Mordaz aventura psíquica*

 

O forasteiro misterioso

Mark Twain

Tradución de Alejandro Tobar

Editorial Hugin e Munin, Santiago de Compostela, 2012, 148 páginas

 

 

 

Como pano de fondo da obra de Mark Twain cómpre ter en conta a grande expansión e popularidade da narrativa norteamericana, que acadou no século XIX a súa idade de ouro. Unha literatura xeralmente puritana, cuxo contrapunto  é sen dúbida o escritor nado xunto ao grande río, que se converteu no crítico máis radical daquela Norteamérica e en expansión, nomeadamente na novela As aventuras de Hucleberry Finn.

   O forasteiro misterioso publicada de forma póstuma, é en realidade a compilación de varios textos escritos polo autor, historias fragmentadas verbo dun neno que era visitado por un estraño ser sobrenatural.

Mark Twain

Inverno de 1590, ese insólito personaxe chega por sorpresa a unha aldea de Austria. Chámase Satanás e comeza a facer cousas prodixiosas, poñendo patas arriba á veciñanza, non só pola grandiosidade dos seus espectáculos, senón sobre todo pola súa teima en ridiculizar  a condición humana, moito máis salvaxe para el que o mundo animal.

Cunha profusión de imaxinación que vai máis alá da literatura fantástica, Mark Twain  mófase dos ritos relixiosos e da crueldade social, botando man dun humor agre e corrosivo, acadando no último capítulo un esmagante nihilismo. Xa que logo, unha aceda reflexión sobre a natureza humana erguida coas ferramentas da sátira e a través dunha aventura psíquica.

 

* Texto publicado o  día 14 de xuño no suplemento Faro da Cultura, páxina VII, do xornal Faro de Vigo.

Le soir sur la lagune*

Venecias

Paul Morand

Tradución de Alejandro Tobar

Editorial Hugin e Munin, Colección XX, Santiago de Compostela, 2012, 172 páxinas.

 

 

Venises (1971) que aparece arestora traducida ao galego por Alejandro Tobar, foi escrita por Paul Morand en Suiza onde sufría a depuración  por ter sido diplomático do goberno de Vichy. Alí, vivindo das castañas, escribe as súas obras mestras, cunha escrita núa, afiada e nun “tempo plano”. Morand agasállanos nesta obra cunha recreación de Venecia e un retrato do artista actual, co pano de fondo dunha cidade irrepetible, para enxergar o verdadeiro significado da beleza, o tributo dun home moi cultivado a un mundo que se afundía con moita máis celeridade que a propia Venecia.

Retrato de Paul Morand

Venecias son relatos de vida  sen unha directa relación entre si. O autor recrea na súa escrita o mundo veneciano desde as viaxes en compaña dos pais nos primeiros anos do século  XX -Italia daquela foi para el como o corpo dunha muller- ata o seu adeus a comezos dos setenta. Revisión, pois, da vida dun home culto e refinado desde as perspectivas  das súas estadas na cidade. A prosa insinuante, ateigada de pingas de ironía, fai de Venecias a mellor guía para recorrer Venecia ou soñar con ela.

* Texto publicado o día 31 de maio de 2012 no sumplento Faro  da Cultura, páxina VII, do xornal Faro de Vigo

Dura ciencia ficción*

Cita con Rama

Arthur C. Clarke

Tradución de Alejandro Tobar

Editorial Hugin e Munin, Santiago de Compostela, 2012, 296 páxinas.

 

 

Arthur C. Clarke é un dos grandes clásicos do chamado “xénero de ciencia ficción dura” e Cita con Rama, unha obra de referencia, caracterizada polo estrito rigor científico acadado polo autor, explicable pola súa formación físico-matemática.

Arthur C. Clarke

Logo dunha catástrofe ao bater coa terra un meteorito, os humanos deciden instalar un sistema de detección temperá contra estas ameazas. Anos máis tarde, dispárase a alarma ao ser localizado un obxecto bautizado co nome de Rama, que viaxa a grande velocidade. Un comité científico toma a decisión de interceptalo.

Arredor desta historia futurista constrúe Clarke unha novela que non está orfa de imaxinación alicerzada en coñecementos científicos. O autor constrúe asemade un relato fluído, coherente e optimista, gabando os beneficios do progreso tecnolóxico sen outras consideracións. Na novela non aparecen solucións milagrosas; xa que logo, un final aberto que deixa sen revelar a meirande parte dos segredos de Rama, é un dos trazos positivos desta novela que, como texto narrativo, ten a súa principal eiva no deseño e na nula evolución dos seus personaxes.

* Texto publicado o día 10 de maio de 2012 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo

Bukowski e o agochado debaixo da alfombra

Servizo de Correos

Charles Bukowski

Tradución de Alejandro Tobar

Editorial Hugin e Munin, Santiago de Compostela, 2011, 202 páxinas.

 

Post Ofice, Servizo de Correos na tradución ao galego da Editorial Hugin e Munin, foi a primeira novela de Charles Bukowski, escrita aos cincuenta anos, logo de abandonar o servizo americano de correos. A novela, ao igual que as cinco que o escritor publicou despois desta, ten como protagonista  a Hank Chinaski, antiheroe e alter ego do propio autor. Bukowski logra nesta primeira novela crear un gran tipo, un antiheroe, cunha escrita que é un verdadeiro paradigma do realismo sucio, no sentido literario e literal. O realismo sucio (“Dirty realism”), é, segundo se soe afirmar, un forma de escribir que nada ten que ver co lixo, coa grosería nin con personaxes fedorentos, senón co emprego dunha linguaxe sinxela, usando os mínimos recursos (endalí o nome de minimalismo co que tamén é coñecido) para contar historias cotiás, sen engadir enfeites formais, fuxindo do didactismo e deixando as historias sen pechar.

Aínda que non foi Bukowski o creador do realismo sucio, é xunto con Raymond Carver, Richard Ford ou Tobias Wolff un dos seus grandes referentes norteamericanos.

Non deixa de ser curioso e típico de burocracia estadounidense a orixe desta novela. En 1968 os supervisores do servizo de correos decatáronse  de que Charles Bukowski era o autor de varios artigos obscenos publicados nunha revista. O que fixeron foi interrogar a Bukowski, esculcar na súa vida e, por ser un funcionario do goberno, informar ao FBI, que abriu un expediente. Ao remate, máis que a “baixa categoría moral”, foi o absentismo o que terminou co emprego de Bukowski na estafeta  de correos. O seu amigo John Martin, editor de Black Sparrow Press propúxolle que por un salario de cen dólares mensuais se dedicase só a escribir para a súa editorial. Foi así como o arquivo 140-35907 deu paso á primeira novela de Bukowski, Servizo de Correos.

Bukowski é un escritor eminentemente biográfico. O que relata en Servizo de Correos son os cerca de doce anos que sobreviviu á xungla urbana, empregado nunha sórdida oficina de correos de Los Angeles. Hank Chinaski é un nugallán e borrachuzas  que vive en Los Angeles de costas a calquera traballo. Pero un día, un colega de bebedelas comunícalle que están empregando a calquera que se presente na oficina de correos. Debido ás ganas de conseguir diñeiro e pensando que se trataba dun oficio doado e que ademais lle permitiría desafogar os seus impulsos sexuais con algunha das mulleres que pensaba atopar no reparto, presentouse e foi seleccionado. A novela conta a historia destes anos traballando como carteiro. Os seus días de resaca, os exabruptos  cos xefes, a súa obsesión polas mulleres. Un retrato irónico, descarnado, a outra cara do soño americano, que fala sobre borrachos, prostitutas, infelicidade e desventuras, sendo el mesmo parte dese mundo. Doce anos polas rúas de Los Angeles, polos seus hipódromos, sorteando calamidades, mulleres aloucadas, lidando con constantes trancas e bebedelas.

Charles Bukowski

Unha divertida e á vez amarga sátira sobre o soño americano na que o escritor renuncia a todo aquilo  que non lle resulta imprescindible para a narración. Mínimas descricións, linguaxe lisa e plana, con personaxes que sobreviven como poden á desesperanza e á mediocridade. Bukowski logra nesta súa primeira novela non perder o control sobre o seu antiheroe; ás avesas, agasállanos coa figura dun gran tipo que nos descubre toda a varredura que se esconde debaixo de alfombra dourada de América. Charles Bukowski non só bebe todo canto pode, escribe todo canto pensa, sen disfrazar posturas misóxinas. Realismo sucio, espido, descoroado de atavíos formais, con historias rutineiras e vulgares. E, con todo, alta literatura.