Para alén do cotián. Da esencia soterrada da literatura

 

Presenza dunha Ausencia

Sobre Maurice Blanchot

Anxo A. Rei Ballesteros

Axóuxere Editora, Rianxo (A Coruña), 2013, 129 páxinas

 

   A ensaística segue a ter unha mirrada presenza no sistema literario galego. Os libros de ensaio onde os autores se arriscan co pensamento e propoñen enunciados e respostas singulares para o noso tempo, alicerzados na ilustración crítica. Porén, libros como esta achega póstuma de Anxo Rei Ballesteros, ese autor maldito e solitario, pero dono dun persoalísimo discurso narrativo, contribúen a minguar un oco importante na literatura de noso.

   O texto dun escritor que abala entre a narración e a filosofía, foi atopado entre os papeis que Rei Ballesteros deixou amoreados no seu estudo. A pequena editorial de Rianxo conseguiu darlle forma definitiva a este “pequeno (humilde e imperceptible) fito no despegue da ensaística galega”.

Anxo A. Rei Ballesteros

   Mais o pensamento radical de Rei Ballesteros tamén se interroga verbo da literatura. Inquéritos sen resposta doada pola súa radicalidade, porque ante  a morte, esa “amizade subreticia”, como en Blanchot, a literatura é una palabra vacua. Meditación profunda, afastada das insípidas lambetadas, mais na que hai un intenso tributo á filosofía, á literatura e que abre portas “para alén do cotián”

 

(Texto publicado o día 12 de decembro de 2013 no suplemento Correo das Culturas, páxina VII do xornal Faro de Vigo)

Máscaras identitarias

A noite do moucho

Anxo A. Rei Ballesteros

Editorial Galaxia, Vigo, 115 páxinas

(LIBROS DE FONDO)

  Anxo Rei Ballesteros é un narrador do sistema literario galego ao que algún estudoso considera un autor maldito e solitario. Posuidor  dun persoalísimo discurso narrativo, a súa obra, nomeadamente as novelas Dos anxos e dos santos (1977) e Loaira (1992), foron catalogadas no seu momento como textos fundacionais e fundamentais na historia literaria galega. Pero o escritor nado en Boqueixón e cuxo pasamento tivo lugar no ano 2008, foi un narrador que sempre se facía agardar. Rei Ballesteros retornaba aos mundos da ficción  escrita case sempre por unha necesidade catárquica. A poder calar, confesaba el mesmo hai tres lustros, é ao que aspira o verdadeiro escritor. Esas arelas explican o carácter esporádico da súa narrativa. A noite do moucho, para alén doutras urxencias, é seguramente froito desa doenza interior que empurra ao escritor a lle dar saída á necesidade de crear.

A novela, que se empezou a xestar un ano antes da súa morte, sae á luz sen o definitivo proceso de corrección  e coma unha homenaxe ao autor. Pola historia que se descubre nas súas páxinas, pode ser cualificada como texto recuperador da memoria histórica. Un vello que se confunde co protagonista, cóntalles a uns rapaces a historia da que foi actor, durante  Guerra Civil, un anarquista galego que está a ser buscado polos fachas ( sic ) para matalo. Foxe cara o monte, pero está débil e séntese traizoado polo seu cuñado, o Moucho. Pídelle acollida a un amigo que o recibe cheo de medo. E alí, na súa casa, mentres lle entra o soño e se executa a perfidia, matina de xeito compulsivo nos cambios identitarios. A identidade numérica é unha tautoloxía, pero non así a identidade persoal e moito menos nos universos da ficción. Endalí a coherencia de todos eses trocos de personalidade que como carautas irreprimibles lle sobrevén ao protagonista e que lle fan pensar que a realidade sería o imposible. Ao final o inquérito identitario  acada unha cumprida resposta cando o vello narrador confesa os segredos da súa dobre face.

Anxo A. Rei Ballesteros

As pouco máis de cen páxinas nas que se relata esta experiencia vital, conforman unha novela completa e pechada tematicamente, pero inacabada desde o punto de vista formal. A historia e a súa correspondente trama narrativa están rematadas e pechadas, pero non así o texto e sobre todo os seus aspectos formais, que precisarían  dun labor de profundo esmerilado que o autor non tivo a oportunidade de acometer. Con todo, cómpre recoñecer que o galego que serve de vehículo a esta historia, contada de forma oral, é unha lingua vizosa. O narrador, en beneficio da oralidade, transgride á mantenta o galego culto e estándar, como fixo nas súas obras anteriores. Mais, aínda sen ese pulido que botamos en falta, Rei Ballesteros foi capaz de empurrar a linguaxe ata aqueles lindes nos que as creacións verbais  se converten en arte.

* Texto publicado o 17 de decembro de 2009 no suplemento Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo

Volve Rei Ballesteros*

A sombra dos teus soños

Anxo A. Rei Ballesteros

Galaxia, Biblioteca Rei Ballesteros, 2ª edición, Vigo 2011, 132 páxinas.

    Volve Rei Ballesteros. Regresa á arte da palabra escrita para habitar os noso soños e incendiar, se cadra, as nosas escuridades. Despois dunha longa paréntese: Loaira (1992), unha grande e múltiple novela, era a súa última incursión na escrita. E retorna aos eidos literarios obrigado, apremado tal vez compulsivamente, pola potencia catártica e liberadora desa doenza interior que empuxa o creador a inventar mundos, sabendo, non obstante, que o espazo literario, non é o real. “Todo auténtico escritor arela non escribir máis libros, senón calar” xa lle dixera no ano 94 Rei Ballesteros a Vicente Araguas, nunha atinada reflexión que deberían facer súa os que viven a literatura baixo o espellismo de glorias, fumes e vaidades.

Volve, pois, Rei Ballesteros, porque non lle queda máis remedio, gurrando detrás dun fermoso libro de relatos. E, como neste noso tempo de exultante nihilismo e de déficit de ser, os soños están mortos, o espectro ordénalle a Xurxo Bugallal, un dos personaxes principais de Loaira, que escriba sobre a sombra dos seus soños.

Velaí as palabras que serven de pórtico e encadran estes seis relatos: cando nada queda, sobrevive ao menos a escura pantasma das nosas fantasías, das nosas esperanzas e utopías. Sombras dos nosos soños, mesturadas con fortes e agres doses de violencia, soterrada ou explícita, e nos que o amor convive de xeito inmisericorde e tremendo coa morte e co sexo.
Cegadores contos de amor e morte, moi elaborados, profundamente estruturados, con historias e fabulacións que o son de verdade e engalanados cun exquisito requinte formal. Rei Ballesteros individualiza a lingua – eis a literariedade en canto estilo dun texto -, converténdoa  en experiencia formal e construción representativa, singular e universalizable, mediante o

Anxo A. Rei Ballesteros

emprego dunha escrita na que transitan xuntos harmoniosamente  unha grande riqueza léxica, un galego coloquial e unha gramática de amplos rexistros que ata se podería propor como lección e exercicio paradigmático dun uso dos tempos verbais, infinitivos conxugados e futuros de subxuntivo especialmente.

Lendo algúns destes relatos, ao atopármonos  cun verdadeiro ballón de forzas fabuladoras e de primores formais, un ten  a sensación de entra na universal corrente das augas da vida, dos ineludibles fluxos da morte, e non certamente na esvaída palidez das súas sombras, colocados, sen decatármonos, nese asañado abalo e marusía. Porque o autor é capaz de empurrar a linguaxe, as súas estruturas, os seus recursos todos, galas e enfeites ata aquela fronteira na que as creacións humanas se converten en arte. Seguramente que cando todo isto lle sobrevén a un escritor, unha forza oculta e inconmensurable non lle permite estar calado e o verdadeiro escritor vese empurrado a escribir.

É parca en títulos a obra literaria de Rei Ballesteros, un autor afastado dos ouropeis do mundanal ruído e do que mesmo os dicionarios se esquecen. Sen embargo, o contacto cos seus textos fortalece o noso convencemento de estarmos diante dun dos autores fundamentais da literatura galega contemporánea. Este seu regreso de agora con A sombra dos teus soños converte a opinión en certeza e seguranza.

* Este texto, con leves correccións de erros gráficos e ortográficos, foi publicado o día 17 de agosto de 1998, no Suplemento “Revista das Letras” do xornal O Correo Galego. A segunda edición do libro de relatos de Rei Ballesteros converte en oportuna a súa reprodución nesta entrada.