A NOVELA DO BISPO GONZALO ARIAS

San Gonzalo

Álvaro Cunqueiro

Edición e tradución de Teresa Monteagudo

Ir Indo Edicións, Vigo, 121 páxinas

(Libros de fondo)

 

En tradución de Teresa Monteagudo, Ir Indo Edicións rescatou para o lectorado galego un texto de Álvaro Cunqueiro, sen dúbida un texto menor, pero que se converte en importante por estar escrito por esa figura singularísima da nosa literatura. En efecto, San Gonzalo pertence á taleiga sen fondo de textos  de Cunqueiro aínda sen recompilar; textos escritos ou reescritos en castelán, e publicados  nesa lingua cos que o creador mindoniense sobrevivía á fame dos anos anos duros da posguerra. Asinado por Álvaro Labrada, un dos moitos pseudónimos que empregou Cunqueiro ao longo da súa vida, San Gonzalo apareceu publicado en castelán no ano 1945, editado pola Editora Nacional. Traducido no ano 2000 ao galego, significa a recuperación dun texto cunqueirán hoxe en día de non doada localización.

San Gonzalo é a historia /novela de Gonzalo Arias. Corren os tempos do latín místico, do século de ferro. A sede episcopal de Britonia, unha sede medio trashumante e que perderá o seu nome para tomar o dos monxes dumienses, fica vacante porque Rosendo deixa a súa cadeira para ir de abade a Celanova. Para substituílo, o pobo elixe a Gonzalo Arias, un fradiño de vinte anos que vira a Nosa Señora das Mazás na horta do mosteiro de Lourenzá, e escoitaba os violíns da corte celestial. Gonzalo será un bispo de comida sinxela e parva, amante do Ermo, a Tebaida de Ortigueira onde aprende a predicarlle aos peixes da ría, aos paxaros e animais da fraga, a vencer ao Demo máis de cen veces. E cando a onda viquinga, vermello e loito na súa divisa, escurece as costas lucenses e as xentes lle pregan a Deus aquel “a furore normandorum, libera nos domine”, a celeste e anxelical artillería afunde as naos dos guerreiros de Odín, respondendo ás oracións do bispo Gonzalo Arias desde a Agrela. A seguir, Gonzalo faise peregrino a Compostela, romeiro a Roma e palmeiro a Terra Santa, vivindo as fábulas da palmeiría a través dos camiños sombrizos ou desérticos e poirentos do ano mil, e entrando por veces en contacto coa materia de Bretaña ao atravesar a “douce France”, onde aínda resoa o eco do olifante de Roldán.

De Gonzalo fícanos a memoria dos seus sete milagres, a batalla naval contra os normandos, o baptisterio de San Martiño e un zapato branco con espigas de ouro bordadas, e que Álvaro Cunqueiro confesa ter collido e que agora ule a neftalina. Do intento biográfico do marabilloso fabulador mindoniense, o que fica é a novela dun santo e dun heroe popular do ano mil.

A potencia fabuladora de Cunqueiro que deixa as súas pegadas mesmo nun texto insignificante, reescribe, como xa dixen, a vida dun santo medieval nunha novela de corte marabilloso, na que páxinas e máis páxinas escritas desde o seu particular universo e querenzas narrativas, xúntase ao núcleo diexético orixinal, mesturando, coma sempre en Cunqueiro, o real e o lendario.

 

Álvaro Cunqueiro

Deste xeito, o que ao final reloce é toda a capacidade fantasiadora de Cunqueiro nunha mesturanza de fabulación e erudición, neste caso grazas sobre todo a una verdadeira enchente de textos litúrxicos e citas en latín. Por medio de trazos rápidos e seguros, a palabra de Cunqueiro recrea con grande vivacidade as idas, as vidas e os feitos milagreiros do bispo Gonzalo. Iso si, aconchegados polos rechouchíos  do xílgaro, do tordo malvís, dos arrolos da rula e o canto matinal e translúcido da laverca, xuntamente co aletear dos anxos de douradas ás e as visións de Nosa Señora das Mazás.

A tradutora foi quen de transplantar con propiedade á lingua de noso o léxico ricaz e moi variado que Cunqueiro emprega en castelán. E a versión non soamente se amosa atenta aos trazos lingüísticos, senón tamén aos xiros semánticos. Porén, unha nota de edición, ao meu entender responsabilidade da tradutora, pode sementar a confusión na mente dos lectores, ao dar fe da súa intención de conservar as voces típicas do léxico cunqueirán, alterando pola contra outros aspectos para acomodarse ás normas que entonces rexían da RAG / ILGA. Como se a edición estivese feita desde un orixinal galego que non existe en ningures.

Advertisements

Libros galegos para o mundo

Non é a primeira vez que unha editorial galega, que edita en galegoIcono de Mar Maior, rastrea territorios da edición en castelán. Fíxoo ocasionalmente Ediciós do Castro. Faino con traducións Faktoría K de libros (selo de Kalandraka), Pulp Books (selo así mesmo de Rinoceronte Editora). E edita directamente en español Editorial Trifolium, na colección “Litterae”.
Mais esta aventura que vén de dar as súas primeiras alancadas, semella, ao menos como proxecto e tendo en conta a súa primeira colleita, moito máis cobizosa. Refírome a Mar Maior, un selo da decana das editoriais galegas, a xa histórica Editorial Galaxia. Mar Maior nace coa vontade de ser unha fiestra galega aberta ao mundo a través dos libros, proxectando así a cultura de noso en outras linguas e para outras sociedades. Presente xa en España, Bruxelas e Bos Aires, e co propósito de chegar moi pronto a Montevideo, México DF, Sâo Paulo e Salvador de Bahia. Mar Maior traballa asemade con proxectos de coedición en francés, inglés e alemán, para navegar así nese mar maior que é o mercado global. Hai poucos meses que Mar Maior se presentou en sociedade. Arestora busca as complicidades de todos aqueles que coiden que a literatura galega é unha herdanza moi valiosa, que medra cada día e que cómpre difundila por outros lugares e mercados para convertela en patrimonio común.
Unha boa mostra é a brillante selección de nove títulos cos que Mar Maior inaugura a súa proposta editorial. Catro títulos que mestre da fabulación galega, Álvaro Cunqueiro, publicou en castelán (Vida e fugas de Fanto Fantini della Gherardesca, Flores del año mil y pico de ave, El año del cometa con la batalla de los cuatro reyes, Tertulia de Boticas prodigiosas y escuela de curanderos); un inédito de Emilia Pardo Bazán (El vidrio roto. Cuentos para las Américas. Argentina); a Historia de Galicia de Ramón Villares. E tres pezas de la actual narrativa galega, que contan co aval de lectores e críticos (Laura en el desierto de Antón Riveiro Coello, Circe o el placer del azul de Begoña Caamaño e Futuro imperfecto de Xulia Alonso Díaz.
Xa que logo, un aplauso cómplice a Mar Maior. Parabéns para unha iniciativa cultural de amplo alcance, e unha manifestación do desexo de que as súas singraduras por ese mar maior da edición internacional, noutras linguas e para outras culturas acaden colleitas farturentas e as súas xornadas sexan tan extensas e lonxevas como as do selo matriz: a viguesa Editorial Galaxia.

(Texto publicado o día 17 de xaneiro de 2015 no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal pinchar aquí)

Cunqueiro, destinatario

Cadernos Ramón Piñeiro XXVIII reducidoooooooooCadernos Ramón Piñeiro (XXVII): Cunqueiro, destinatario
Edición de Luís Cochón
Colaboración de Lorena Domínguez Mallo e Anastasio Iglesias Blanco
Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela, 2014, 152 páxinas.

Unha vez máis o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades pon na rúa, pero sobre todo nas mans dos lectores interesados na letra miúda da nosa historia literaria recente, un novo Caderno Ramón Piñeiro (Cadernos galegos de pensamento e cultura). Fai o número XXVIII e, como escribe o editor do mesmo, Luís Cochón, debe de ser lido como unha continuación natural do número XXIII, “na medida exacta na que o todo abraza á parte” (as cartas entre Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal). Recóllense pois neste número sesenta e oito cartas que teñen a Cunqueiro como destinatario, con orixe en trinta e cinco remitentes, e espalladas nun furco temporal que vai desde o ano 1949 ata 1979. Escribiu a primeira Eduardo Blanco Amor e a última das publicadas, Dionisio Gamallo Fierros. Non entanto, a edición recolle unha misiva escritas por Josef Kostohryz, un correspondente de Praga, en xuño de 1982 e outra da súa viúva (K.H) en outubro de 1986, dirixidas ambas as dúas a César Cunqueiro González-Seco.

Álvaro Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro

Non foi o mindoniense un gran conservador de correspondencia. Así por exemplo, do carteo entre Cunqueiro e Del Riego, o primeiro conservou dez cartas contra as noventa e cinco que atesourou Del Riego.
Os remitentes que achegan misivas a este epistolario son, entre outros, Francisco Fernández Del Riego, Eduardo Blanco Amor, Emilio Álvarez Blázquez, Ricardo Carballo Calero, José María Castroviejo, Aquilino Iglesia Alvariño, Ramón Lugrís, Isidoro Millán, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Prego de Oliver, Celso Emilio Ferreiro Sabino Torres, José Luís Varela… Chama a atención a que enceta o volume, escrita desde Milán por Salvatore Quasimodo o 12 de novembro de 1960, que foi motivada por un artigo no que Cunqueiro defende, desde a súa provincia distante, a Quasimodo, recente Premio Nobel, fronte ao sarcástico comentario de L’Osservatore Romano verbo da personalidade do galardoado.
Misivas carentes de unicidade temática, que responden a circunstancias distintas e particulares dos remitentes ou do destinatario. Saliento co editor, pola súa fermosura, a que Blanco Amor lle escribe a Cunqueiro en castelán, á beira do mar de Baiona, o 3 de xullo de 1949. A meirande parte deste epistolario está formado por cartas escritas en castelán, agás as de Carballo Calero, Plácido Castro, Del Riego, Celso Emilio Ferreiro, Aquilino Iglesia Alvariño, José Landeira, Ramón Lugrís e Otero Pedrayo.
A edición que respecta escrupulosamente os orixinais manuscritos ou mecanoescritos dun epistolario que se salvou das demoucas que Cunqueiro fixo dos seus papeis, “…para irse espindo das cousas que xa non son”, deita luz sobre moitos trazos vitais e literarios de Álvaro Cunqueiro, que son de grande utilidade para termos unha idea moito máis exacta e real da súa personalidade humana e literaria

Álvaro Cunqueiro, xornalista

 

O mundo que teño de meu

Álvaro Cunqueiro

Edición de Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger

Editorial Galaxia, Vigo, 2013, 268 páxinas.

 

   Préstolle hoxe a prometida atención a este volume de Editorial Galaxia, que fai o número once da “Biblioteca Álvaro Cunqueiro” e que nos achega unha boa parte da obra xornalística dese Señor das maxias e das palabras que foi o autor de Merlín e familia. Neste primeiro volume da obra de Álvaro Cunqueiro no seu labor como xornalista, os editores, Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger recollen os artigos en lingua galega que Cunqueiro publicou en xornais e revistas desde 1930 a 1980. Por constituíren un corpus completo, non aparecen neste volume as columnas que Cunqueiro publicou no Faro de Vigo, dos que poderemos gorentar nunha futura entrega..

   A presente compilación preséntanos os artigos de Cunqueiro agrupados por publicacións nas que o escritor de Mondoñedo colaborou entre esas datas de referencia ás que antes fixen mención: Vallibria (1930), Galiza (1931-1933), Yunque ( 1931-1932) A Nosa Terra (1933-1935), El Pueblo Gallego (1934-1936), Nós (1934), La Noche (1948-1949), Alborada (1954), Vida Gallega (1956, 1962), Galicia Emigrante (1957-1958), Grial (1966-1980), Ronsel (1975), Nordés (1976).

   Cincuenta anos de xornalismo, de columnas de opinión nun xornal de tiraxe diaria ou artigos culturais, escritos con máis fondura ensaística para revistas como Grial, Ronsel ou Nordés. Xornalismo de opinión ou cultural alicerzado en raiceiras literarias e que tamén forma parte dese senlleiro macrotexto composto pola obra poética, narrativa, dramática, xornalística e tradutora de Cunqueiro. O lugar central que as tres primeiras facetas  de Cunqueiro escritor ocupan na literatura galega, propenden a facernos esquecer as outras dúas actividades literarias, precisamente aquelas que exerceu durante máis tempo e dedicación.

   O presente volume pretende, xa que logo, saldar a débeda que a literatura galega ten con Cunqueiro xornalista en galego, xa que a súa produción no mesmo xénero en español atópase recollida desde hai anos en varias edicións.

   Na etapa de preguerra,  a meirande parte dos artigos recollidos neste volume, aparecen publicados no xornal vigués El Pueblo Gallego. Artigos de vital importancia, como manteñen os editores porque nos mesmos están presentes os alicerces fundamentais da futura prosa do escritor, sobre todo no eido ficcional. Artigos, como case que todos os de preguerra, puntuados por dous marcadores semánticos: a vangarda e o nacionalismo. As súas referencias verbo da arte contemporánea e a defensa da patria galega, aínda que Cunqueiro se amose como un galeguista conservador e católico. Esa sua Patria “cuios muros gardo e cuia lei defendo como calquera”, tal como escribiu chamando ao SI na campaña do Estatuto de 1936.

   Con outras palabras e tonalidades, escribirá Cunqueiro a partir da barbarie da Guerra. É o Cunqueiro franquista, sobre todo dos anos corenta, que non en galego, pero si en castelán exalta coa retórica que se adoita empregar nos réximes totalitarios, a entrada de Franco en Madrid.

Álvaro Cunqueiro

Endalí que nos artigos que, pouco a pouco, empeza a publicar en galego en La Noche desaparece, como é facilmente entendible, toda connotación política que, malia a súa ideoloxía conservadora, o podía comprometer en tempos perigosos, e o que predominan son prosas de carácter literario, recreacións históricas ou lendarias e mesmo traducións.

   Sexa cal for a opinión que, a estas  alturas dos tempos, cadaquén  pode ter de Cunqueiro, o que é certo é que con este volume o lector ten nas súas mans un amplo abano de prosas de moi distinta natureza que lle permitirán obter unha visión máis cabal e completa dun dos grandes das nosas letras, tanto na súa vertente persoal, na súa evolución ao compás dos tempos, como naqueloutra creativa que é, sen dúbida a que máis nos interesa.

Álvaro Cunqueiro en La Noche

“Los días” en La Noche

Álvaro Cunqueiro

Edicións de Luis Alonso Girgado e Lorena Domíguez Mallo

Colaboración de Anastasio Iglesias Blanco

Librería-Editorial Follas Novas, Santiago de Compostela, 2012, 488 páxinas.

 

   Se algo salta á vista nunha primeira ollada deste volume publicado por Follas Novas en edición encomiable de Luis Alonso Girgado e Lorena Domínguez Mallo, é o infatigable labor de Cunqueiro do que falan os dicionarios. No ano 1955 recoñecíase que aínda que xa existían algunhas recompilacións dos seus artigos de prensa en libros, a meirande parte dos mesmos aínda agardaban ser reunidos  en publicacións unitarias. Desde entón moito se ten traballado nesa liña, ata o punto de que os editores rexistran vinte e seis libros, en galego ou en castelán, que recollen artigos de Cunqueiro, publicados en diversos medios. Unha amplísima bibliografía,  xa que logo, á que arestora se lle engade este volume que recompila as colaboracións de Álvaro Cunqueiro no xornal santiagués La Noche, que desapareceu en decembro de 1967 dando lugar a actual cabeceira, El Correo Gallego. Cunqueiro como xornalista xerou exquisitas fabulacións “con tendencia á ucronía, (e) equilibrada mestura de humor e erudición” (Dicionario da Literatura Galega, I). Tocou os temas máis dispares e mesmo o erotismo non lle foi alleo e forma parte dalgunhas das súas colaboracións, como tal na páxinas eróticas de Bazaar  (1977-1979).

   Aínda que Cunqueiro pensaba que periodismo e literatura eran irreconciliables e confesou que foi xornalista por necesidade como un medio de subsistencia, recoñeceu, porén, que o xornalismo lle ensinara a arte da brevidade, da claridade e da sinxeleza. Hoxe é lexítimo pensar que os miles e miles de artigos en revistas e xornais e esa disxuntiva xornalismo / literatura non significou un atranco significativo no seu labor como creador literario. Remítome as súas obras.

   O xornal vespertino La Noche foi unha das incontables cabeceiras de prensa nas que Cunqueiro colaborou. La Noche foi un xornal  que en tempos difíciles soubo manter un talante galeguista baixo a dirección de José Goñi Aizpurúa  primeiro e máis tarde,  de Borobó. Colaboradores como Vicente Risco, Otero Predrayo, Filgueira Valverde, Méndez Ferrín, Cunqueiro…prestixiaron o labor do xornal santiagués. Por galeguista e tras a denuncia dun coronel de Ourense, tal como confesa Cunqueiro, foi prohibido e desapareceu o xornal compostelán .

   Neste medio colaborou activamente Álvaro Cunqueiro quer con artigos soltos, quer cos que integran a serie “Los días”, que son os que recolle este volume. Douscentos trinta e tres artigos publicados entre o 22 de setembro de 1959 e o 9 de outubro de 1962. Artigos todos eles en castelán, mais con frecuentes incrustacións en galego e un Postludio de Luís Cochón igualmente na lingua de noso. Artigos de temas moi variados, escritos moitos deles desde a maxia, que foi o motor de moitas de obras de creación literaria do escritor mindoniense. Con coexistencia do real e do soñado, do universal e do galego, e que non perseguen informar baixo criterios de actualidade, de signo exteriorista, senon dar conta de vivencias persoais e íntimas, nacidas baixo o pulo dunha lectura ou da lembranza dun libro escrito por el.

   Se ben Cunqueiro colaborou con revistas falanxistas e medios xornalísticos da ditadura, entre eles El Alcazar, estes artigos, agora recompilados,  están depurados dese xorne ideolóxico, proselitista e retórico, característica da súa escrita xornalística dos anos trinta e corenta. O que prima nestes artigos é a inmensa capacidade fabuladora do mindoniense, ao servizo da literatura xornalística. Artigos, pois, para embarcarnos a partir de temas cotiáns en singraduras fantásticas.

Álvaro Cunqueiro

   Paga a pena e é de xustiza salientar a edición de Luis Alonso Girgado e Lorena Domínguez Mallo, así como o Postludio de Luís Cochón. Os editores agasállannos  cunha ampla introdución  contextualizadora da obra xornalística de Cunqueiro e unha compilación moi preto do que é unha edición crítica, con profusión de anotacións ao pé de páxina. O Postludio de Luís Cochón afonda e reinterpreta algúns dos temas do labor xornalístico e literario  de Cunqueiro e as súas circunstancias. Da última das súas calas tiro esta referencia do amigo de Cunqueiro, Alberto Casal, que xustifica compilacións como esta: “Y sobra decir que los tuyos  revisados -los artículos- tienen un interés perenne que debe pasar de la hoja de periódico al tronco macizo del libro” ( páxina 434).

Saiban cantos estas cartas viren…

Cadernos Ramón Piñeiro (XXIII): Saiban cantos estas cartas viren Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal (1955-1961)

Edita: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela, 1012, 195 páxinas.

 

Acaba de ver luz este novo volume dos Cadernos Ramón Piñeiro, o terceiro deste ano que fai o número XXIII desde que no ano 2003 o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades sacaba á rúa  esta nova colección destinada a recoller certas partes descoñecidas do noso patrimonio cultural: bibliografías, homografías e epistolarios sobre todo.  Tal acontece coa correspondencia que intercambiaron Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal. O volume, que abre as súas páxinas cunha carta con glosa e escollo de Blanco Amor a Álvaro Cunqueiro datada no ano 1949, está contextualizado por unha Introdución de Luís Cochón e un prólogo de César Cunqueiro González Seco. O seu corpo central reproduce unha parte moi significativa da correspondencia nun período temporal de sete anos ( 1955-1961 entre  o escritor mindoniense e o notario vigués.

Segundo testemuña César Cunqueiro,  a relación de amizade entre Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal naceu nos primeiros anos da década dos cincuenta. Co paso do tempo xurdiría entre eles unha intimidade fraternal, xustamente reflectida neste epistolario. O notario e xurista vigués Alberto Casal e Álvaro Cunqueiro mantiveron en efecto unha longa relación de amizade. Foron dous amigos que formaron parte do que Méndez Ferrín chamou “o cenáculo vigués”. Estas cartas, como digo dan testemuño desa fonda relación entre ambos. Alberto Casal, “protector das artes e das letras”, coa súa xenerosidade e intelixencia foi para Cunqueiro, para a “soidade cunqueiriana”, un báculo providencial inestimable . Asemade, a presenza  de Cunqueiro na vida persoal e familiar do notario e o feito de ser este testemuña activa do nacemento e desenvolvemento da obra literaria cunqueiriana foi o pagamento co que Cunqueiro correspondeu ao xeneroso apoio durante trinta anos.

Como afirma Luís Cochón, nas cartas cruzadas entre os dous amigos está presente case que toda  a obra de Cunqueiro, “o pasado, o presente e ata o futuro das obras non nacidas”. O volume recolle esta correspondencia, aínda que cun certo desequilibrio: corenta e dúas cartas de Cunqueiro fronte a soamente dezaseis de Alberto Casal, descompensación explicable pola dilixente custodia das primeiras por parte de A. Casal, mentres que a correspondencia recibida por Cunqueiro debe a súa supervivencia non a dilixente conservación por parte do escritor senón aos vaivéns do azar.

Alberto Casal na casa dos Anxos. Foto de Noelia Souto

Poñen cabo ao caderno tres contos da autoría de Álvaro Cunqueiro, recollidos do libro Jordán escondido y otros cuentos (Madrid, 2007) que contén seis contos escritos polos dous amigos co gallo do nacemento dos seus fillos a partir de 1966.

Oportuna pois a publicación deste volume que deita luz sobre unha fonda relación de amizade, do vivir diario coas súas angueiras, alegrías e preocupacións de dous amigos durante uns anos que fuxiron como “un vuelo de pájaros en un cómaro” (páxina 81). E dá noticia sobre todo do proceso de creación dunha das máis importantes obras da nosa literatura, composta por un escritor de “bolsa pobre”, mais de abondosa e ricaz imaxinación.

Xulgar a Cunqueiro polas súas obras

 

MICRO ENSAIOS LITERARIOS

 

Unha verdadeira bategada de estudos, artigos, homenaxes, reedicións asolagaron o país, tanto no ano 2001 co gallo dos vinte anos do pasamento de Álvaro Cunqueiro, como no 2011, ao se cumpriren os cen anos do seu nacemento. Benvidas sexan estas augacións literarias, entre as que non carece de relevancia aquel Remuíño de prosas que publicou o Centro Ramón Piñeiro e que no seu día comentamos aquí. Publicacións en acordanza e honra,  a meirande parte delas, do señor das palabras máxicas, que abrollaron por todas partes.

Mais dentro das canles da nosa memoria fican aqueles episodios bochornosos, as protestas do ano 1980, cando Cunqueiro foi nomeado  doutor honoris causa pola Universidade de Santiago. E no máis fondo das nosas lembranzas tamén se asenta aquela valoración gratuíta que se facía por entón e en anos anteriores da escrita de Cunqueiro. Foi o que alguén naquelas datas chamou  o “purgatorio”, no que depurou os seus pecados Álvaro Cunqueiro. Por ser escritor bilingüe, por ter escrito ou pronunciado algúns eloxios ocasionais á figura do Ditador (¡como tantos outros para poder sobrevivir!). E nomeadamente por non escribir unha literatura nacionalista ou comprometida. Eran tempos nos que á literatura se lle esixía o que non lle corresponde. E desde estas medicións e paralaxes, a literatura de Cunqueiro foi vista necesariamente como literatura “evasionista”.

Esa gran referencia crítica da literatura galega que foi Carvalho Calero, ao final e malia non ter esquecido nunca o carné de prensa do escritor, entendeu a figura e as circunstancias vitais de Cunqueiro. Nos anos nos que Cunqueiro era tirado non ao purgatorio, senón aos avernos,  a ollada de Carvalho Calero soubo decatarse de que Cunqueiro era un escritor “profesional” e que daquela tiña que escribir en castelán, porque a profesión de escritor e xornalista en galego non daba, nin dá arestora, para vivir. Son moitos os escritores que escriben en castelán, prosegue Carvalho Calero: “Caxeque todos os escritores estudiados nesta Historia (a Historia da literatura Galega Contemporánea, 1975) teñen algunha obra en castelán (…) Cunqueiro é unha figura importante dentro da literatura en castelán, mais tamén o é dentro da literatura en galego”.

Na actualidade todos aqueles que tentan xulgar a literatura galega sen somergullala en padróns extraliterarios  (a miña mente vén o excelente estudo de Manuel Forcadela, Mecánica da maxia. Ficción e ideoloxía en Álvaro Cunqueiro, 2009), decátanse de  que a escrita cunqueirá non é evasionista, senón “unha aposta pola imaxinación, o soño e o mito como realidades superiores, capaces de liberar ó home do labirinto da súa existencia cotiá” ( Diccionario da Literatura Galega, I,160).

Cómpre pois reler a Cunqueiro desde o interior das súas obras, atendendo unicamente  ás leis internas da propia literatura. Os claroscuros que sen dúbida existen  na vida de Cunqueiro, non deberían influír á hora de valorar as páxinas por el escritas, a munificencia e a maxia  das verbas do fabulador do cotián, do trobador dos sentimentos, como alguén dixo nunha das homenaxes do ano 2001.

Mais o acontecido con Cunqueiro, amósanos, máis unha vez, que é necesario agardar  a paréntese que o acabamento dunha existencia pon entre vivos e mortos, para que o maniqueísmo, o sectarismo e todas as miserias humanas non contaminen os xuízos que decote facemos das producións literarias por cousa do persoeiro que está detrás das mesmas. A alcabala que hoxe se lle rende á obra literaria de determinados autores, situados en todos os espectros da vida política ou mesmo fóra da mesma, nada ten que ver coas antes amentadas leis internas da literatura, senón con xenreiras persoais, con desavinzas viscerais, cun manifesto partidismo, que en vez de facer un axuste de contas co personaxe, faino coas súas obras. E como é obvio, aquelas non se defenden, son mudas.