RECONSTRUIDO UN CRIME

Granito

Álex Alonso

Edicións Xerais, Vigo, 2020, 563 páxinas

O orixinal deste libro que arestora aparece publicado baixo o rótulo de Granito,  foi presentado no seu día ao XXXI Premio Torrente Ballester con título de Cónica denigrante, e resultou ganador ex aequo con outro orixinal de Antón Riveiro Coello. Mais as dúas casas editoras viguesas seguen a mesma estratexia: ocultar o nome e o título do libro que tamén ganou o Premio. Unha falsa competencia entre estas dúas editoriais punteiras viguesas. O autor de Granito desempeña o seu labor como tradutor, intérprete da Administración de Xustiza. Autor de varios relatos breves e de narrativa curta, Granito é a súa primeira publicación editada en formato longo.

O núcleo temático de Granito está marcado polo feito do asasinato de catro persoas pertencentes á familia dun destacado empresario do granito, nun chalé de Nigrán a mans de dous policías no ano 1994. De aí parte o interese do autor por novelar aquel tráxico acontecemento, afrontándoo desde a ficción, e tomando como referencia as noticias dos xornais vigueses, nomeadamente as de Faro de Vigo. Segue o procedemento estrutural de inserir os personaxes no contexto de entón, ata chegar ao momento fundamental. Mais, tendo en conta  que na novela está todo inventado, o relato de Álex Alonso é ficción. Unicamente o crime de Nigrán foi un acontecemento real. Quizais o maior interese da novela é a análise da acción e desenvolvemento dos dous policías, ata poder interpretar o que puido acontecer para que chegasen a cometer os catro crimes da mesma familia. Un intento por penetrar na interioridade dos dous policías e nas diversas versións que do crime se deron.

Alex Alonso

Narrada en terceira persoa, aínda que por veces en primeira, e con dous personaxes centrais, os policías Louredo e Vila, se ben na novela interveñen moitos outros personaxes secundarios o que fai da mesma unha novela coral, que reconstrúe acontecementos de aquel tempo, mesmo de carácter futbolístico como contexto da fabulación do crime de Nigrán. A novela, xa que logo, como di a presentación editorial, relata o salto ao baleiro de dúas persoas que “xa levaban o fracaso marcado nas súas costas”; unha acción pouco menos que atropelada e suicida na  que non tiñan nada que ganar.

Máis unha vez teño posto en cuestión  o carácter policial-detectivesco o de novela negra das moitas que se escriben en Galicia. En Granito, na miña estima, predomina o carácter policial-detectivesco porque é o relato dunha investigación e considero que non sitúa en primeiro lugar o retrato crítico da sociedade. Pódense pór en cuestión os usos lingüísticos  que emprega o autor (castelanismos, castrapo, secuencia no castelán que se fala en Vigo). Mais, malia iso, Granito é unha boa novela policial.

(Publicado no xornal Faro de Vigo o día 7 de xaneiro de 2021)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s