Lois Pereiro literaturizado*

A palabra exacta. Biografía de Lois Pereiro

Antón Lopo

Editorial Galaxia, Vigo 2011, 185 páxinas.

 

 Poucas plumas con tantas credenciais no seu haber como a de Antón Lopo para achegarnos a biografía literaturizada de Lois Pereiro, o poeta que ventou a morte durante boa parte da súa existencia, pero que xamais deixou de crer na vida. Antón Lopo, desde a coordinación dos Suplementos “Revista das Letras” e “Chineses”, agasallounos coas imaxes máis fermosas e cos textos máis lúcidos verbo do poeta monfortino. As páxinas dos “Chineses” do mes de xuño de 1996 estaban dedicadas a Lois Pereiro. A recaída que segaría a vida do poeta o 24 de maio dese ano, abortou a cita. A entrevista pactada daquela aparece arestora en forma de libro. Unha biografía, A palabra exacta, que fende as pautas canónicas do xénero e nos abeira á existencia e á obra de Lois Pereiro, a partir de entrevistas  coas persoas máis achegadas a ese  corredor de fondo da vida e da escrita. É a palabra exacta da nai que nos transfire os fitos fundamentais da vida do fillo: a infancia que pasa comendo papas porque lle arrincaran os dentes de abaixo pola dor das enxivas; a derradeira etapa, un monte de ósos cuberto por una pel fina e a literatura convertida no seu último refuxio. O testemuño do irmán, que debuxa asemade a infancia de xogos, a educación recibida en castelán e o “galego antigo” que aprenden imitando aos feirantes monfortinos e reciben dos labregos do Incio. E a entrega de Lois á estética como agocho dun “dandy”, que moldea os seus espazos vitais de acordo cos impulsos da súa alma. Polas lembranzas de Piedade, o grande amor do poeta, a súa alma siamesa, sabemos que Lois escollera a vida e non as bibliotecas, que era un obseso da palabra xusta, da súa vocación “dandysta”, das viaxes iniciáticas, da intoxicación polo aceite de colza ata se converter nun esqueleto extravagante.

Antón Lopo

Antón Lopo dálle voz así mesmo á irmá, a Fernando Saco e Manolo Rivas, amigos e compañeiros do piso de Madrid, onde se practicaba un galeguismo libertario. Por eles coñecemos a adición á heroína, as tentativas de desintoxicación, a fuxida do tobo de Monforte onde tanto inzou a droga. E para alén destas “hemorraxias invisibles” e dos “erros cometidos na vida a contrafío”, Lois Pereiro e os seus poemas. Poesía existencial, por veces magoada – un entrelampo no medio da enfermidade, en palabras de M. Rivas – outras na que o verso agatuña con carraxe pola árbore da vida.

Este é o Lois Pereiro que, a través do calidoscopio de familiares e amigos, retrata Antón Lopo, afatándose do ton haxiográfico para detallar as pequenas e grandes miudezas que converten a vida dunha persoa en algo exclusivo, de seu. O xornalista monfortino, sen falsear a realidade, literaturiza con man mestra e de tal xeito a existencia de Lois Pereiro que o seu relato acaba atrapándonos como se fose ficción.

* Este texto foi publicado o día 20 de abril de 2011 no xornal El Correo Gallego. Para ver o orixinal pinchar aquí

 

Galaxia: vizosa colleita de narrativa no remate do ano ( I )

   Se alguén, alleo ao sistema literario galego e de maneira especial ao noso mercado editorial, ollase por primeira vez os andeis de novidades de calquera librería e tivese a ocorrencia de contabilizar as novidades que no eido da narrativa vén de poñer na rúa a Editorial Galaxia nas últimas semanas, sentiríase tentado a negar calquera indicio de crise no mercado editorial. Pensaría seguramente que as voces que diso falan entre os editores, non son outra cousa que infundados laios xeremíacos, sen base real. Porque, en efecto, nas últimas semanas, a Editora viguesa que cumpriu sesenta anos neste 2010, ofrécelle aos lectores galegos nada menos que nove títulos de narrativa nas súas dúas grandes coleccións de referencia: Literaria e Biblioteca Compostela. E tal cousa acontece nun intre no que editoriais como Anagrama, cun amplo prestixio en todo o mundo hispánico e cunhas expectativas de mercado, xa que logo, moito maiores, non ousan sacar a rúa máis ca catro títulos.

A relación de novidades en narrativa da Editora viguesa son por orde de numeración as que seguen:

Colección Literaria:

 *Futuro imperfecto de Xulia Alonso Díaz. Un relato a primeira vista sentimental e emotivo, pero que supón o reencontro, proxectado no futuro, coas experiencias  vitais dos mozos e mozas nas décadas dos 80 e 90  e as súas gozosas ou tráxicas consecuencias: o amor e a droga.

 *O imposible de desatar de Iván García Campos. Con este título o autor obtivo o Premio Blanco Amor deste ano e significa practicamente  o seu debut no relato de formato longo. A historia dunha familia, historia nutrida de accións, silencios e contradicións. Heroes anónimos nun tempo de crise como o actual.

 *Sunset Park de Paul Auster. Un chanzo máis na prolífica carreira do escritor de Brooklyn, o mestre das coincidencias azarosas. En Sunset Park  atopámonos de novo co mellor  Paul Auster, despois de certos baixóns de calidade nalgunhas das súas últimas entregas. Unha radiografía da vida socio – política de EE.UU e a súa crise económica actual, como pano de fondo dunha historia de amor e perdón, co béisbol como metáfora da América do presente século. Grazas, unha vez máis, aos responsables literarios de Galaxia por nos permitir gorentar en galego libros como os de Auster.

 *Obediencia de Antón Lopo. Case dez anos despois daquel exquisito e para moitos heterodoxo meiró literario que foi Ganga, retorna o xornalista de  Galicia Hoxe á narrativa cunha novela futurista na que a aventura, a ciencia ficción e os efectos perniciosos do control das mentes corren da man. Premio García Barros 2010 e sobre todo, cobiza e afouteza no deseño e planificación narrativa.

 *Cabalo de ouros de Víctor F. Freixanes. O regreso á narrativa do autor logo dun demorado silencio de máis de dezasete anos, cun proxecto cobizoso, unha envexable madurez narrativa e unha incursión  en novos rexistros. A memoria e o mundo de Vilanova de Alba nos anos duros do wolfram, ao compás dos cantares de cego.

 *Os fíos de Xurxo Sierra Veloso. Narrativa breve, mais non carente de intensidade na escrita dun autor que domina como poucos esa capacidade de tecer historias intensas en breves capítulos. Velaquí a historia de tres personaxes, que se acerca á intriga psicolóxica e na que o xogo de azares, ten un papel sobranceiro. Premio narrativa Breve Respsol 2010.