UN VIGO SUBTERRÁNEO E CORRUPTO

O autor desta novela, Manuel Esteban, entrou de cheo na narrativa galega cando no ano 2016 lle foi outorgado o Premio Xerais, ficción  coa que comezou a darlle vida ao inspsector de policía Carlos Manso. Dous anos máis tarde volveu presentarnos as pescudas de Carlos Manso, un verdadeiro antiheroe, que, tras vinte anos polas beirarrúas da sociedade, fai do fracaso a súa sinal de identidade, facendo unha investigación verbo dunha rede de pederastia. Nesta terceira entrega, M. Esteban non se afasta do subxénero policial, e o seu heroe/antiheroe volve ser o inspector Manso, primeiro como policía e, logo da súa forzosa xubilación, como detective.

Unha novela que xoga cunha estrutura dupla e dous tempos e escenarios: ano 1998 na illa de Fuerteventura e no Sáhara Occidental, e o Vigo de 2018. O lector, xa que logo, atopará dous saltos no tempo de máis de vinte anos, mais, malia esta arquitectura diferenciada, non impedirá que no desenlace todo converxa. Carlos Manso que na inicial intención do autor, tería de ser un personaxe arisco, volve ser, como na primeira novela do autor, un protagonista con moitas caras. E o autor aproveita esta  circunstancia para mergullarse con profundidade na súa orixe, comportamento e motivacións.

Manuel Estevan

Esa arquitectura dupla ten o seu inicio en Fuerteventura e no Sáhara Occidental, descoidado polos españois e abandonado en mans marroquís, nunha espantada criticada na novela.Na illa e no continente africano, atopamos ao inspector Manso pescudando certos acontecementos relacionados co narcotráfico, a corrupción policial, o enigmático barco American Star, con certas mortes matadas e coa forma pouco apropiada de tratar os nativos. Nesta primeira parte, que leva por título “León e o volcán”, a novela axústase enteiramente ao esquema policial. Pero Manso é un cu de mal asento e o seu labor non se detén. Exercerá en Vigo como detective privado. o autor narraas nunha serie de secuencias que levan por título “O kraken e o mar”, e que corresponden á época actual. Nesta parte, a máis interesante na miña estima, o lector vaise atopar cun verdadeiro inframundo no que no só agroma a maldade e a corrupción, senón tamén a descuberta de varias galerías e túneles soterrados e abandonados na cidade olívica, que serven de agocho para seres corruptos. O relato deriva claramente cara ao detectivesco, con asasinatos, corrupción nas altas esferas da policía e do clero luxurioso e proxeneta.

A vinganza dos homes bos é un texto fragmentario se temos en conta as súas partes que se entrecruzan, o que pode dificultar a lectura dos seareiros da novela lineal. Mais permite recoñecer o protagonista principal na súa verdadeira condición de antiheroe, se ben no desenlace, Manso e convidado a esconxurar as súas pantasmas. O relato móvese entre a novela detectivesca e a novela negra, aínda que, para quen isto escribe, predominan as secuencias detectivescas, se ben, por veces o autor dálle importancia ao retrato crítico da sociedade -marxinal neste caso- e a introspección psicolóxica dos personaxes; o que define a novela negra.

( Publicado na Revista Tempos Novos ( sección Protexta) , no número 283, Novembro, 2020)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s