O ENGANO DO SILENCIO

O que non sabías

Elba Pedrosa

Edicións Xerais, Vigo, 2020, 159 páxinas.

   Aínda que xa tiña algunha experiencia na narrativa  de noso como coautora de Relatos da Rúa II, Elba Pedrosa, tinerfeña denacemento, é unha nova voz que se incorpora á literatura galega cunha novela intimista: de forma eficaz fai abrollar o máis íntimo de cada personaxe, sobre todo dos dous principais actantes do relato: unha nai, Marisa, e o seu fillo, Robert, implicados nunha historia na que se mesturan os habitantes do lugar cos indianos retornados de América.

   Ambientada no rural galego dos anos sesenta, na trama da novela mestúranse amor, segredos e feminismo en doses acaídas; e sobre todo un berro a prol da liberación da muller. Os moitos segredos familiares, os silencios impostos polo prexuízos  da época na que se desenvolve a historia, actúan de xerme para que os personaxes sintan a necesidade de pescudar a verdade.

   A novela dá comezo coa presentación dos dous principais protagonistas e voces da novela: a nai que espera na vía do tren o home que non chega, o que para ela  é un momento de tristura, pero tamén o comezo dunha persoa que chegará a liberarse. E o fillo que só pensa na súa cuadrilla de amigos, e está convencido de que na súa casa lle agochan segredos, especialmente cando se decata da tristeza e dos dores en soidade da nai.

   

Elba Pedrosa

O fillo é consciente da ausencia prolongada do pai, e de que o futuro na vila era fundar unha familia, traballar moito e morrer cedo. Algo lle cheira a misterio, sobre todo ao ver a nai sempre soa, sen home a quen se aconchegar. Unha permanente viúva de vivos, cuxo único territorio e consolo é o silencio. Pero un día a vida comeza a mudar na casa: Marisa transfórmase nunha nova muller, afouta, loitadora e libre. E no fogar empeza outra vida. Co paso da treboada comeza tamén o  rebulir amoroso no corazón do fillo, á vez que a nai tamén sente o espertar do seu corpo.

   A novela, aínda que centrada en dous protagonistas, o que relata é a vida complexa dunha muller que pagou en boa parte da súa vida os erros da mocidade, camuflados cun casamento sen amor, nunha sociedade que non tolera tal escándalo. Na trama encontramos sentimentos encontrados e sobre todo comportamentos cubertos por unha capa de silencio. No remate do libro chegan todas a revelacións, e o lector comprende que o que se consideraba o malo da historia non é tal. A autora xoga con varias voces e sérvese igualmente de recursos epistolares dos que se vale a protagonista para revelar a un terceiro ausente parte da súa intimidade. Una trama en principio atraente, con boa graduación dos segredos que avergoñan o pasado, e con intres por veces dun certo sentimentalismo prescindible.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 2 de xullo de 2020)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s