As reais e fabulosas historias dos Gotten

 

Os Gotten

Alfonso Álavrez Cáccamo

Edicións Xerais, Vigo, 2014, 107 páxinas.

    Os Gotten, concédenos Alfonso Álvarez Cáccamo na primeira das introducións xenealóxicas que preceden ás once historias que vertebran este pequeno volume, son ou foron unha xenerosa familia afincada en Galicia desde a segunda década do pasado século. Unha familia inventada pero moi semellante á do propio autor, á  que lle rende homenaxe na dedicatoria do libro, e que por parte materna tamén viña de fóra. Os once relatos que nos ofrece o autor, dan conta, na meirande parte dos mesmos, das relacións dos Gotten con outras familias viguesas e, nomeadamente, dos sucesos que nos nosos días lle aconteceron aos descendentes, que, por certo, na cuarta xeración, algún deles leva os apelidos Álvarez Cáccamo. Están presentes, xa que logo, nas distintas tramas moitos elementos biográficos e autobiográficos. E como artificio na procura de verosimilitude, o autor bota man do recurso do relato oral ou escrito, cartas ou gravacións que o autor recibía dos protagonistas, e mesmo algún deles aceptou “ser maltratado verbalmente” nalgún relato.

   Unha ducia escasa de historias, algunhas delas reais, retrato á vez verdadeiro, imaxinario  e fantástico dun clan familiar, seres de carne e óso, cos seus erros, tolemias ou rarezas, amalgamadas, iso si como xa fixera en anteriores obras, polo nexo de seren os seus protagonistas ou personaxes que interveñen nas historias, membros da familia Gotten.

   Reitero, máis unha vez, que Alfonso Álvarez Cáccamo é un grande inventor de historias, historias artelladas e moduladas por ese almagre que é a ironía, a parodia, o humor cínico, carnavalesco, bakhtiniano por veces. E estas historias que o autor tira do seu maxín toman forma en verdadeiras alfaias narrativas como son entre outras o primeiro relato: “Adicción”: o bo desenvolvemento da narración faille pensar ao lector que o fillo da protagonista anda enviciado pola adicción dunha desas merdas de droga. Mais a súa drogadicción é a lectura. A receita do eminente psicólogo é todo un monumento  ao humor paródico e satírico. De seguiren as cousas así por parte das Autoridades Académicas e Culturais a receita converterase algún día nunha triste realidade. “Temperatura corporal” é unha xolda que mestura o fantástico co real, verbo das receitas para mellorar a alma e dos remedios químicos para quentar o corpo.Outros relatos merecentes da atención lectora son “O labirinto”, un relato que, narrado nun ton coloquial, achéganos a brincadeira fantástica.do morto que volve do alén para celebrar o aniversario do seu pasamento. Contos que tamén se moven polos vieiros da fantasía, son os que levan por título “A noite en que Carlos Gotten desartellou Antares” (o intento dun tipo rarísimo de manipular estrelas); “Patadas ás pedras” (sobre a vida animada e vingativa das pedras); “O anano invisible” (as falcatruadas que un anano de idade indefinida lle fai a unha viúva da estirpe dos Gotten). Con todo, a perspectiva irónica deixa paso á heroicidade  na Guerra do 14, heroicidade non buscada e que se produciu por puro accidente  no conto “Cartas ás fillas”.

Alfonso Álvarez Cáccamo

   Fantasía, retranca, ironía, personaxes un chisco marxinais e moi raros; máis antiheroes que heroes, certas doses de crítica social. E tamén historias verbo de cousas máis serias como a morte que o autor desdramatiza. Historias nas que, por veces,  a realidade supera a ficción. Todo iso adubado con boa literatura: con oficio, enxeño e sabenza narrativa: a fluidez lingüística que emana duns textos  articulados  por una autor experimentado, capaz de facer estourar todos os extravíos imaxinarios e fabulosos, sen aparentemente elevarse do mundo cotián.

Oficios do Destino

O destino de Clarescura Lens

Alfonso Álvarez Cáccamo

Biblos Clube de Lectores, Cesuras (A Coruña), 2012, 88 páxinas

 

 

Alfonso Álvarez Cáccamo, malia a súa escasa produción editorial nos últimos anos, é unha das referencias destacables da narrativa galega contemporánea. Éo sobre todo porque o escritor vigués é un grande inventor de historias, de mundos máxicos adobiados por unha sorte de linfa satírico-xocosa que o autor controla con mestría, como acreditan novelas da súa autoría como As baleas de Eduardo Reinoso ou O Espírito de Broustenac. A súa creatividade, traducida na particular literariedade do escritor, incorpórase arestora á colección Mandaio da Editorial Biblos.

E faino cunha novela breve que traslada o lector a comezos do pasado século, logo de que os socrutos invadiran o territorio da República de Inmeria, no que instauran unha feroz ditadura. Aos poucos anos nace nunha aldea perdida entre as montañas unha nena. As estirpes rivais das que procede, inmeriáns e socrutos, que seguen enfrontados, discuten a preeminencia dos apelidos, mais aceptan a solución que elixe o sabio Osurac que tamén elixe o nome de Clarescura, convencido de que tal nome conformrá o Destino: medio boa e medio mala. E o Destino, xaora, comeza a velar pola existencia da meniña, coa particularidade  de que é un ser corpóreo, vive nunha cabana e leva mal a conta da súa idade. Oniso é o seu nome. Axexa tras as fiestras e faise o encontradizo para cumprir a súa encomenda: ser amigo e protector da nena Clarescura. O escritor encoméndalle ademais o papel de ser a voz narrativa, contando os acontecementos en primeira persoa.

Alfonso Álvarez Cáccamo

Con pingas ben dosificadas de humor e ironía e un hábil emprego de abondosos semi-palindromos para caracterizar os personaxes, A. Álvarez Cáccamo mergúllanos nunha entretida trama -o remuíño de acontecementos nos que se desenvolve a existencia de Clarescura Lens- pero sobre todo nun relato no que a tonalidade principal vén marcada polos trebellos do Destino (O Sino) que desenlea a madeixa dos acontecementos, provoca por veces cousas estrañas ás que avaliamos como casualidades que algunhas veces comportan consecuencias tráxicas e outras son os alicerces da felicidade presente ou futura.

(Texto publicado o día 6 de setembro de 2012 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)