CARNICERÍAS PATRIÓTICAS

Matar o héroe

Adolfo Caamaño

Editorial Galaxia, Vigo, 2019,439 páxinas.

 

O poeta e narrador Adolfo Caamaño, obtivo con esta novela Matar o heroe o I Premio Villar Ponte, organizado polo concello de Viveiro para honrar os valores cívicos dos irmáns Villar Ponte.Estamos nun tempo no que as vilas e concellos galegos dunha certa entidade organizan premio literarios propios, un feito loable para as nosas letras, como tamén o era a contribución de moitos deles ao premio por antonomasia dos concellos galegos, O Blanco Amor que case desapareceu pola falta de colaboración das nosas entidades locais.

Matar o heroe poderiámola considerar una boa novela se o autor eludise un cento de páxinas na primeira e segunda parte: peripecias e constantes reflexións sobre a identidade do protagonista que non lle engaden nada a historia principal e retardan o se ritmo.

Non resulta doado encadrar Matar o heroe nun subxénero canónico da narrativa. É asemade una novela de aventuras na Güiana francesa que se converte nunha crúa, realista e visceral visión da brutalidade da Gran Guerra, que un combatente lle lembra a un seu amigo, compañeiro e amante nas batallas por medio de cartas. Ao rematar a Primeira Guerra Mundial, na que Charles Bonne-Mort se converte en heroe sen pretendelo, queda feito un fargallo de home -un obús deixouno mesmo sen a súa masculinidade-. Instalado nunha pequena localidade, Ville-Nom-Inconuu exerce o seu oficio de experto taxidermista. Pero pronto sente que alguén o quere envelenar. Nese proceso, pasa por catro fases que marcan a estrutura da novela, segundo a cor que vai adquirindo a súa pel. Será en efecto o obxecto dunha trama de corrupción organizada polo alcalde, o médico e o cabo da vila. Un urdido certamente esperpéntico, descrito case con humor. A única persoa que lle axuda é unha moza indíxena, Sikái, unha experta feiticeira que o convence de que explore os seus camiños e que a morte tamén pode ser outro camiño. A novela é unha incontestable alegación contra a primeira guerra industrializada.

 

                   Adolfo Caamaño

 

Desde o seu altruísmo e véndose como un eunuco, o protagonista describe de xeito realista e vivido en propia en propia carne, a barbaridade da guerra ese “caprichoso meniño da guerra”-, a súa farsa ao gusto dos altos graos militares. Unha guerra acugulada de corpos rebentados na lama. As tropas de choque coloniais usadas como carne de canón;o desprezo da vida dos soldados que amosaban os xenerais galos.  Críticas así mesmo contra o militarismo e o colonialismo. O sarcasmo por parte do protagonista no relato do masacre masivo, a crítica dos heroísmos patrióticos e unhas pingas de humanidade son o mellor da novela.

(Publicado no xornal Faro de Vigo o 21 de novembro de 2019)