O Leviatán

 

El Leviatan

Joseph Roth

Tradución de Miguel Sáenz

Acantilado, Barcelona, 2013, 73 páxinas.

  O Leviatán é unha pequena obra mestra escrita por Joseph Roth ao ano seguinte da chegada de Hitler ao poder. Joseph Roth é un autor esencial da literatura alemá, sobre todo no período de entreguerras. Xudeu rural, desterrado tanto da súa terra como da súa lingua, a súa vida foi un exemplo paradigmáticio dun demorado suicidio provocado polo alcohol. Unha consumación da desventura na que se convertera a súa vida. Non entanto e malia estar mergullado en tanta turbulencia existencial, foi capaz de escribir excelentes obras de ficción, entre elas A marcha de Radetzky, sen dúbida a máis coñecida. Os libros de Roth arderán na fogueira despois de que Hitler acadase o poder. Mais da pira incendiaria nazi renacen con forza a figura e o prestixio deste grande escritor.

   Esta nouvelle, ganduxada con fina ourivería literaria, traslada o lector á pequena cidade de Progrody onde vive Nissen Piczenik, xudeu  artesán e comerciante de corais, polos que sente unha tenrura case que familiar. Porén, consonte coas tradicións xudaicas, cría que os corais son animais mariños, gobernados no fondo primitivo das augas polo Leviatán, mais con acendidos desexos de emerxer á superficie para seren traballados polos ourives e así adornar as fermosas labregas. Un día, turrado pola nostalxia do mar, viaxa a Odesa e aparece na súa vida Jenö Lakatos que abrira un bazar de corais moito máis baratos que os de Piczenik, corais artificiais feitos de celuloide.

  

Joseph Roth

E o diaño mételle na testa a idea de mercarlle algúns e mesturalos cos auténticos. Deste xeito, traizóase a si mesmo e, como consecuencia, o destino deixa de favorecelo, aínda que o seus tráxico final paradoxicamente supón unha realización das súas arelas: ver realizado o desexo nostálxico de fundirse  con aquilo ao que considera que pertence.

   Josph Roth escribiu esta breve fábula, que arestora edita Acantilado, cun      estilo sinxelo e directo, fermosamente pulcro. Unha historia perfectamente rematada que transmite con extraordinaria eficacia o ton dunha parábola talmúdica. Un breve e sutil apólogo que bota man de personaxes arquetípicos para explorar a complexidade do ser humano e postular a necesidade da autenticidade e a integridade persoal. A prosa de J. Roth ten a capacidade de comunicar por medio de insinuantes imaxes, unha verdadeira lección moral, na que o tráxico castigo por afastarse da propia autenticidade é asemade a consumación do máis íntimo devezo: afundirse nas augas mariñas

(Texto publicado o día 12 de xaneiro de 2014, no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver el orixinal pinchar aquí)

O lobishome de Brañaganda*

Brañaganda

David Monteagudo

Acantilado, Barcelona, 2011, 282 páxinas.

David Monteagudo, nado nunha aldea da Galicia profunda e asentado en Cataluña, é un narrador serodio, pero que debutou con moto éxito hai dous anos coa novela Fin. A peza que arestora edita Acantilado, Brañaganda, é a súa terceira incursión no mundo da ficción. Unha novela baseada nas crenzas  e lendas da licantropía ou teriantropía para sermos máis  precisos. Esa crenza, transmitida por lendas populares, no poder de certos humanos para se transformaren en animais carnívoros, polo xeral no animal máis abundante na zona. En Galicia e en boa parte de Europa, ese animal é o lobo. O lobo é un personaxe destacado na literatura popular galega, nas lendas orais que agachan unha grande carga simbólica polivalente. Símbolos que, no dicir de Paul Ricoeur, dan que pensar, mais soamente na medida na que sexamos capaces de enfrontar os seus retos radicais e engadirlles unha interpretación coherente. Porén, a figura do lobishome ou “o lobo da xente” tense resolto frecuentemente a base de tópicos como o demostran a novela de Carlos Martínez Barbeito, El bosque de Ancines  ou a película de Pedro Olea, El bosque del lobo.

David Monteagudo

   Neses mitos e tópicos que nutren a literatura oral galega, alicérzase Brañaganda, a novela de David Monteagudo. A súa achega retrata a vida nunha aldea rural galega, unha sociedade campesiña illada na que os seus moradores se senten ameazados diante dunha cadea de crimes cometidos por un suposto lobishome. O rumor popular atribúeos ao brazo executor dun home lobo que actúa como xuíz moral castigando certos pecados nefandos que se cometían na illada Brañaganda. Na novela, con todo, hai moito máis: amores prohibidos, corrupción, espurias alianzas de poder, silencios que destilan veleno e, sobre todo, a presenza do mal e do terror.

  É aquí onde fraquea a novela de Monteagudo. Ao autor faltoulle a afouteza para apostar por esa alta literatura á que Lovecraft asigna a tarefa de resolver as dúbidas do home racional a respecto do seu lugar no mundo. Función catalizador de pulsións reprimidas, cun imprescindible ensamblaxe de contido e de expresión.  En Brañaganda bótase en falta unha meirande madurez técnica, capaz de suscitar o medo. Prevalece, porén, unha tona de literatura comercial que me fai lembrar a excelente novela de Alfredo Conde, Romasanta. Memorías incertas do home lobo, que liquidan invencións máxicas e pseudocientíficas da licantropía e nos presenta a un “amadamado”, o “home do unto”, o desapiadado “sacamanteigas”  que mataba para facerse rico traficando coa manteiga das súas vítimas.

* Texto publicado o día 20 de decembro de 2011 no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal pinchar aquí