Aventuras da ciencia convertidas en literatura

A barcelonesa editorial Anagrama agasállanos neste mes cun libro ben singular: Un verdor terrible. Un libro que tirará do lector desde a primeira páxina, cun fío condutor que sutura a ciencia nas súas pescudas, escárceos e hipóteses  e as transformacións que para ben ou para mal insire no mundo e na nosa visión do mesmo, coa literatura.

Todo mesturado con doses de ficción, porque desde a mecánica cuántica ou desde cada personaxe, data, acción ou consecuencia todos,rematan disoltos na incerteza da ficción. Endalí que neste libro é literatura. Un libro que fala da fermosura da ciencia, mais tamén das súas consecuencias nefastas. Benjamín Labatut, naceu en Rotterdam, mais arestora está establecido en Chile. En catro maxistrais relatos, cruzando historia e ciencia, esperanza e terror, compón un verdadeiro labirinto  literario a través da vida de físicos, matemáticos e astrónomos; varios deles personalidades  excéntricas ou esquivas, seres entre o xenio e a tolemia que revolucionaron e moldearon  o século XX.

O autor olla no libro o camiñar da ciencia, desde hai máis de cen anos, ata os primeiros anos trinta do pasado século. Neste libro estraño, sobre ideas estrañas e meso extravagantes, circulan descubertas reais que,ende mal, forman un longo ronsel turbador: o descubrimento do azul prusia, creado no século XVIII que se converteu no cianuro de hidróxeno co que se suicidaron moitos nazis e que o químico xudeu alemán Fritz Haber transformou no gas Zyklon co que os nazis exterminarían a milleiros dos seus compatriotas e a membros da súa propia familia. As explicacións matemáticas de Alexander Grothendieck que o impeleron ao delirio místico e á loucura. Tamén a carta que un amigo moribundo, no foxo da Primeira Guerra Mundial, lle fixo chegar a Einstein coa solución das ecuacións da relatividade e o primeiro agoiro dos buracos negros.

E finalmente a contenda entre os fundadores da mecánica cuántica (Schödinger e Heisenberg) que xerou o principio de incerteza. Neste tempo caótico e turbulento, un libro coma este  -libro de relatos enmascarado en ensaio- debería facernos pensar se o soño do absoluto chegará por conducirnos aos máis temibles pesadelos, a non ser que as ciencias físicas  comecen a se apercibir das súas propias limitacións

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego o dia 15 de setembro de 2020)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s