, sen esquecerse dos prólogos, a súa orixe e o seu contido. E nas “Notas” aclara todo o que fai referencia ao léxico, solucións dialectais, influencias literarias, entre outros aspectos. Un labor filolóxico e hermenéutico intenso e moi esmerado que dá fe dun traballo xigantesco, asumido polo editor, que chegou a bo porto.
Pola miña parte parabenizo esta edición, a Anxo Angueira e a Edicións Xerais por achegarnos esta mostra senlleira do lirismo intrasubxectivo e radical, (…) a nova flexión realizada da alegoría nacional de Galicia, tal como se escribe na presentación editorial.

“Cantares gallegos”, memorable edición crítica

 

Cantares gallegos

Rosalía de Castro

Edición crítica de Anxo Angueira

Edicións Xerais, Vigo, 2013, 466 páxinas.

 

   O 17 de maio de 1863 tivo lugar en Vigo a publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, o que supuxo o comezo do Rexurdimento xa na súa plenitude. Malia a lectura folclórica, interpretación dominante durante moitos anos como puxo de manifesto Basilio Losada, Cantares gallegos é sen dúbida o libro inaugural, o primeiro libro escrito integramente na lingua de noso da literatura galega moderna. Desde esa data de hai agora cento cincuenta anos, sucedéronse as edicións, algunha delas en vida da autora (Madrid, 1872). Existen mesmo edicións críticas, como a realizada por Andrés Pociña e Aurora López, editada por Sotelo Blanco en 1992 e a de María Xesús Lama (Galaxia, 1995). A importancia de Cantares gallegos para o futuro das letras galegas é transcendental (“supuxo un remuíño  decisivo na súa obra, pero tamén un golpe estratéxico de enorme transcendencia para o futuro das letras galegas”). Resulta pois van e sobexo que me deteña en comentar a importancia das glosas de cantares e ditos populares aos que lles deu forma poética Rosalía, expresando de xeito auténtico e pertinente a voz colectiva da nosa terra, “unha sorte de epopea popular”, alegoría nacional, como caracteriza a obra o editor no estudo introdutorio, seguindo a Fredric Jameson, na que non falta a expresión do pensamento político, social, crítico e mesmo feminista por parte da autora.

   Mais coido que é non só oportuno, senón tamén obrigado salientar esta memorable edición crítica coa que agasalla á cultura galega e tamén a cultura universal Anxo Angueira e que edita Xerais, formando parte dun proxecto xeral de edición das obras completas de Rosalía de Castro en oito volumes. Anxo Anguiera é, sen dúbida a persoa indicada para levar a cabo este colosal traballo de fixación canónica das obras de Rosalía. Os seus estudos previos sobre a autora e os seus vencellos coas terras do Sar, así o poñen de manifesto. Porén, moito máis que os antecedentes, importa o rigoroso e laborioso traballo que xa amosa este primeiro volume.

   Con efecto, a edición de Anxo Angueira vén precedida dun extenso e esclarecedor estudo introdutorio  de mais de cen páxinas que en si mesmo podería ser editado como libro independente. Neste estudo analiza Anxo Anguiera o nacemento do poemario de Rosalía, as teorías sobre a súa xénese, salientando a relación da obra con Sarmiento (Coloquio  como fonte), a súa estrutura, Cantares como alegoría nacional, como novo paradigma poético,  a lingua literaria da poeta, criterios de edición, entre outros apartados de grande interese e algún mesmo novidoso.

Anxo Angueira

   Traballo filolóxico e hermenéutico moi esmerado, ao que seguirán outros sete volumes coa edición crítica do conxunto da produción literaria rosaliana, tanto as obras escritas en galego como aqueloutras que a autora publicou en castelán. Un dos proxectos editoriais de autoría individual de maior entidade. Unha das “Sete Marabillas” no eido editorial galego. Este primeiro volume dá fe do labor xigantesco, cuxo reto asume Anxo Angueira e que espero que chegue a bo porto, seguramente co ritmo pausado que demanda un traballo desta natureza, mais cun navegar seguro e consolidado, convindo quizais co paradigma dixital, mais sen excluír a edición en papel. E fortalecido, se for necesario, co diñeiro público porque a obra de Rosalía é alta literatura e un alicerce fundamental da nosa estirpe, da nosa tribo, da nosa nación.

“A súa intacta forza comunal”*

Iria

Anxo Angueira

Edicións Xerais, Vigo 2012, 327 páxinas.

Entro nesta Iria de Anxo Angueira e a súa substancia e feitura fan abrollar reminiscencias daquel canto á solidariedade que son os versos de O valo de Manselle e das historias de Pensa nao das xentes de Sernanselle, a aldea desde a que se enxerga o río Ulla enchendo e devalando coas marés da Arousa. Iria  é outra novela poderosa que amplía o escenario e nos leva a horizontes temporais máis próximos a nós, a finais dos anos sesenta. Outro libro comunal e novela  igualmente de inmersión, de esperanzas, loitas, epopeas.

Tres fíos narrativos conflúen no romance:  a narración das navegacións do  Iria, un vello galeón, no que fai vida o seu patrón que se nega a meter motor, e fende os lombos do Ulla, vibra e funga contra a fervura ou a negrura do mar da Arousa. As

navegación do Iria, símbolo do protagonismo coral dos homes e mulleres do mar, desas mulleres sobre todo que como Maria a barqueira son emblema de todas as resistencias. O contrapunto son os traballos e os traballadores dos canais de

regadío nas  marxes do Ulla. Unha obra inútil da colonización interior, ladroízo que lle come o pan e as leiras aos labregos e explota os operarios. Entre estes dous bloques e punteando a sucesión de acontecementos ata a folga dos obreiros, a revolta d

os labregos e a celebración do Día da Patria Galega, as historias de afogados. O autor, falando en primeira persoa, achéganos aos afogados no río, no mar de area e no mar da Arousa. Traxedias que enloitan os fogares de humildes mariñeiros e cuxa terrible m

Anxo Angueira

úsica tocan as campás do Ulla e da Arousa.  Confórmase así un inmenso friso literario no que as comarcas do Ulla e da Arousa aparecen reflectidas en toda a súa autenticidade labrega ou mariñeira, con todos os seus oficios, soños, traxedias, amores, loitas. Homenaxe pois á  “intacta forza comunal”. Iría convértese así no grande romance das terra do Ulla e da Arousa, grazas tamén a narrativa fondamente lírica dun texto que zumega literatura, transgride a norma mergullándose de cheo nos dialectalismos e usos e variantes gramaticais da fala popular das terras de Laíño. Un galego enxebre que estoura nas mans do autor nun festival de topónimos, sons naturais, insólitas metáforas, intertextualidade, recorrencias. Unha regalía para o entendemento, o corazón e os sentidos

* Texto publicado o día 24 de maio de 2012 no  suplemento “Faro Cultura”, páxina  VI, do xornal Faro de Vigo

“Iria”, homenaxe á lingua nacional

 Non é isto recensión nin comentario valorativo ningún –ocasión haberá para facelo- de Iria, a novela de Anxo Angueira que, moi ben enfornada, acaba de editar Xerais. É  a reprodución dalgúns fragmentos onde o galego estoura con todos os seus bríos, que están aí, nas súas entrañas, no seu xenio, na súa cerna desde que foi unha lingua prerromana, latina e medieval. Lingua literaria e lingua popular dunha nación con dous mil anos de memoria. A lingua de Iria é unha lingua xenerosa, ricaz e farturenta, que recupera a lingua oral, o rexistro familiar, dialectal, a toponimia secular e que as mans do escritor converte en galego literario, en transgresión, secasí, da norma estándar, á que, porén, respecta enriquecéndoa co emprego das variantes gramaticais, coa morfoloxía verbal da banda de Laíño e doutros lugares que xa resoaban entre os nosos clásicos.

Un festival, xa que logo da lingua, do idioma milenario, alleo ás deturpacións e castelanismos. Unha ferventía de topónimos, léxico labrego e mariñeiro, que nos asolaga, xaora, nun alto mar avalado de sensacións, figuras imaxinais  de embriangante fascinación.

Velaquí pois neste 17 de maio unha homenaxe á lingua de noso na escrita de Anxo Angueira.

……….

“Agora na proa, Lens e o mariñeiro envergan e arman a trinqueta e o foque nos estais do caperol e no da punta do bauprés. Largan escotas por couse para a empopada. Miguéns caza a escota da maior. O patrón, agora xa no leme, sen abadona-la paipa, corre  a argola cara a couse no varón. Miguéns repasa aparellos, cabos e nós. O rapaz asubía. Renxen táboas e relingas. O Iria por fin colle aire e respira, subindo na devalante e no nortiño. Foise a néboa e maila noite. Faise día, un chumbo fusco, arrefriado, que tingue de gris os lenzos do galeón, as chemineas das fábricas de Catoira, o esteiro do Ulla. E o Iria colle aire e unha reprise entrecortada, camiño do mar da Arousa, camiño do barro ou da madeira ou do sal ou do que non se sabe. Camiño dun infinito de illas, insuas e illotes, de cons e morosas, de agullas, aguillóns, aguiúnchos e angueiros, de areas, arnelas, arnosas, areosos, areais, ríos, regatos, vaos, bancais, bicos, bois, cabalos, bolos, cabezos, lombos, carreiros, castelos, castros, comboas, concheiros e conchidos, cousos, cruces, cubertos, fontes, esteiros, forcadas, fuciños, furados, navallas, novas, laxes, lobeiras, ostreiras, polbeiras, mesas, pombeiros, pateiros, praias, pedras, pedriñas, petóns, covas, baixos, abrigos, puntas, puntais, pragueiros, peiráns, portos, pozos, ribeiras, saltos, santos, seixos, sinais, torres, touzas, remexedoiros. Camiño dunha infinita, enferruxada, revirada rede de rías dentro da ría labirinto Arousa”.

……….

 

“A dorna Maruxa fica entre as estrelas apagadas do ronsel do Iria que a Xa está ben vai amatando. O mozo rema de meo e muda a vela de banda pasando a escota a proa do mastro. Sentado na tilla, lombo contra o pau, iza na verga e morde a driza na ichama de couse. Busca a escota rebulideira, pásaa por tras do banco do cufiño, caza e vira pola caverna de couse. Nunha man o leme e noutra a escota, o mozo bolina cara ó Chufre bricando entre os salseiros. María camiña cara á proa do galeón por agacharse.

-Seica se acabou o barro de Dena?

-Caza, Miguéns!

-Ou andades noutro contrabando?

-En que andas ti, María?

María bole, abre o zapón e métese no tambuche de proa. A Marquesa ergue a testa, busca de novo o conchego  e olla para outro lado”

 

……….

 

“Hai afogamentos que ceban a súa crueldade, se é do caso, nunha mesma familia. A min vénseme ás mentes neste tema a acordanza dos de Merino, os de Merino da Arousa. Os de Merino deste afogamento foron o pai, Ramón Núñez Suárez, de corenta e catro anos, e os seus fillos Sergio Ramón, de vinte e dous, e Mariano,de vinte e un. Patroneaba o barco que era de seu, José dios Outenda, vinte e catro anos, o Ferreiriño. Afogano os catro.

O barco era do mexillón, que foran levar unha boa carga del ó Caramiñal. Pois cando viñan de volta para a Arousa, alí pola Ostreira, que é un illote que xa ten dado ben de sustos, o barco afundiu e os catro tripulantes, os catro da Arousa, afogano…”

 

……….

 

“Maña de día limpo do verán primeiro. A maré está no socheo. Cabalos ceibos pacen na herba, nas flores e nos lirios, no toxo cativo da insua das isuas, a insua de Bexo e  da Vacariza. As dornas e os mecos de Porto, Cesures, Requeixo e da Ponte soben polo lombo da Rubia regresando, a bolinar, cheos os paneis e as cadeiras de robaliza, solla e muxo. De muxo batalleiro e franco, que ten a cuncha dourada na cabeza, e do muxo de fondo e lama, o galludo e bocacho, menos apreciado. Regresan dos lances de luzada por tramallo de balar e tallada de canas. O norte da mañá enche as relingas e o ollado do remo do temón nos mecos canta no tolete de popa coas viradas. Por riba dos mecos e das dornas soben do mar carráns e pardelas. Apegada á ribeira de Vilar, unha frecha rasante de corvos mariños adianta lambendo o canaval de xuncos e canivelas. Corvos do monte pousan nos brazos dos cruceiros e no bico das cavernas dun costal, afundindo entre a lama e a herba da ribeira na punta dos Paxaros, ósos negros dun vello galeón de antano, brillantes ó sol limpo da mañá”

 (Anxo Angueira, Iria, Edicións Xerais, Vigo, 2012, páxinas 20-21, 80-81, 226- 227, 253-254)

Lois Pereiro, lido, analizado, traducido

Que lle podo ofrecer a quen me intente? Monográfico Lois Pereiro

GAELT

Coordenadores: Anxo Angueira e Teresa Bermúdez

Edicións Xerais, Vigo, 2011, 170 páxinas.

 

Edicións de textos inéditos, reedicións, biografías, antoloxías e ata achegamentos comiqueiros á biografía do poeta en banda deseñada. De todo deu, e en cantidades superiores á de anos anteriores e quizais tamén en calidade, o Día das Letras Galegas deste ano 2011, dedicado a Lois Pereiro. Botábase de menos, porén, o ensaio, o estudo monográfico verbo da obra, do significado da figura de Lois Pereiro ou da súa peculiar estética.

Chéganos arestora este pequeno volume, como froito dun proxecto concibido  dentro do Grupo de Análise e Estudo da Literatura e a Traduloxía (GAELT) da Universidade de Vigo, coordenado, nesta entrega, por Anxo Angueira e Teresa Bermúdez. O feito de ser Lois Pereiro un escritor complexo, senlleiro, pero transgresor, con non doada adscrición  no sistema literario galego, cun perfil biográfico igualmente peculiar, ateigado de tensións vitais, fai moi oportuna esta achega, composta de colaboracións, a súa figura e a súa obra.

Estrutúrase o volume en cinco seccións: retratos, análise, documentos, traducións e creacións. Xosé Manuel Pereiro, Paco Macías e Fermín Bouza revelan, nas súas breves colaboracións, algúns trazos que completan a biografía de Lois Pereiro ou a súa relación, por exemplo, co mundo da edición. A sección documental reproduce o texto dun recital no Pub Moka, en xaneiro do 96, no que Manuel Rivas fixo de presentador de L. Pereiro.

Son gabables así mesmo as traducións de varios dos poemas do poeta monfortino ao alemán, catalán, éuscaro, francés, inglés e italiano. Na sección de creación, os poetas Xabier Cordal, Estíbaliz Espinosa, Chus Pato e Dores Tembrás, dialogan cos seus versos ou prosas poéticas co poeta Lois Pereiro.

Con todo considero, en estima moi subxectiva por suposto, que as achegas máis salientables deste volume atópanse nas catro análises que sobre a obra de Pereiro escriben Manuel Forcadela (adscrición xeracional), Teresa Seara (dialéctica vida/morte na obra de Lois Pereiro), Xavier Seone (os planos existenciais e ontolóxicos) e Alberto Valverde (a linguaxe underground na poética de Pereiro). Constitúen catro aproximacións -penso que as únicas  publicadas ata o de agora- feitas desde o pensamento á vez rigoroso e afouto á obra poética dun lírico nada convencional.

Lois Pereiro

Fago unha pausa especial no artigo de Manuel Forcadela, por mor da fondura da súa análise. Partindo dunha acaída diferenciación entre “autoría real” e “ficción de autor”, considera o analista que cómpre ter en conta a análise das prácticas textuais de Pereiro e non o fetichismo que suscitou e segue a suscitar a súa imaxe, nomeadamente despois da súa morte. Tal diferenciación é necesaria para que non se perda no ocultamento a figura poética de Lois Pereiro. Calquera das etiquetas coas que se ten identificado a poesía da Xeracións dos 80 (autor intelectual, comprometido, hedonista, lector cultivado, culturalista, profesor, viaxeiro, cosmopolita, gastrónomo) non abonda por si soa para definir as prácticas textuais de Lois Pereiro, que se afasta, en non poucos trazos, do modelo de “ficción autor” da Xd80. A conclusión de Manuel Forcadela  é que Lois Pereiro representa unha ficción de autor dos noventa con prácticas textuais dos oitenta (“Droga, enfermidade, marxinalidade, cosmopolitismo, autodestrución , desolocación, morte, aniquilación, nostalxia, existencialismo son as bandeiras que se erguen fronte a aqueloutras mencionadas atrás”, páxina 34).En calquera caso, Manuel Forcadela resístese a deixar a marca Lois Pereiro en mans dos que queren facer  do poeta monfortino un  instrumento arrebaladizo en contra da Xd80. Lois Pereiro e a súa poesía atópanse nun “dos extremos da longa corda que tensa a  xeración dos oitenta, unha xeración tan diversa nos seus contido e formas que resulta precipitado reducila a unhas poucas fórmulas máxicas”, paxina 37).

Penso, con todo, que o verdadeiro interese do traballo de Manuel Forcadela áchase, á marxe dos intentos de adscrición xeracional de Lois Pereiro   -ata podemos fantasiar nunha condescendente rexouba do poeta fronte a estes intentos taxonómicos-, na análise  da figura do poeta, elaborada con acuidade a partir da diferenciación deses dous conceptos fundamentais e clarificadores: as prácticas textuais do autor real fronte ao fetichismo da súa imaxe.