Madrigalegas e madrigalegos na literatura galega

 

Conciencia política e literatura galega

en Madrid (1950-2000)

Ana Acuña

Edicións Xerais, Vigo, 2014, 357 páxinas.

 

   Na colección “Memoria” de Edicións Xerais publica Ana acuña a súa tese de doutoramento, cuxo título orixinal foi Facer literatura galega en Madrid. A profesora da Universidade de Vigo estuda e debate na mesma o desenvolvemento dos grupos literarios e políticos galegos en Madrid nun espazo temporal que vai desde o ano 1950 ata o 2000. Un tema importante para a cultura de noso, que se viu obrigada a desenvolver unha boa parte das súas actividades, sobre todo no campo literario e en tempos de represión, alén das nosas fronteiras xeográficas. A autora estrutura o seu traballo de investigación en cinco etapas que corresponderían aos cinco tramos cronolóxicos nos que actúan os principais grupos con membros cunha certa cohesión organizativa entre eles.

   Ana Acuña, que forma ela mesma parte do último grupo das/dos madrigaleñas/os por cousa de súa vinculación á Universidade Complutense, escribe pois desde a experiencia do que significou facer política e literatura galega na capital do Estado. Na súa faceta como estudosa  do feito literario galego son salientables os traballos nos que analiza o labor das madrigalegas e madrigalegos na creación e desenvolvemento da revista Madrygal da Facultade de Filoloxía da Universidade Complutense. Na presente monografía, Ana Acuña intenta dar resposta á pregunta verbo do significado do feito de facer literatura galega en Madrid antes e despois da morte de Franco.

   En efecto, desde a súa pertenza e presenza no grupo Bilbao, realiza un pormenorizado estudo daqueles colectivos que mantiveron a galeguidade literaria e política en Madrid: Mocidade Universitaria Castelao (1952-1954), Brais Pinto (1958-1961, Seminario de Cultura Galega do Club de amigos da Unesco (1965-1969), Lóstrego, Irmandade Galega, Irmandade Galega-Lóstrego (1974-1986), Grupo Bilbao e outros colectivos (1996-2000).

   A autora “visa”, como ela di, e analiza estas cinco etapas de “historia vivida” da literatura e da cultura de noso en Madrid. O labor e as ilusións de tantas e tantos madrigalegas e madrigalegos que en circunstancias políticas non doadas foron capaces de erguer e manter un discurso literario galego xunto cunha conciencia político-linguística na segunda metade do pasado século: os seus comezos e propostas, os seus proxectos e estratexias, as estratexias, como tal,  para as xuntanzas grupais clandestinas ou semiclandestinas. Ana Acuña dá conta das estratexias de resistencia e tamén dos desafíos destes colectivos galegos, máis ou menos marxinais. Non lle interesan a autora tanto as vivencias individuais como as colectivas dos grupos que compartiron a opresión e tamén o discurso oculto.

   No seu estudo analiza en primeiro lugar, seguindo a Foucault,  a xeneoloxía do poder, neste caso o franquismo, como envoltura condicionante da historia literaria galega vivida en Madrid. En segundo lugar, as relacións que se establecen entre o centro,  a metrópole galega e a periferia madrigalega.

Ana Acuña

   Historia sociolóxica ou sociopolítica, esteada sobre todo en testemuños vivos  e directos, que intenta radiografar a actividade político-cultural e literaria das madrigalegas e dos madrigalegos  tanto no seu rexistro público como no oculto, aínda que prevalece o primeiro. Os membros destes grupos conformaron xeracións activas que cómpre coñecer para a comprensión do desenvolvemento da lingua e da cultura galega na segunda metade do século XX. A monografía de Ana Acuña, malia algún erro, será imprescindible a partir de agora para o seu coñecemento, e tamén unha incitación para estudos desta natureza noutros marcos xeográficos onde confluíron os galegos. Monografía erudita e ao mesmo tempo de lectura entretida por mor desa focalización biográfica que emprega a autora.