No taller do escritor*

Juan Tallón ( Foto: Europa Press )

 A Pregunta perfecta ( O caso Aira – Bolaño )

Juan Tallón

Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela 2010, 188 páxinas.

    Remato a lectura deste relato de Juan Tallón tendo presente aquela definición da novela que ofreceu no seu día Henry James, un escritor que tamén traballou desde o outro lado do espello. A novela, escribiu H. James, é a casa da ficción (… ) non ten unha senón un millón de fiestras; cada unha das que foi aberta ou pode aínda abrirse. A miña mente vén tamén un texto de Ficciones ( “Examen de la obra de Herbert Quain”) no que Borges  interpretaba a obra dun autor imaxinario. “Quain, di Borges, arrepentiuse  da orde ternaria e predixo que os homes que o imitarían, optarían polo binario, mais os demiurgos e os deuses polo infinito: infinitas historias, infinitamente ramificadas”  Dúas perfectas enunciacións doutra lóxica, distinta da identitaria, a do pensamento complexo, aplicable tamén á narratoloxía e á narrativa.

Na novela de Juan Tallón prodúcese, ao meu entender, a eclosión vaticinada por Borges e ten así mesmo perfecto cumprimento a afirmación de H. James: a novela como casa da ficción. As fiestras de H. James son portas para Juan Tallón. No seu formato de novela breve A pregunta perfecta encerra innumerables preguntas e sondaxes sobre o estatuto narratolóxico na posmodernidade, pero tamén hai un argumento: a procura dos vínculos secretos e invisibles entre César Aira e Roberto Bolaño e un diario do propio vivir dun narrador homodiexético en diálogo cos seus lectores, as súas obsesións por narrar esa historia. A esculca desas ocultas conexións entre os dous grandes escritores latinoamericanos e a dos significados comúns nas súas vidas e obras; a imposibilidade de que queden relacionadas dúas personalidades tan acusadas, outorgan sentido a un relato que, a medida que medra, transforma o vivir  cotián do escritor – narrador. Endalí  que a súa existencia devén só literatura. Xa que logo, A pregunta perfecta tórnase polomesmo metarrelato e tamén paratexto ao modo da non fiction. Unha tematización do acto da escritura que nos permite entrar na casa do escritor e instalarnos no seu taller. O escritor represéntase a si mesmo, e non por narcisismo, o seu nome mesmo figura nos e-mails que recibe de César Aira  ou de Michel Lafon, o seu tradutor en Francia. E por suposto canivaliza non só textos alleos, cos que dialoga, senón toda clase de materiais, mesmo epitafios e o teorema de Ruffini porque todos son imputs  que deben aproveitar os post – escritores, narradores que narran o novo e amplían como nunca as súas fontes de influencia. Así pois, un texto no só metaliterario, senón “intraliteraio” xa que todo se aproveita e forma parte do desenvolvemento argumental. En definitiva, a estética da subversión constante nunha obra que excede calquera categorización xenérica, que narra encontros de escritores e non aburre, abre os lindes da prosa galega e nos sutura coa narrativa máis vangardista de hoxe en día.

* Este texto foi publicado o día 3 de febreiro no Suplemento “Faro da Cultura” do xornal Faro de Vigo. Para ver o orixinal, pinchar aquí, páxina VI. E o día 5 de febreiro no xornal La Opinión de A Coruña. Para velo pinchar aquí, paxina  6.

 

 

Narradores que avanzan cara ao novo

Xa comentei que Juan Tallón é un dos poucos narradores galegos que dirixen o seu relato pola rutas por onde hoxe camiña a narrativa máis vangardista. As etiquetas quedan á escolla do lector: posmodernidade, posnarrativa, metaliteratura, intraliterario, metaficción… pero todos fan ficción do mesmo corpo literario. Velaquí unha escolla de textos tirados das primeiras páxinas de A pregunta perfecta nos que xa todo queda claro, mesmo o título da novela.

Estaba claro: chegara o día, o momento, a hora, non só de escribir aquela historia que vinculaba a Aira e Bolaño misteriosamente, senón o diario do relato, é dicir aquilo que me ocorre cando non escribo pero que sen dúbida afecta á miña literatura. Aquilo que propiamente non ten reflexo no texto, pero que algunha forma ten que ver co texto, porque todo está interconectado”  ( Páxina 12 ).

……………………………………………………………………………………………………………………………

   “Hoxe crearemos a Deus”, anunciou cheo de razón Fitche aos seus alumnos, no comezo dunha das súas clases na Universidade de Jena. Paréceme unha boa cita – ou tan boa como calquera que este a pensar vostede – para ilustrar o momento no que tamén eu comezo a construír a realidade da que xurdirá aos poucos os vencellos escuros que uniron a César Aira e Roberto Bolaño, dous escritores de xeracións contiguas que determinaron a narrativa en lingua española actual” ( Páxina. 17 ).

……………………………………………………………………………………………………………………………

“Pero avancemos. O taller comezou cunha conferencia inaugural encargada a Michel Lafon, como tradutor ao francés de Aira e de Borges e catedrático de literatura arxentina na Université Stendhal de Grenoble. Nunca ouvira falar del, nin por suposto podía imaxinar a importancia  que co tempo ía ter na miña vida. Pero avancemos máis, xusto ata o momento, durante o terceiro día do taller, en que alguén preguntou a César que pensaba da obra de Roberto Bolaño. Ese é. Ese. Xustamente o momento máis importante. Alí na pregunta arrinca todo. Foi a pregunta perfecta”  ( Páxina 28 ).

……………………………………………………………………………………………………………………………

“Lectura de ‘Tres historias europeas’ de Lolita Bosch. Trátase dunha nouvelle e dous relatos (…) A súa arquitectura e dialéctica narrativas, baixo as que se procede a dividir en cachos intelixentes o feito temporal, presentando os acontecementos do pasado e o futuro en orde indistinta, confusa, pero que non impide unha lectura natural e emocionante, achegou o texto ao que eu chamaría unha pequena obra mestra.

   É a primeira obra que leo desta escritora. Comézase a consolidar unha nova xeración de narradores que avanzan en dirección non tanto ao bo, que é algo difuso, como ao novo” ( Páxinas 28 – 29 ).

……………………………………………………………………………………………………………………………

De: Michel Lafon < mlafon@yahoo.fr>

Para: juantallon@gmail.com

Data: 14 / 2 /08 22:11

Asunto: RV: Un relato

Querido Juan,

Do que me preguntas sobre César e Bolaño non sei nada, lamentablemente, que non sexa o que puiden escoitar coma ti durante a nosa estancia en Santander. Pero alégrome de que vaias enfrontarte a esa historia. A min tamén me pareceu memorable. Un gran abrazo. Michel” ( Páxina 33 ).

Os premios Lueiro Rey 2010, edita Sotelo Blanco

    Son, sen dúbida algunha, tempos de crise e penuria no sector editorial galego, que afecta sobre todo aos pequenos e medianos selos editoriais. Abraia ollar os catálogos de certas empresas editoras, outrora florecentes e con abondosas e inconcibibles colleitas, tamén no eido da narrativa, e decatármonos de que as novidades que ofrecen agora son insignificantes, de moitos meses atrás, mesmo de anos nalgúns casos. Por iso saúdo, con non disimulado contentamento, estas dúas novidades que, na súa colección “Medusa” de narrativa acaban de saír dos prelos de Sotelo Blanco Edicións e que os lectores poderán gorentar na primeira semana de xaneiro. Refírome ás dúas pezas de narrativa  breve, gañadora e finalista do Premio Lueiro Rey 2010: As horas rotas de Chelo Suárez Muíños  e A pregunta perfecta ( O caso Aira – Bolaño ) de Juan Tallón. Achégome nunha primeira aproximación a ambas as dúas.

   As  horas rotas de Chelo Suárez Muiños. A poeta e narradora coruñesa bríndanos este pequeno universo ficcional verbo daqueles días sen alba en varias xeracións de mulleres que aturan as consecuencias arrepiantes da Guerra: represalias, paseos, vinganzas, violacións, medos certos e incertos, “ a obtusa barbarie que varre arestora o país”. Na outra banda, os traidores que se rebelaron contra a República, os fascistas que lle teñen querencia ás sombras. Agochados no corazón do bosque, dous rapaces que viven unha tenra historia de amor, no reino dos soños, testemuñas impotentes da barbarie  e os seus pesadelos que sofren os vencidos, convertidos polo feito de seren detidos en carne de reo. E vítimas eles mesmos do odio vingativo dos traidores. Como bálsamo de tanto sufrimento e traxedia, a voz da fraga que propicia os soños dos cativos. Relato inxel, onde  a maxia da natureza impugna as atrocidades dos humanos. Con varios cambios na voz narradora, que non se converten en barreira para que mesmo os lectores xuvenís – e sobre todo eles –  poidan degustar esta novela. O desenvolvemento lírico – sentimental converte As horas rotas nunha achega distinta dos grandes referentes narrativos que sobre a nosa memoria histórica teñen aparecido nos últimos anos.

A pregunta perfecta ( O caso Aira – Bolaño ) de Juan Tallón. O señorío inapelable dos votos quixo que esta novela de Juan Tallón fora declarada finalista do Premio Lueiro Rey. Outra cousa, talvez, é o que poidan opinar os lectores, sempre ou case sempre, intelixentes e espelidos. O autor é quizais o único escritor galego que afonda na metaliteratura  e que realmente encana o relato polos vieiros por onde camiña a narrativa máis vangardista e interesante de hoxe en día, o relato post – moderno. E  a súa novela, se os asuntos das letras no noso país funcionasen como cumpriría, debería de estar chamada a fixar un antes e un despois na narrativa galega. No sámago do relato, a historia dos encontros non producidos entre os escritores César Aira e Roberto Bolaño. Será posible enfiar unha novela verbo de tal trama, arredor dos vínculos secretos entre estes dous escritores, referentes da narrativa máis novidosa en español? Juan Tallón faino con grande acuidade. E nese enigma das citas non realizadas desenvólvese a historia, unha interesantísima novela transxenérica, enriquecida pola intertextualidade – mais as referencias a e de numerosos autores non son enfeites, senón materiais cos que dialoga o autor -, unha incitante  novela, digo, sobre a literatura e o seu sentido. Tamén sobre a vida coa literatura como pano de fondo. Novela que abre os lindes da narrativa galega, superando o étnico e os camiños trillados no tratamento dos discursos narrativos. Cumprirá volver noutro momento demorándonos con máis amplitude sobre este galano de Juan Tallón.