PROTEICA E ABERTA. UNHA HISTORIA EN ESPIRAL

A través do fume

Antonio Piñeiro

Editorial Galaxia, Vigo, 2018, 126 páxinas

 

Antonio Piñeiro non soamente é un escritor plenamente asentado na literatura de noso, senón tamén un narrador versatil. Con naturalidade transita do relato dun triángulo afectivo feminino e unha trama inquisitorial no século XIX, e da crónica novelada do cóctel hedonista da estudiantada santiaguesa na década dos oitenta, a unha novela complexa e ricaz esteada no fluxo de conciencia. En efecto, se algún obxectivo aparece claro e preciso é a evocación da corrente de pensamentos de Nina, a protagonista de A través do fume. O fluxo ininterrompido de pensamentos e sensacións que aparecen sen encadenamentos lóxicos. Como pano de fondo, a migración e a separación das familias nos anos setenta en Europa, olladas dunha forma tan crúa como esperanzada. Esas lembranzas que lle achegan á cativa todo o que lle dixera a súa nai, “sempre a medio dicir ou  a medio calar ou  a medio ver”.O  narrador reproduce coa súa propia voz a vida psíquica da protagonista, sen diálogos,sen interrupcións, sen puntos porque os recordos, os momentos da emigración non rematan.

Así na corrente de conciencia de Nina cobran vida as viaxes a Vigo nun autobús Celta ata Padrón. Logo no tren. A espera na estación, os semáforos, a calor da cidade. Todos os consellos da nai, a vida cotiá no barrio, nas rúas, todas as sensacións, mesmo o son da cisterna a acción de pór a cuspe nos selos das primeiras cartas, os sorrisos,os bicos ao pan, a dozura dos beizos imaxinarios do primeiro amor mastigado, o recendo da coliflor con bacallau que no Nadal azucabra a casa. As cartas ao pai, cos selos pegados ás mesmas, a branda severidade da nai, os Nadais nos que non vén o pai, a choiva cálida das oracións polas noites na cama, as cartas sen abrir, as lámpadas e panxoliñas do Nadal…ata as cinsas xuntas e mesturadas  da derradeira páxina que, en boa medida lle imprimen sentido a esta historia en espiral que se abre cara a dentro e forma parte dese fluír da conciencia. Unha corrente mental que reconstrúe non só a vida dunha familia, en espera sempre do pai,senón tamén os aconteceres dunha época, dun tempo pasado.

 

Antonio Piñeiro

A novela cun número incontable de fiestras, de imputs, é o reino da liberdade, escrita proteica e aberta, sen regras que non poidan ser transgredidas. O experimento literario que nos achega Antonio Piñeiro, percorre esta canle narrativa alicerzada certamente na liberdade de contido e de forma, mais non carente dunha longa e ricaz tradición. Se algún lector pregunta onde se atopa a trama argumental de A través do fume,  cómpre responderlle que nese fluxo de conciencia que demanda a súa implicación para atoparlle sentido, así como para descubrir o simbolismo de moitos obxectos que aparecen na mesma. Un fluxo de conciencia estruturado de forma precisa e vestido co meiró dunha linguaxe literaria de moitos e puros quilates.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 13 de decembro de 2018)


Advertisements

As bágoas de Eros. Radiografía dunha xeración fascinada

A identidade fascinadaA identidade fascinada
Antonio Piñeiro
Editorial Galaxia, Vigo, 2015, 159 páxinas

Crónica real ou novelada do personaxe imaxinario que eramos nese cóctel hedonista para aquela xeración mltitudinaria que nos anos oitenta se fixo dona de Santiago. Así resume o autor,Antonio Piñeiro o celme deste libro. Unha Compostela que é temario, fotocopia, prato combinado, o Ensanche, o vaso de tubo, e que, nun exercicio de recuperación, o autor pretende retomar. “Non lela, tocala”. Santiago, nese furco temporal que vai desde 1982 ata 1990, duplica a súa poboación durante o curso académico coa chegada masiva de estudantes, funcionarios autonómicos, traballadores e persoal doutros servizos. A tromba xeracional do baby boom dos sesenta. Un aluvión de estudantes, cuxo primeiro afán era atopar aloxamento, o cuarto, o cuarto cambiante, como espazo escenificador da autonomía persoal e intelectual. E tamén da fascinación.
Empregando una estrutura construtiva híbrida na que a escrita de A. Piñeiro conxuga a ficción novelada, a crónica individual e social, o ensaio, fontes documentais e o diálogo con pensadores referenciais. A identidade fascinada pretende ser a radiografía de Compostela nos anos oitenta, unha cidade ocupada, vivida, gozada pola xeración baby boom dos anos sesenta, universitarios naquela década. Santiago convertida en gran cuarto de alugueiro dunha mocidade que na fascinación atopa a súa identidade. Crónica, xa que logo, real e novelada do personaxe imaxinario que conformaban todos eles, tamén o autor, porque o itinerario por aquela Compostela ten moito de vivencia persoal do propio escritor. E como fío condutor, eixe e final desta década fascinada e optimista, Clangor, a explosión malfadada de Clangor. Así pois, Compostela convertida nun grande espazo hedonista no que conviven sesenta mil mozas e mozos universitarios, cuxa imaxe de comezos de curso non é o calendario senón o quorum; que se individualiza experimentado a súa propia liberdade, un hedonismo sen fechaduras, o espertar sexual, a revolución da moda. Que vive a explosión da literatura galega que tamén acrecenta a súa fascinación; que percibe a revalorización da arte (Atlántica), considerada asemade como material identitario, esteado porén na heteroxeneidade. Que asiste ao nacemento de formacións políticas e se identifica co feitizo dos seus líderes. Todo iso constitúe o cóctel hedonista do que fala o autor, deses anos oitenta en Compostela, unha época envolta no fume da explosión de Clangor, chanto final dun ciclo, de cuxa identidade tamén forma parte, malia o alén baleiro da súa mensaxe.

Antonio Piñeiro

Antonio Piñeiro

O autor achéganos unha visión, ao meu entender, demasiado optimista e eufórica daqueles anos, mitificados na súa escrita. É certo que nunha das secuencias do libro deixa constancia de que na Compostela dos oitenta non só se atopa Eros, senón tamén a súa consumación en Tánatos. As substancias, a droga tamén foron signos desa época. Non entanto, esas “bagoas de Eros” fican eclipsadas polos ouropeis da fascinación do hedonismo, do consumismo, da movida que enchen boa parte do libro. Pero Compostela tamén foi unha verdadeira baixada aos infernos para unha manchea de mozas e mozos. Recorridos forzados cara á morte daquela xeración que pagou un pavoroso tributo a aquel frenesí libertario, hedonista, de amor libre, droga, movida. Tamén este reverso pouco fascinante forma parte da memoria daqueles anos e constitúe un fito importante desa identidade. Época pois con luces e sombras. O libro de Antonio Piñeiro reflicte moito máis as primeiras que as segundas.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 24 de setembro de 2015)