Nunha armazón de aventuras

O beatoO beato

Alfredo Conde,

Edicións Xerais, Vigo, 2016, 228 páxinas, 17 €

    Publicada primeiro en castelán (El beato, Ed. Algaida), logo de ter gañado  a 62ª edición do Premio de Novela Ciudad de Valladolid, o segundo máis lonxevo da literatura española, Edicións Xerais ofrécenos arestora a novela de Alfredo Conde na lingua de noso: toda vez que nin na referida edición castelá nin tampouco agora, na galega, figura calquera mención á figura dun tradutor ou autotradutor, resulta difícil afirmar en cal idioma foi redactada orixinalmente a narración.

En todo caso, o vórtice textual verbo do que xira a novela é a traxectoria vital, contaminada sen dúbida pola lenda, dun personaxe histórico que, na ficción, recibe o nome de Frei Xiao de Chaguazoso, pero que en realidade corresponde a un colonizador e freire franciscano, o beato Sebastián Aparicio Prado, natural de A Gudiña, que no ano 1533 arriba a Nueva España polo peirao de Veracruz e instálase en Puebla de los Ángeles, e máis tarde na cidade de México. Analfabeto como era, dedicouse á laboura agrícola, adaptando asemade os camiños mexicanos ao carro galego. Levou a cabo outras empresas que lle produciron unha notable prosperidade. Contraerá matrimonio en dúas ocasións, co infortunio de que as súas parellas morreron aos poucos meses. Viúvo e sen fillos, decide facerse freire franciscano. Porén, antes de profesar na Orde, terá que demostrar a súa capacidade física actuando como servente no convento das clarisas de México. Con fama de santo, falece en 1600. A instancias do rei Felipe III, foi beatificado en 1789. E tanto na súa vila natal como en Puebla de los Ángeles, onde se conserva o seu corpo momificado, está considerado patrón dos automobilistas e transportes terrestres.

Este é o personaxe real cuxa vida triangula Alfredo Conde por medio de evocacións, ganduxando unha historia curiosa e atractiva. A fía condutora son as láminas, un suposto manuscrito esquecido nos bancos dunha igrexa, da autoría de Frei Tadeo de Aguadilla. O beato non é unha haxiografía senón ficción, unha historia, tal como o autor afirma nun texto introdutorio; e as historias son como se contan, non como se pensan, á marxe de que teñan sido ou non reais. Con todo, O beato no carece de rigor histórico; é froito de varios anos de traballo de documentación, o que lle permite ao autor encadrar unha historia verosímil, mergullada nunha armazón de aventuras nunha terra poboada por fidalgos vidos a menos, freires desexosos de gañar o ceo a base de moitos bautizos de indios, matóns, proxenetas, militares sedentos de gloria. Todos eles movidos polo egoísmo.

En O beato reproduce Alfredo Conde algúns dos trazos estruturais da súa escrita de ficción: unha arquitectura binaria que lle consente inventar lembranzas enfrontadas co relato obxectivo da realidade. O autor, xa que logo, inxecta abundante ficción nos contextos históricos. Unha vulneración da historia que non agocha Alfredo Conde, mesmo por boca do seu protagonista. Por esa razón, non é esta unha novela histórica, xa que a ficción, como marcador semántico, transforma todo o que toca, converténdoo en ficción. Mais O beato ilustra de xeito fermoso a historia.

 

Alfredo Conde

Alfredo Conde

A novela alberga no seu interior un monllo de historias, algunhas delas abeberadas   nas tradicións e crenzas galegas. Tamén na nosa historia e no paganismo galego, malia que o seu desenvolvemento teña lugar, na súa meirande parte, en territorios de alén mar. A voz narrativa é a do mesmo personaxe, o beato, e faino desde o presente actual, tan actual que mesmo fai acto de presenza o fundador dos lexionarios de Cristo.

Atrévome a dicir finalmente que, na miña estima, O beato é a novela máis irónica e sarcástica de Alfredo Conde.Unha tonalidade retranqueira que é un plus engadido pata unha lectura instrutiva e ao mesmo tempo amena.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 27 de outubro de 2016)

A ficción de Frei Xiao de Chaguazoso

O beatoO beato

Alfredo Conde

Edicións Xerais, Vigo, 2016, 228 páxinas

    Alfredo Conde é un narrador importante tanto no sistema literario galego como no español. A súa ampla obra narrativa, escrita na súa meirande parte en galego e traducida ao castelán case sempre polo mesmo escritor, así o confirma. Pezas súas de indubidable calidade son, entre outras, Xa vai o Griffón no vento, Premio Nacional de Literatura, Breixo, Premio da Crítica. A saga familiar da familia Carou nas súas idas e retornos na emigración venezolana (Sempre me matan, O fácil que é matar); e ese  chanzo importante na construción da así chamada novela histórica galega (Azul cobalto. Historia posible do marqués de Sargadelos). A súa última e recente novela leva por título O beato. Foi editada igualmente en castelán, e gañou a 62ª edición do Premio de Novela Ateneo Ciudad de Valladolid, o segundo máis lonxevo da literatura española.

Xa que logo, sen nada que demostrar tanto nunha narrativa como na outra, Alfredo Conde novela nesta peza, rotulada cun título moi sinxelo, varios planos -láminas, segundo o autor- da traxectoria vital, contaminada sen dúbida pola lenda, dun personaxe histórico que na novela recibe o nome de Frei Xiao de Chaguazoso, pero que en realidade corresponde a un colonizador e freire franciscano, o beato Sebastián Aparicio Prado, natural de A Gudiña, que no ano 1533 chega a Nueva España polo peirao de Veracruz e instálase en Puebla. Analfabeto como era, dedícase á agricultura. Adaptou asemade os camiños mexicanos ao carro galego, abre vías de comunicación entre a cidade de México e Zacatecas. Empresas que lle producen unha notable prosperidade. Máis tarde compra terras, faise terratenente en Azcapotzalco e Chapultec, onde se supón que instituíu  a festa do Día dos Mortos. Por dúas ocasións contraerá matrimonio, co infortunio de que as súas mulleres morren aos poucos meses. Viúvo e sen fillos, decide facerse freire franciscano, mais antes de profesar, terá que probar a súa capacidade física actuando como criado no convento das clarisas en México. Finalmente, e xa como freire franciscano e con fama de santo, falece  en febreiro de 1600. A instancias do rei Felipe III, foi beatificado en 1789. Tanto na súa vila natal como en Puebla de los Ángeles, onde se conserva o seu corpo momificado, está considerado patrón   dos automobilistas e transportes terrestres.

Este é o personaxe real cuxa vida e aventuras reconstrúe Alfredo Conde, por medio de evocacións e ganduxando unha curiosa e atractiva historia. A fía condutora son as láminas, un suposto manuscrito esquecido nos bancos dunha igrexa, da autoría de Frei Tadeo de Aguadilla.

O beato non é unha haxiografía, senón ficción, unha historia dise nun texto introdutorio, e as historias son como se contan e non como se pensan, teñan sido ou non reais. Porén, O beato non carece de rigor histórico. É o froito de varios anos de traballo de documentación.

Comeza a narración co relato dunha epidemia de peste, xurdida na afastada Colonia, que entra nas aldeas galegas e asola a “terra de nación” o mesmo ano do nacemento do cativo Xiao, que é vítima do contaxio bubónico. Abandonado nunha palleira, preto da casa familiar, unha loba, un anxo, os beberaxes da meiga de Esculqueira, ou o propio frío invernal cúranlle a enfermidade. Labrego e pegureiro, traballará coma un cabrón. E a unha idade imprecisa, decide encamiñar sos seus pasos cara ao Novo Mundo, logo de fuxir dos reclamos sexuais dunha rica viúva salmantina, e doutras mozas que se interpuñan na súa vocación de célibe. Inicia así a aventura no vicerreinado de Nueva España, sementando terras a cambio de dezmos, fabricando ferramentas para os labores agrícolas, levantando currais para domesticar o gando cimarrón, alimentando ben os indios para que traballasen a cambio de nada, ou construíndo o primeiro carro mexicano, adaptación do galego, que lle xerará unha grande fortuna. E “civilizando” así mesmo os feroces chichimecas.

Encadéase así a historia da vida do personaxe glosado nas estampas de Frei Tadeo de Aguadilla, unha armazón de aventuras e acontecementos nunha terra poboada por fidalgos vidos a menos, freires desexosos de gañar o ceo a base de bautizos de indios, militares sedentos  de gloria, matóns e proxenetas. Todos eles, incluído o protagonista, movidos polo egoísmo. Porque, como amosa Alfredo Conde, a ilusión das Américas atrapou  o corazón de miles de españois que, como Xiao, saían do peirao de Sanlúcar de Barrameda. Homes dispostos a ganar a vida, a facerse ricos. Endalí que fosen abondas as intrigas e as loitas polo poder, actos disparatados  para satisfacer cobizas, traizóns, asasinatos. Alfredo Conde non libera o seu personaxe, que se fai inmensamente rico, destas humanas servidumes, nin tampouco do fornicio, como, pola contra, o queren presentar as láminas do seu correlixionario franciscano, xa que a india Axaycatl / Lubiana, agasallo do pai da rapaza, fai que se esqueza do seu pene que é un colgallo, por mor das lambetadas da loba ou as mordidas das ratas, e probe o froito prohibido ata sentir a vida no seu ventre. Un matrimonio cunha  moza “virtuosa”, unha muller con ollos azuis  e corazón negro, que pronto finará asfixiada, e outro cunha mestiza, falecida igualmente de forma prematura, incapaces as dúas de vulnerar a castidade de Xiao, pechan o ciclo da vida secular de Xiao, e abren a segunda parte na orde franciscana na que profesa como irmán leigo, xa que segue sendo analfabeto.

En O beato, Alfredo Conde reproduce algúns dos  trazos estruturais da súa escritura de ficción: unha arquitectura binaria, que lle permite inventar lembranzas, enfrontadas co relato obxectivo  da realidade. É dicir: o autor inxecta abundante ficción nos contextos históricos. E non o agocha. En máis dunha ocasión, alude o autor, por boca do seu protagonista, a esa vulneración da historia. Esa é a súa obriga como novelista. Mais por iso mesmo non é esta unha novela histórica. En puridade non existen novelas históricas. Apelo, máis unha vez, ao dictum de Álvaro Pombo: a ficción é un marcador semántico que transforma todo o que toca, converténdoo en ficción. Pero O beato explica e  ilustra  de xeito fermoso a historia. Ese é o seu gran mérito.

Por esa mesma razón, a novela é unha gran historia que alberga no seu interior outras moitas historias, como a do carpinteiro ebanista alaricano Aser Seara que axuda a Xiao  na construción dos carros, a do vidreiro  ao que vence e perdoa, a da relación amorosa coa doce chichimeca, a presenza e avatares de Hernán Cortés, reivindicado na novela, as dos casamentos do protagonista…

 

Alfredo Conde na presentación da edición en español de "O beato"

Alfredo Conde na presentación da edición en español de “O beato”

A voz narrativa é a do mesmo beato que glosa os debuxos do promotor da súa beatificación. E faino desde o presente actual. Tan actual que mesmo fai acto de presenza o fundador dos lexionarios de Cristo. Novela intensamente galega, malia que o seu desenvolvemento teña lugar, na súa meirande parte, en territorios alén dos mares, co presenza de meigas, bruxas, a Santa Compaña, a santa Estadea do Mar, a matanza do porco, o salto das nove ondas, a libre sexualidade (a fornicación para os galegos non era pecado), o paganismo galego, a castración e doma do reino de Galicia, as referencias ás visitas do Santo Oficio para mitigar o exercicio da fornicación e controlar asemade  o comercio de libros eramistas e luteranos.

Atrévome a dicir finalmente que O beato é a novela máis irónica e sarcástica de Alfredo Conde. Velaquí unha mostra de esa tonalidade retranqueira, un plus engadido para unha lectura non só instrutiva, senón tamén amena: “… exercitándose  nun costume que aínda se mantén hoxe en España, a dos proxectistas do XIII: a de peritos en todo e traballadores en nada, ociosos contempladores das vicisitudes alleas” (páxina 67).